Un documento histórico excepcional: o dietario/diario de Carmelo Domínguez sobre a Pobra do Caramiñal

Last updated on 20 / Setembro/ 2017


O balandro Canalejas

Hoxe meu pai publica un documento histórico excepcional e inédito, ben interesante para comprender desde unha perspectiva nova a vida das vilas mariñeiras arousás a primeiros de século. Trátase das anotacións que entre 1920 e 1940 fixo o señor Carmelo Domínguez, alcumado “o Canalejas” (1898-1982) sobre a súa vida e a dos seus veciños da Pobra do Caramiñal. O Canalejas alcumábase así porque tiña un balandro de transporte de mercadorías entre a Pobra e Vilagarcía, un traxecto básico para entender a economía e o comercio arousá cando as comunicacións por estrada eran limitadas e precarias.

O diario describe as súas viaxes, ingresos económicos, cargas e destinos das mercadorías e tamén, ás veces, as da competencia. Pero describe moitísimas cousas máis, porque Canalejas intercala nacementos, mortes, bautizos, enterros, festas, asasinatos, abortos, amantes, pelexas, delacións, denuncias, circos, teatros, bailes, asociacionismo obreiro, eleccións e pucheirazos, visitas de barcos estranxeiros civís (que viñan á conserva) e militares (británicos e alemáns), e incluso acontecementos astronómicos excepcionais, como a aurora boreal que se ve na Pobra o 25 de xaneiro de 1938, e que “admira á xente facéndolle pensar en novos castigos”. Pero hai moito máis: o señor Carmelo era un cinéfilo empedernido, e grazas a iso imos poder seguir de forma fidedigna, durante varios anos, a programación cinematográfica de cine mudo e posteriormente sonoro da Pobra do Caramiñal. Imos saber, abraiados, cando os nosos bisavós asistiron ao debut de Charlot, e cando viron por primeira vez a Mickey Mouse, e de xeito máis amplo, imos poder ver como se disputan as carteleiras as producións norteamericanas e españolas.


O almanaque no que foi rexistrando toda a información o señor Carmelo

O relato revela unha vila industriosa, dinámica, cunha importante vida cultural baseada no cine, no teatro e unha vida social na que se alternan as festas populares cos bailes burgueses que van montando os círculos de artesáns e obreiros. É un relato desde un traballador, non desde as elites, e polo tanto é un mundo diferente: a xente morre de tise, os nenos teñen tamén unha mortandade elevadísima, e é unha sociedade tremendamente violenta, con pelexas, roubos, asasinatos, moitas veces de forma totalmente gratuíta. Moitos dos que hoxe se escandalizan con algún crime deberan botarlle un ollo a estas crónicas para saber o que era a violencia en núcleos vilegos e rurais. Tamén sabemos como suceden os primeiros días da Guerra Civil, as detencións, delacións, fuxidas…


Manuel Cerqueiras, primeiro taxista da Pobra, agardando ao mestre do Maño na porta da escola

Pero o documento tamén sorprende porque nos amosa unha Pobra do Caramiñal intensamente conectada co mundo a través do mar e cunha cidade moi específica de América: Nova York. Daquela Manhattan dos anos 20 que sorprendera a Lorca van e veñen pobrenses e palmeiráns continuamente como se estivera a unhas horas de camiño. E non só Manhattan: cada semana entran e saen da Pobra mercantes holandeses, franceses, británicos…É unha sociedade pobre pero acelerada, en camiño a algo novo.

A edición que fai meu pai, xa veredes que moi peculiar, parte da primeira transcrición realizada por Joaquín Domínguez, que foi quen fixo a primeira transcrición, con moita paciencia, do anuario Bailly-Bailliere no que o Canalejas ía escribindo a vida toda. Meu pai prestou especial atención a investigar e explicar moitas das referencias que aparecen no texto: os barcos, buques, estaleiros. Aparece o primeiro taxista da Pobra, o señor Manuel Cerqueiras, que aprendera o oficio nunha casa aristocrática de Santiago, aparece o Noé, o sindicalista e auténtico axitador social dos obreiros da Pobra. Para complementar o texto recurriu a outra fonte inédita que garda unha parte da nosa familia: as memorias do “tío Ramón”, Ramón González Fernández o Perolo, que viviu algúns dos acontecementos narrados polo Canalejas.

Esta é unha primeira versión deste documento, para avanzar este documento excepcional, pero xa estamos preparando unha versión impresa.

Lean e disfruten.

Consultar a introdución do meu pai
Descargar o documento (en pdf)

One Comment

  1. Cossue
    13 / Maio/ 2015

    Impressionante testemunho… Terrível no que corresponde aos anos 36 e posteriores… Como o fascismo se apoderou das instituiçons e de como empregou o TERROR para se impor à gente, os fugidos, os assassinados… E ainda por cima, a um Barbançám adoptivo coma mim a familiaridade dos nomes, dos apelidos, dos lugares… causa-me arrepios!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará