Na cidade rusa de Novgorod atopáronse uns importantes documentos que nos contan a historia desde abaixo. A xente empregaba a cortiza de bidueiro para escribir notas, e iso significa que para o periodo medieval ruso, en determinadas cidades, non nos queda só o rexistro das compraventas, testamentos e textos legais de curas e nobres -documentos necesarios pero profundamente distorsionadores, ao meu ver, á hora de analizar sociedades antigas-. O que nos queda tamén é un marabilloso retablo da vida cotiá, e aí é onde entra a historia de Onfim, un neno que combinaba, coma todos, as prácticas de lectoescritura coas representacións do seu mundo real e fantástico.
Os debuxos de Onfim, que non era especialmente habilidoso nas artes da ilustración, aínda que si teimudo e soñador, dan conta das fantasías dun neno medieval, de finais do século XII. Conta a historia Paul Wickenden de Thanet.
Nesta ilustración, Onfim estaba practicando o alfabeto na parte de arriba, pero aburriuse e representouse a si mesmo, etiquetándose como “Onfim”, como cabaleiro e alanceando a un enemigo.
Nestoutra cortiza tamén Onfim se nos cansa. No anverso estaba practicando con textos, pero deulle a volta e representouse a si mesmo caracterizado como un monstro dunha longa lingua. Puxo ao carón: “son unha besta brava”.
Nestoutra Onfim continuou retratando o seu mundo. Á esquerda, están o seu pai e a súa nai. Á dereita, debuxou dous amigos xogando ao redor dunha árbore, e un deles está agachado detrás dela.
Aquí representa a máis xente a cabalo e unha figura curiosa e cabezona. O instrutor?
E por último, aquí aparece Onfim co seu pai, ambos os dous contentos e orgullosos guerreiros!
Be First to Comment