Cando as baleas entraban na ría de Arousa

O que hoxe presento en Capítulo Cero é algo excepcional e marabilloso. Dous poemas populares compostos en momentos recentes do século XX que narran dous acontecementos significativos na Ría de Arousa: a aparición de baleas nos portos de Escarabote e do Bodión, ambos os dous en Boiro, e o comportamento dos habitantes da ría, tanto labregos como mariñeiros, ante un fenómeno tan singular. Tede en conta que na Arousa, a diferencia doutros portos do litoral galego, non había ningunha compañía baleeira, así que para moita xente, ver estes enormes mamíferos mariños era un acontecemento digno de ser lembrado, ou mesmo de ficar fixado na toponimia (Punta Ladiña / Praia da Balea na Pobra do Caramiñal).

Teño que agradecerlle a meu pai, Manuel Gago Pérez, a sorprendente e magnífica investigación que está a levar a cabo, recuperando a memoria oral dos pequenos portos da Ría de Arousa. Del, e das xentes que os conservaron na memoria, son os méritos de que hoxe poidamos publicar isto aquí.

A primeira das coplas refírese a unha balea que bateu contra as pedras do peirao do Bodión (Boiro), onde hoxe está a fábrica de JEALSA. Contan que a balea ficou atrancada e viñan xentes de toda a contorna para vela. Habían que saltaba riba dela e xogaba, e a memoria estira a permanencia do animal, que de acordo con esta lenda aguantaría anos no porto. A señora Lola (a Cuca) de Ferreiros lémbrase de fragmentos do poema que hoxe podemos publicar aquí:

Xa vos direi mais tarde
o que lle ocorre a Barreiro,
non lle quixo dala carne
os vecinos de Abanqueiro.

Xa veredes vos agora
a Praia do Bodión
qué bonito queda o ancoradoiro
coa graxa do xibarrón.

Uns dín que é unha balea
outros un xibarro
quen levou un saco dela
foi Cachiñas de Graso.

O señor Agustín viña
na procura dunha rebanada
non tiña onde levala,
lévalla a neta na faldra.

Acudiron de Cespón,
de Bealo e Taragoña
para matar a Balea
todos traían lagoña.

Decían os mariñeiros
aí ven un barco de guerra!
E cando varou na praia
resultou ser unha balea.

Andades mortos de pena.
Seica vos chegou o cheiro
que traía a balea?

Outros veciños da zona aclararon que seica chegaron traballadores das baleeiras da Costa da Morte, e levárona para o aserradoiro do señor Figueiras, onde a descuartizaron e cortárona en toros para levala de volta á factoría.

Outra balea que xenerou un auténtico acontecemento foi a que embarrancou en Peralto (Escarabote), e aínda debía estar viva. Queda a memoria dela en señores e señoras moi maiores que era nnenos cando o viron, e as coplas que se inventaron valeron para preservar esta memoria. O poema chegou moi mutilado a nós, pero chegou. A señora María Treus, dos Casais de Graso, lémbraa porque xa que ela era da aldea da Madanela, cando tiña que baixar á Vila (a Pobra do Caramiñal) a vender os produtos da horta íaa cantando, coas outras nenas, polo camiño. A copla completouse cos recordos de Tareixa Abuín, axudada polo seu home Bieito López.

Aquí vamos a cantar
Escoitade esta gran cousa
Un peixe de vinte metros
Entrou na ría da Arousa

Dixemos os mariñeiros
Aí ven un barco de guerra
Cando varou na praia
Vimos que era unha balea

Eran as catro da tarde
oéuse unha ghritaría
que lle foran acudir
que a balea os comía.

Mátala, mátala
no la puedo matar
¡qué dientes, qué ojos
tiene el animal!

Acudiron de Rianxo
Cespón e Taragoña
Para matala a balea
Todos traían a lagoña.

Viñeron de San Isidro
De Gonderande e Lesón
Para matar a balea
Todos traían arpón.

Nin valeron as lagoñas
Nin valeron os arpóns
Que quen matou a balea
Foi un tal José Ramón.

Mátala, mátala
no la puedo matar
¡qué dientes, qué ojos
tiene el animal!

Ven unha muller moi gorda
Que vive alá en San Paio
E quere cincoenta quilos
Se mos dades polo rabo.

Pa levar nun feixe
Foi pedir un cabestro
E tanto quixo cargar
Que hasta lle rompeu o cesto

Comeron peixe sen conto
Ela e mailo seu señor
Ala polo medio da noite
Chamaron polo doutor.

Mátala, mátala
no la puedo matar
¡qué dientes, qué ojos
tiene el animal!

Fican medio perdidos algúns versos, como que un home da Vila algo facía á balea, mentres que outros facían referencia a que os “zapatazos” (coletazos) que daba o animal eran tan fortes que os salseiros do mar chegaban ao campanario da igrexa da Madanela. A historia é enormemente literaria, ata na súa confección: o autor parece ser que foi o señor Abelardo o Tatano da Angustia, que era analfabeto. Entón, como facía as coplas? Cada vez que lle viña a inspiraión, chamaba pola muller para que llas escribira sen importarlle se eran as tres da tarde ou as dúas da mañá. Haiche cousas que non poden esperar. A señora sabíao e ía con lápis e papel para a mesiña de noite. A composición circulaba en papeis e na palabra da xente, e mesmo chegou a competir nunha sorte de certame na Coruña.

Os dous textos, como vedes, son unha xoia para comprender os mecanismos da memoria a través da tradición oral. Se vos fixades, todo está pensado para que a memoria sexa preservada: desde a rima ata a repetición de recursos nas dúas composicións. Pero hai elementos singularmente valiosos a nivel antropolóxico, como é o feito de que sexan os labradores e non os mariñeiros os que baixen a saquear a carne da balea. A copla, composta por mariñeiros, encaixa coa tensión social que eu teño detectado en recompilacións de tradición oral no Barbanza: a caracterización ridiculizada do outro grupo social e económico. A paisaxe, con ducias de persoas saqueando a carne destes xigantes do mar, debeu ser similar durante centos ou miles de anos da historia arousá.

18 Comments

  1. manuel gago
    17 / Setembro/ 2014

    e quedouche estoutra da parte do Chazo:
    Estas xentes débenche ser moi gaiteiras, por un nadiña móntanche unhas copliñas, sen ir mais lonxe, no ano´35 na praia de Angados apareceu unha toniña e tamén lle montaron outra “homenaxe” que a recorda moi ben o señor Bautista Suárez, nonaxenario, de Porto de Mouro:

    Anda lixeira María
    traime a cortiza do sal
    para salala toniña
    que saleu en Sucordal

  2. 17 / Setembro/ 2014

    Qué historia mais bonita e impresionante. Moitas grazas por contárnola. E un traballo impagable o do teu pai. Un saúdo,

    Xoán

  3. 17 / Setembro/ 2014

    Moitas grazas, Xoán. A verdade é que meu pai está a facer un traballazo, e desde aquí eu tamén llo agradezo publicamente.

  4. 1 / Outubro/ 2014

    Pídoche permiso para enlazar dende o face da cemma.
    De que anos estamos a falar?, non tiñamos notificación deses varamentos.
    Hai un varamento que é o de Rianxo de 1917, que recolle Dieste no seu conto De como chegou a Rianxo unha balea. Está moi ben documentado. Descoñezo se existe copla.
    Houbo outros varamentos antigos na Mariña, de cachalotes.

    Alfredo

  5. 1 / Outubro/ 2014

    Claro, enlaza cando queiras. Estes varamentos son dos anos 30 e 40, polo que eu sei. Temos referencias doutra en Vilaxoán do ano 1916.

    M.

  6. 1 / Outubro/ 2014

    Ah, esa é a que digo eu, púxenche a data de memoria, porque é a data na que Sobrino publica o caso.
    Apareceu viva en Rianxo, onde a viu Dieste, e foi morrer a Vilanova, á praia das Sinas, ten que ser a mesma. Teriamos que buscar a documentación para confirmalo, debemos ter na CEMMA todo. Era unha balea boreal, Balaenoptera borealis, e hai foto. O lío montouse porque os de Rianxo fórnonlla reclamar aos da beira sul. Igual hai copla tamén.

    Entre os anos 30 ou 40 non pode ser que a levaran a outra balea para a factoría, neses anos non había ningunha en funcionamento. Ou ven tivo que ser no ano 1924-27 ou a partir do ano 1955. Que foi cando funcionaba Caneliñas.

    Alfredo

  7. 2 / Outubro/ 2014

    No se si fue 1973 , un ¿cachalote? llegó a la playa de Coroso , recuerdo a un hombre quitándole los dientes con una macheta,

    tengo copia de una publicación titulada :
    Notas de un preito antre os veciños de varias freigresías da xurisdición de Noia e o Arcebispe de Sant-Yago, sobre o aproveitamento de unha balea botada pol-o mar, 1577
    POR SALVADOR CABEZA DE LEÓN ( hermano de mi bisabuelo).
    Los vecinos declarantes son:
    Diego de Ajeitos (de Serans)
    Rui Pallon ( de Corrubedo, xurisdición de Don Diego d Xunqueiras)
    Pedro de Bermo ( de Corrubedo)
    Alonso das Viñas, o Vello ( de Santa Uxía)
    y otros

  8. 2 / Outubro/ 2014

    Que interesante, Juan! Ese texto onde se pode consultar, onde se publicou?

  9. 2 / Outubro/ 2014

    Xa localicei a referencia. Nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos. Vol. V (1930) Cando poida, bótolle un ollo, porque a cousa promete!

  10. juan cabeza quiles
    2 / Outubro/ 2014

    lo tengo en casa , si quieres te lo fotografío , uno de los testigos habla de un pez moi grande chamado alifante

  11. 2 / Outubro/ 2014

    Ya te lo mandé , en 5 mails de fotografías . disfrútalo!!

  12. juan cabeza
    4 / Outubro/ 2014

    ¿lo recibiste?

  13. 4 / Outubro/ 2014

    Grazas, Juan, si. Faltan páxinas pero non te preocupes, xa pillo o artigo enteiro na Biblioteca da Universidade. Grazas de novo!

  14. 4 / Outubro/ 2014

    ¿cuales te faltan? , te mandé 5 mails ¿cuantos te llegaron? te vuelvo a mandar los que no recibiste, dime qué páginas te llegaron , por favor

  15. 9 / Outubro/ 2014

    O interesante dese texto de Cabezaquiles é cando unha testemuña di que de semrpe comeron as baleas que aparecían varadas en Corrubedo e que aparrecían moitas cousas, como por exemplo ALIFANTES. Que carallo serían hai 500 anos alifantes?. MimaaÁ. Coñezo ese texto dende o ano 1991, polo menos, case de memoria. Na biblio da CEMMA debémollo ter completo por se vos falta algo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará