Os ríos de luz de Valladolid

Baixo as rúas de Valladolid transita un pequeno río chamado o Esgueva. O urbanismo acabou camuflándoo e o escaso caudal do Esgueva serpea polas rúas desta cidade mentres torrentes de luz, fluidos luminosos, alumean monumentos e marcan o camiño.

A cidade de Valladolid foi premiada internacionalmente por este proxecto de luz dinámica, que ademáis cambia ao longo do tempo, de forma curiosa. O visitante galego, por exemplo sorprenderase conque as luces dos edificios relixiosos cambien de luz conforme ao calendario relixioso para adaptarse a el (!!!), ou a pervivencia de moitas rúas con nomes franquistas.

Outra das cousas que “rechinan” un pouco en Valladolid. Velaí está o magnífico Patio Herreriano, xoia do clasicismo e da arquitectura do Renacemento. Só algo interrumpe con prepotencia esta marabilla regular: unha estatua a doble escala dos anteriores Reis de España, sentados alí, ocupando un espazo ao que só se debera acceder con tantos méritos como Juan de Herrera.

Valladolid é unha cidade ampla, moito máis populosa do que un imaxinaba, un auténtico corazón económico no interior de Castela. A topografía da cidade corresponde ao seu momento de máximo apoxeo, nun renacemento ben masculino, católico, eclesiástisco e austero. A noite xélida vaite levando polos focos de luz: igrexas e monumentos fican prendidos no medio da intensidade mentres o tempo transita baixo os nosos pés. Casco antigo e edificios novos están superpostos: de Valladolid desapareceu o pasado civil e quedou o dos curas e, algo, o dos aristócratas.


Nalgúns pazos pódense visitar antigos beléns napolitanos do século XVIII, un prodixio do desenfado, da miniatura e da paixón por recrear mundos.

Para repoñer forzas despois deste xélido paseo o noso amigo El Pingue, gran castelán, recomendounos un sitiño petado de xente preto da Praza Maior, o Villa Paramesa. A penas reserva mesas e alí sírvense deliciosos pinchos de cociña miúda a prezos moi asequibles e interesantes toques creativos. Un lugar interesante para zafar dos clásicos bodegóns casteláns, que están moi ben pero o corpo tamén pide outras cousas nestas frías noites de inverno.

Fotos: Sole Felloza

2 Comments

  1. El pingue
    13 / Xaneiro/ 2015

    Espera, que me quitó la sonrisa de la boca. Preciosidad de fotos. Y cierto cariño a mi tierra.:)

  2. Alvarez
    13 / Xaneiro/ 2015

    Permítame que o corrixa no seu comentario “unha estatua a doble escala dos anteriores Reis de España”.
    España é tan GRANDE que ten dous reixes e duas raiñas, oficialmente, polo que ese Católico, Apostólico e Romano matrimonio do claustro é dos actuales reises da España libre e una.
    Por certo, coma sempre preciosas fotos dunha fermosa terra.
    Saude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará