U2 e Apple: unha alianza envelenada?

U2: indubidablemente unha das bandas rock máis famosas da Historia, unha auténtica icona musical de finais do século XX e principios do XXI. É dicir, unha poderosísima marca capaz de facer unha pequena revolución en cada lanzamento dun novo álbum. Ata agora, precisamente, ese era o momento cumio de calquera gran banda: un acontecemento singular que acontecía cada dous ou tres anos e que marcaba o inicio de apoteósicas xiras mundiais.

Sen embargo U2 apostou por vincularse a outra poderosa marca global, Apple, con intereses na industria da música como vendedor, pero indubidablemente, con un gran espectro de valores adicionais vinculados á creatividade, á tecnoloxía, etc. Como agasallo para os seus usuarios, Apple decidiu agasallar o contido do seu último álbum, Songs of Innocence, aos seus usuarios; a data, coincidindo co lanzamento do iPhone 6 e o Watch, fai pensar en que é parte da mesma campaña; como obxectivo colateral tamén pode estar potenciar o iTunes Match, o servizo na nube de Apple no iCloud. Acordos coma este levan tempo, así que é posible que non teña moito que ver co filtrado de datos de famosos que realizaron os hackers desde os servidores de Apple hai poucos días.

A cuestión é que teño certa percepción de que U2 errou notablemente na súa estratexia ao escolleren como socio de lanzamento a Apple. Literalmente, devorou o lanzamento do disco na marea de opinións e comentarios do iPhone, e todo parece indicar que o novo álbum de U2 (sen entrar en valoracións musicais) vai pasar sen pena ni gloria, como bailarina máis do ballet dos teléfonos bonitos de Apple. Tiña sentido para unha enorme marca global como U2 entregar o seu máis prezado ben -un álbum completo de 11 pistas- a outra marca que a ía empregar como parte das atraccións da súa feira de Nadal? Tiña sentido sacrificar parte da escasa, e cada vez máis curta, escala da economía de atención que te dedican os consumidores, dentro dun acontecemento tecnolóxico global?

Na miña opinión, U2 cometeu un erro estratéxico vital, pero alén diso hai unha reflexión sobre como deben comportarse as marcas dos creadores en relación ás marcas dos vendedores e os distribuidores no futuro desta economía dixital da cultura ou da economía da cultura dixital. Porque todo indica aquí que neste novo mundo os osos dan abrazos demasiado fortes e amorosos.

3 Comments

  1. 12 / Setembro/ 2014

    Para min o grande erro foi o xeito no que Apple regalou o disco de U2. Apple tiña que pór o disco de balde na súa tenda por tempo limitado, para que o descargase quen o quixese, pero engadilo directamente á biblioteca dos usuarios de iTunes foi unha transgresión nos dispositivos dos usuarios (que en moitos casos ven como un disco que non pediron está a consumirlles espazo de almacenamento e resulta especialmente complicado de eliminar).
    Que aparezan artigos en numerosos blogs tecnolóxicos explicando como facer para librarse do último disco de U2 non é precisamente boa publicidade. E tamén fai que o suposto “record” que marcaron co lanzamento estea totalmente falseado (eu mesmo conto como 4 ou 5 adquisicións dun disco que non me interesa, simplemente porque teño varias contas de Apple).
    A min o que aconteceu co disco de U2 lembroume a cando Amazon borrou remotamente dos dispositivos Kindle o libro 1984. Ver que as compañías se entremetan nos nosos trebellos é algo moi agresivo que debería limitarse a casos excepcionais (como para eliminar malware detectado) e non para simple accións promocionais.

  2. 12 / Setembro/ 2014

    Un punto de vista interesante e complementario, Marcus. Efectivamente, toda unha lección das compañías sobre que é o que pensan realmente do espazo que lle ceden aos usuarios.

  3. Xoán Castro
    14 / Setembro/ 2014

    Coa promoción esta debéronse cubrir de gloria, porque tanto vin usuarios de iTunes queixándose de que non lles aparecía o disco na libería como outros encabronados porque Apple lles colara un ‘virus U2’ :P

    É certo que con todo isto o disco queda diluído por completo pero se cadra, para unha marca como U2 (global, recoñecida e millonaria… pero en lenta decadencia) un disco xa non sexa “o seu máis prezado ben”. Igual entenden isto como un comodín para promocionar U2 -non o disco- e revalorizarse ante unha nova xeración coa que teñen bastante menos gancho.

    Eu non o vexo claro e tamén penso que unha exclusiva temporal tería máis sentido pero se cadra ese é o futuro que lles queda a certos grupos. Que Apple, Amazon ou Google financien os discos para usalos nos seus servizos de música tal como Netflix & Cia comezan a producir as súas propias series.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará