Facer divulgación científica non é (só) crear un blog

Last updated on 7 / Outubro/ 2015

Hoxe é un destes días nos que un pequeno detalle te ergue un chisco o ánimo. O petróglifo oiense da Laxe dos Cebros aparecía hoxe nun dos sitios web mundiais de maior difusión en termos de divulgación arqueolóxica: Popular Archaeology. Isto en si é unha gran noticia para a difusión da arte rupestre galega, pero o que máis ilusión me fixo foi o titular: Petroglyph in Spain marks when Atlantic and Mediterranean Cultures Met (Un petróglifo en España marca cando se atoparon as culturas atlántica e mediterránea). Ese titular non é casual: foi deseñado por nós no momento de gravar o vídeo promocional do crowfunding de Costa dos Castros. Queriamos contar a historia deste petróglifo conectándoo coa audiencia potencial, e deste xeito guionicei esta idea simple pero forte: estades vendo un punto de encontro entre dúas culturas. A idea forza foi transmitida por aquí e acolá ata acabar sendo o posible detonante da selección da noticia en Popular Archaeology, co difícil que é conseguir que fóra de Galicia teñamos visibilidade para a nosa arqueoloxía.

Isto vén a colación porque nos últimos anos parece que se asocia a divulgación dun xacemento arqueolóxico ao simple feito de publicar un blog con fotos e algún texto de cando en vez, e se tal, unhas fotos de felices visitantes sorrindo en Facebook. En realidade, a divulgación científica é algo que vai máis alá: ten que conectar o obxecto de estudo cunha audiencia ampla, empregando códigos e narrativas que creen vínculos entre uns e outras, e pensando moi ben quen é exactamente a audiencia a quen nos diriximos e que precisa. No vídeo de Costa dos Castros, a nosa audiencia potencial era esencialmente inglesa, así que tentamos crear un discurso honesto pero orientado ao seu concepto da arqueoloxía e do mundo. Axudamos a ver e a resaltar o importante. O encontro entre culturas, un gran tema do noso tempo, axudounos.

Aquí está o vídeo (cunha introdución previa de Dig Ventures):

E non vos perdades tampouco as camisetas promocionais que se poden adquirir: “Rock the boat” ;-)

4 Comments

  1. Miguel
    8 / Outubro/ 2015

    grande verdade, non só é crear un blog, e ter contidos que divulgar, eso é o máis importante, os mellores lápices son os que te obrigan a pensar un 90% do tempo e so te deixan escribir un 10% do tempo. O resto é unha cuestión de megafonía xornalística.

  2. miletinho
    8 / Outubro/ 2015

    Parabéns pola idea e pola difusom!! Mui logrado o vídeo e a narrativa. Nom conhecia o petroglifo, mui intetessante. O único outro exemplo q conheço de representaçom dum barco destas características está no petroglifo da Borna em Domaio (Moanha) ainda q creio q a dia de hoje está sepultado baixo um terraplém da via rápida do Morraço. O barco da laxe dos Cebros (fermoso nome ademais) lembrou-me imediatamente à da Borna. Se atopo algumha referência engado-a logo. De novo parabéns!

  3. miletinho
    8 / Outubro/ 2015

    Retiro o dito. Depois de revisar algumhas fotos, o da Borna é um barco pero distinto e muito mais esquemático. Desculpade.

  4. 12 / Outubro/ 2015

    Desculpas polo retraso en publicar os comentarios. Traspapeláronseme!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará