No murmullo do canón: o roteiro do río Arnoia (PRG-143)

A primavera petou. A primavera estirou os brazos coma un xigante que levara durmindo a sesta, metido nunha cova, varios anos. E xa nos costaba recoñecer tantas cores, tanta vida, e tanta natureza asomando baixo un sol morno, apetecible, aínda fresco pero no que se percibe o cheiro dozón do polen. As terras de Celanova son un pequeno paraíso descoñecido, no que en función das sombras e orientacións das montañas prodúcense cambios radicais e poderosos de vexetación, oscilando entre o Mediterráneo e o Atlántico. E os montes saben moito aquí de luces e sombras.

O río Arnoia, que agarima mansiño Allariz, ponse aquí bravo, nestas terras de Cartelle, de Gomesende; colleitou augas de aquí e acolá, regueiros, regos, regatos e ribelas, respirou fondo e introduciuse no seu propio canón, enchendo o fondo profundo dos montes dun caudal incesante, azul, que por veces repousa agarimoso e outras colle velocidades de desxeo pirenaico. O canón alterna os seus bosques, as devesas cos bosques de sobreiras, e o aire énchese da fragancia de miles de flores.

Estamos no roteiro de sendeirismo PRG-143, o Roteiro do Río Arnoia. Un itinerario un tanto confuso, que nós fixemos de 14 kilómetros pero que, posiblemente, ficaría redondo nuns oito ou nove. O roteiro sae da aldea de Escudeiros, cun notable cruceiro e peto de ánimas, e de alí baixa ata o canón do Arnoia. A xoia da coroa é o paseo polo canón. Faise pola antiga canle dunha central eléctrica, que vai seca durante varios quilómetros de decorrer fragoso, cantís serráns e río encanado. Agora ben, ollo que hai truco. Coas chuvias do inverno, a primeira parte da canle, uns 100 metros, está inundada. Hai que facer equilibrios sobre o murete que divide a canle do río ou, iso recoméndoo eu, descalzarse e camiñalos pola canle, coa auga fresca e deliciosa do Arnoia correndo polos teus pés, e os teus pés pisando os liques e algas de río que tapan a fondo deste primeiro tramo da canle.

arnoia_1
O río e máis a canle inundada pola que tes que andar ata chegar á canle seca.

Superado este escollo, o resto é un paso marabilloso pola canle, unha subida dura ata o castro do coto de Seoane. Alí quedarás coas gañas de pasar. Obsérvese nestas fotos a guarnición defensiva actual do castro.

arnoia_7

arnoia_8

E logo descenderás outra vez, case a rolos, ata o Arnoia, noutra parte do canón. E chegarás ás terras, aos bosques impenetrables nos que don Antón Alonso Ríos, presidente do Consello de Galiza, o goberno galego no exilio, repousou, convertido nun moinante, o siñor Afranio, trala Guerra Civil. Aquí, nestes canóns, nestas aldeas arruinadas hoxe por todos os exilios políticos e económicos desta terra, viviu o siñor Afranio, escondido en tobos, durmindo en palleiras, sentindo o rolar dos muíños batidos polo Arnoia. Máis alá, o roteiro chegará ao Viso, e o silencio do lugar no que os homes foron, e o lugar do que os homes marchan, acompañaranos ata o lavadoiro, que xa non lava nada, e nos sacará do lugar polo camiño de Defuntos. Defuntas están as casas. Vizosas as carballeiras que o rodean. E logo xa todo é monte. Monte, túmulos megalíticos que desafían as liñas do céo. Santuarios inacabados. E o ceo azul e limpo das pouco coñecidas Terras de Celanova.

arnoia_8

Fotos: Sole Felloza

3 Comments

  1. Manuel Abelardo Senande Freire
    22 / Abril/ 2014

    Estuven hai dous anos nunha casa rural do Viso ,concello de Ramiras , e fixemos una ruta que penso que e’ a mesma da que falas. Salia dun lugar un pouco mais arriba do Viso e remataba nunha igresia solitaria que non acabaron de facer.

  2. 22 / Abril/ 2014

    Efectivamente!

  3. Manuel Abelardo Senande Freire
    22 / Abril/ 2014

    Moi bo paseo.Un saudo dende Lira, Manuel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará