21 de setembro: Xornadas “Comunicación e Cultura na Europa do século XXI” no CCG

O 21 de setembro organizo, canda Xosé López e Xosé Rúas, unha xornada ben interesante no CCG sobre a relación entre comunicación e cultura na Europa actual. Temos un elenco de relatores ben interesante: desde Carlo Sorrentino, profesor de Socioloxía dos Procesos Culturais da Universidade de Florencia; Mary McCarthy, directora da National Sculpture Factory de Cork, que nos vai falar como se mantivo a creación cultural en Irlanda durante a crise económica; Francisco Sampedro, catedrático de Xornalismo que nos falará sobre a rede e o cuarto poder; Blanca Berasategui, a directora da veterana revista española El Cultural, unha das xornalistas con máis traxectoria neste ámbito no Estado, Carles Foguet de Jot Down, Marta Peirano de eldiario.es, etc…

A inscrición é gratuíta. Aquí tes a páxina con información e o formulario de inscrición. E esta é a sinopse:

A cultura é un dos ámbitos temáticos nos que a confluencia entre creadores, público e profesionais da comunicación e do xornalismo foi máis intensa. Coa extensión das novas tecnoloxías e as profundas transformacións que estas aplican á cultura, ás súas dimensións económicas, artísticas, sociais e lúdicas, xorden novos interrogantes sobre como os medios de comunicación, os axentes culturais e, mesmo, as institucións e os gobernos deben afrontar a dimensión pública e comunicativa da cultura.

A presente xornada tenta, pois, crear un marco de reflexión sobre as políticas de comunicación, o papel da cidadanía, a creatividade cultural en tempos de crise económica, as relacións, moitas veces difíciles, entre o xornalismo e a industria cultural, e o emprendemento comunicativo en materia cultural así como o papel das institucións na difusión e na comunicación cultural.

Esta xornada está especialmente orientada a profesionais da comunicación, da xestión cultural e da difusión da cultura. A finalidade é achegar ao sector cultural galego ideas, debates e portas desde as que construír os alicerces da comunicación cultural da vindeira década.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará