Canta Irlanda: a viaxe literaria de Javier Reverte

Escribir un libro de viaxes no mundo actual é ben complicado. En primeiro lugar, porque existe Internet, e iso cambia moito o escenario (moito pode ser lido, moito pode ser visto), e en segundo lugar, porque para min moitos libros de viaxes sempre se alimentaron do exotismo, de cultivar a imaxinación dun lector que dificilmente chegará a ese destino por múltiples causas, e hoxe moitos deses destinos en realidade están a un paso de liñas de baixo custe e do turismo de masas. Diráseme (con toda a razón) que desde logo Roumeli, ou Un tempo de agasallos, de Patrick Leigh Fermor, seguen a ser enormes obras de viaxes malia falarmos de territorios próximos, pero debera contestar que case ninguén (ou directamente, ninguén) é como Patrick Leigh Fermor.

Javier Reverte afronta en Canta Irlanda un libro de viaxes por un destino relativamente habitual para os turistas españois. Malia ser unha periferia europea, Irlanda é recoñecible, visitable polos estudantes de inglés, e mesmo bastante visitada por cidadáns de territorios como Galicia ou Euskadi. O cóctel de estilo de Reverte é recoñecible das súas obras anteriores: o viaxeiro vaga só polo país, cunha orde máis ou menos determinada, e vai acompañando a súa viaxe solitaria co apoio das referencias librescas ou cinematográficas. Digamos que a estampa de Reverte, nos seus libros, é a dun señor sentado nunha mesa bebendo viño ou, neste caso, acobadado nun pub cunha pinta mentres o resto do mundo vai pasando. O libro de Reverte, neste sentido, é unha sorte de repaso pola literatura contemporánea irlandesa, o movemento de secesión do século XX, e algunhas referencias do cinema coma O home tranquilo, de John Ford, todo isto acompañado por numerosa poesía popular, cancións de pub.

Neste sentido, quero pensar no libro de Reverte máis ben como unha introdución á cultura literaria e das elites irlandesas do século XIX e XX, máis que coma un libro de viaxes, nos que achega ben pouco. O habitual desinterese de Reverte polo pasado un pouco anterior, pola arqueoloxía, pola etnografía ou a antropoloxía cultural, furta ao fermoso territorio irlandés da súa explicación humana, que vai moito máis alá. Á Irlanda de Reverte, como a anteriores destinos que el tratou, como Grecia, fáltalle a calor humana das xentes, pero tamén o procurar entender a estas xentes ao longo dos séculos. A súa visita ao impresionante túmulo de Newgrange, por exemplo, non vai máis alá da comprensión que del tivera un turista xaponés sen coñecementos previos de Irlanda. Obviamente, o seu enfoque é notoriamente deliberado, e Reverte coñecerá a fórmula para agradar aos seus lectores coas súas historias. A min gústame unha Irlanda que vai moito máis alá, esa Irlanda máis chea de historias e paisanos, alén das conversas casuais de barra de pub. Afortunadamente, a illa esmeralda pode con todo, e fago votos porque haxa moita cervexa para que sigan existindo distintas e diversas lecturas dos territorios.

4 Comments

  1. 18 / Agosto/ 2014

    Eu opino que os libros de viaxes máis interesantes de Javier Reverte son os de África. Considero que hai unha gran diferencia entre estes e os demais…

  2. jose alvarez
    21 / Agosto/ 2014

    Coidado coas visitas o National Trust que enganchan!.
    Con isa oferta de 3 por todo, acabamos facendo a viaxe visitando os seus palacios e terras e costas e pobos e logo de varios anos ainda temos o mono…

  3. 23 / Agosto/ 2014

    Si, son aditivas. Nós mercamos un Explorer Pass para usar durante sete ou oito días. Tremendo! :-9

  4. Xacordei
    27 / Agosto/ 2014

    Reverte entretén e che ofrece un anecdotario da viaxe adornado con capítulos da historia local. Está ben. Eu leín toda a súa obra e paréceme moi correcta para os tempos que corren.

    Paddy….Isto son palabras maiores!. Literatura de verdade. Para leer con tempo e deleitarse con toda a filigrana artesán dun auténtico ESCRITOR. Todo é bo en Fermor. Mellor dito: Todo é excepcional na súa obra. Na miña modesta opinión, un libro salienta sobre todos os demáis -que no son moitos pero, repito, todos excelentes-, e iste é MANI: un monumento que debería catalogarse como patrimonio da humanidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará