Ata sempre, Don Olimpio

Eu a Don Olimpio coñecino virtualmente, e moito, antes de poder darlle a man. Traballabamos en culturagalega.org cun especial sobre A palabra no tempo, unha magnífica serie documental sobre tradición oral producida por Nemedón, se cadra a mellor que se teña feito en Galicia sobre o noso imaxinario. Don Olimpio era entrevistada nela, e falaba da súa infancia, e de como na súa casa os viaxeiros eran acollidos pola noite, sen saber o seu pasado, “porque a quen viaxa había que darlle calor e agarimo”. Pronunciadas estas palabras por Don Olimpio, un imaxinaba unha casiña humilde na que sempre había unha cunca de caldo cun xeneroso bocado de unto, nenos de ollos grandes mirando ao descoñecido e unha lareira prendida. Escoitei moito a don Olimpio, traballamos moito dixitalizándoo, e un día, un compañeiro de traballo entrou na redacción dicindo: “Traballamos demasiado. Acabo de ver ao vello do vídeo no Obradoiro”. Non dicía mentira: seguramente don Olimpio subira das súas terras da Estrada e Tabeirós para a vella capital.

Don Olimpio Arca, historia viva dos concellos do interior pontevedrés, presentounos Herdeiros pola Forza na Fundación Terra Termarum. Del eu creo que recibimos o mellor calificativo que se nos deu, e posiblemente do que me sinto máis orgulloso. “Estes dous son uns cachondos mentais”. Está no vídeo. Podedes velo e seguramente escoitaredes as gargalladas de Xurxo e miñas a continuación. Aquel día sentinme parte dunha vella xenea de homes nobles dos que don Olimpio era un dos últimos representantes: fieis servidores do público que nunca esqueceron que a humanidade é o centro de todos os traballos, e de a curiosidade nin se esgota, nin ten fronteiras, nin hai que deixar que llas metan. Hoxe quero desexarlle adeus dándolle un abrazo de amigo. Sei que morreu rodeado dos seus, que o querían moitísimo. E mesmo ao mellor aínda o fixo soltando unha pulla, botando unha chanza, ou pedindo un libro para consultar algo que lle viña á cabeza no mesmo momento de marchar.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará