Unha identidade visual para o castro de Remonde (e o seu mundo)

Modernidade, inclusividade e unha perspectiva máis alá das murallas son as claves desta primeira identidade gráfica do proxecto do castro de Remonde

Pois estamos que non paramos con tanto castro. O sábado presentamos, tras un precioso roteiro ao redor do castro de Remonde e o castelo de Pambre, o primeiro material divulgativo do castro e o seu contorno. Trátase dun folleto que contén un roteiro explicativo (doado e para toda a familia) ao redor do castro, o seu contorno natural, os elementos etnográficos da zona e o castelo de Pambre. A publicación puidose facer grazas á colaboración da Vicepresidencia Primeira de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

Como vedes, a imaxe pola que apostamos, eficazmente realizada por Marta Castro, do estudo lugués Ailalelo, racha un pouco cos conceptos de marca e posta en valor de sitios arqueolóxicos non só en Galicia, senón máis alá. Buscabamos unha imaxe moi moderna para operar en contraposición co que é habitual neste tipo de postas en valor: veña petróglifo, veña torques, veña espiral, creando un concepto que encaixa co que se busca para a dinamización deste castro: un espazo no que vir non só a visitar unhas casas redondas (que aínda non sabemos se terá), senón realmente a pasar un día enteiro combinando valores históricos, naturais e etnográfico-antropolóxicos. Un espazo familiar, para todo tipo de públicos, accesible desde toda Galicia, e cun discurso desde o século XXI, desde a formación e unha construción colectiva do que será este espazo o futuro. Cada sitio arqueolóxico e cada territorio precisan tratamentos distintos desde o punto de vista do marketing cultural, precisamos crear ofertas diferenciadas que enchan o noso territorio de sentidos. E temos tanto onde escoller! Ou non?

Para a semana teredes o folleto xa dispoñible para a súa descarga en PDF, pero esta semana é trepidante. Agardo que vos guste a imaxe gráfica! :-)

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará