Máis datos sobre o novo castro de Isorna

O outro día demos conta do achado dun novo castro localizado na parroquia de Isorna, en Rianxo. Nesa ligazón previa tedes os detalles, pero volvimos desta volta para poder botarlle un ollo máis cómodo a través da espesa vexetación, co obxectivo de entender mellor o sitio arqueolóxico e xa afinar máis a súa cronoloxía.

En primeiro lugar, botádelle un ollo á foto do 56. Aquí arriba só puxen unha visión xeral, pero permítenos ver como hai só cincuenta anos a paisaxe era moi distinta á actual e, desde logo, moito menos poboada. O castro, pendurado nun esporón, está ollando cara o Ulla. Isto vai ser importante para o que vos contemos despois.

Despois de adentrarnos na “manigua”, como lle chamaría a miña avoa, eu creo que a fortificación xa se pode entender totalmente como castro, á luz das súas estruturas. Trátase dunha fenomenal obra de enxeñaría: toneladas e toneladas de terra acumuladas para xenerar non unha, senón varias plataformas que acadan pendentes pronunciadísimas. Aínda non está ben estudado o tema da construción dos castros, pero o deseño desta fortificación é bastante eficiente, e mesmo puidemos apreciar parte da vontade dos seus creadores.

Nesta foto panorámica de arriba podedes apreciar a croa do castro, á esquerda, como se conserva aínda lenemente un reborde da muralla e a partir de aí, chea de vexetación, unha espectacular pendente duns cinco metros alomenos ata a zona inferior. Ollo, porque á luz do que alí se ve (pouco, pola frouma) é ben posible que a muralla tivese, alomenos, un núcleo a partir de mampostería.

Aquí podedes ver nas curvas de nivel como esta xente transformou totalmente a ladeira do monte, alterando o sentido das curvas de nivel a partir dunha formidable acumulación de material. Moitas veces, os castros constrúense a partir dunha penedía a partir da cal fan medrar a superficie habitable ao carón. Neste caso, non localizamos a penedía no interior da croa, aínda que pode ser que estea formando parte da entullada inferior. Toda a croa é unha plataforma totalmente regular: só hai alteracións de altura nas proximidades da terraza do oeste. (flecha branca). Un dato máis intrigante, e que posiblemente explique por que se “esquenceu” este castro na prospección da autovía é o que podemos observar na frecha negra: unha potencial estrutura arqueolóxica que descende pola ladeira e que acaba “colisionando” contra a autoestrada. Efectivamente, no descenso puidemos apreciar certas evidencias de derrubo, pero a vexetación impediunos vela con claridade.

Nesta nova visita podemos confirmar o que xa se vía no LIDAR: a existencia dun aterrazamento intermedio, duns cinco metros de anchura, que monumentaliza a visión do castro na súa apreciación desde as vías de comunicación terrestres e fluviais da zona. Con isto sen árbores, a vista do castro aínda hoxe debe ser espectacular e moi masiva. Nas seguintes fotos podedes ver a tremenda pendente do parapeto e a configuración do castro -diriamos que clásica- con parapeto, terraza e novo parapeto antes da croa.


Esquerda: Parapeto Oeste. A mochila vermella marca o inicio da terraza e Elixio está no borde superior do parapeto. Dereita: o mesmo parapeto visto desde arriba.


Aterrazamento na banda oeste.

Non é prudente avanzar cronoloxías -a arqueoloxía amósanos continuamente como un se pode equivocar con iso- pero as evidencias morfolóxicas estannos a falar claramente dun castro (eses aterrazamentos), e non só iso, senón dun recinto espectacular, complexo e bastante importante.

Un dato intrigante é que hoxe o castro está repoboado por eucaliptada infame, pero na foto do 56 apréciase a croa chea de material branco -posiblemente rochas. Ou ben esa pedra foi retirada, ou o que recolle a foto do 56 é cachotada miuda que foi recuberta pola repoboación, etc. Na foto do 56, de feito, pódese apreciar moi ben unha muralla pétrea na banda leste que hoxe xa non existe. Incógnitas que non é posible desvelar co nivel de abandono deste lugar.

3 Comments

  1. Roi
    8 / Xuño/ 2014

    Que magoa que se atope nese estado. E ogallá fose o único…

  2. 8 / Xuño/ 2014

    Así deben estar o 70% dos castros do país… de todos os xeitos, hai que dicir que este se atopa en mellor estado do que agardabamos.

  3. Mighel
    5 / Marzo/ 2018

    Levo 40 anos subindo ese monte. Subín fai anos cando ardeu. Dúas murallas concéntricas separadas 2 metros arox., Unha de case 2 m. de espesor e outra máis estreita. No cume vense restos de construccións redondas e alguna cuadrada, pozos, e a pouco que fures co pé cunchas, cachos de cerámica etc. Tamén hai varias lendas sobre mouros, a escalera de ouro, as tres potas co tesoro, a cova de Xil… Cando queiras subimos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará