Champagne: da ostentación ao silencio

Ao sur de Reims, o país da Champagne énchese de vistas fastuosas, aldeas somnolientas e perfectas e unha vizosa sensación de luxo gastronómico

Hai algo turbulento, perverso, corrompedor e, xa que logo, delicioso, no asunto do champagne. Se cadra sexa o máis calado dos afrodisíacos, o máis masivo, o que se pode beber sen parar e chispea na cabeza con máis elegancia que un Ribeiro grazas á burbulla. Eu creo que a burbulla do champán incorpora levedade ás condutas e ás persoas, e de aí que non se conciba vir á champagne sen mercar caixas ao por maior.

Aquí, nas viliñas que rodean Épernay, a capital da rexión produtora de champagne, os estranxeiros chegan nos seus coches e caravanas con cometidos rituais importantes: mercar o viño para as vodas, os aniversarios e os momentos importantes. Van de adega en adega, catan rapidamente un brut clásico, sen perder moito tempo en elaboracións estrañas, e inmediatamente pagan en cash seis ou sete caixas de botellas de champagne. Ante tal exhuberancia económica, hai que dicir que os educados adegueiros franceses reaccionan igual de ben coas nosas dúas botelliñas distintas que levamos para probar.

Nunha han de bendecir abondo nesta rexión ao frade Dom Pérignon, un exemplo de pragmatismo que hoxe daría ponencias de superación persoal e colectiva nas charlas TED. Co seu sofisticado método champanoise para a elaboración de escumantes que xeneran a súa propia, fina burbulla de CO2, creo que conseguiu transformar unha rexión de viños xa moi azoutados pola climatoloxía en viños que o home podía máis ou menos controlar de cada vez: Dom Perignon non só trouxo a exclusividade e a diferenciación, senón que tamén trouxo a tranquilidade ao vinateiro. Se ben a climatoloxía é importante, agora un importante traballo pasaba pola adega, e xa sabemos: miña casiña, meu lar.

Dom Pérignon está soterrado, humildemente, en Hautvilliers, unha deliciosa viliña que rexe desde o alto a zona cero da produción de Champagne. Desde aquí enriba é apreciable o poder e a estensión do monocultivo vinícola que enriquece a rexión. O paseo por Hautvilliers permite divertirse cos emblemas dos comercios, todos coidadosamente forxados ou tallados con humor.


Un exemplo das fastuosas mansións do viño en Épernay, na Avenue de Champagne

Só en dúas rexións vinícolas francesas exhíbese sen pudor o fasto do excedente da adega: no Médoc de Burdeos, onde as grandes adegas rivalizan en fastuosos chateaux, e aquí na Champagne. En Épernay, centro da produción e da distribución das grandes adegas de Champagne, a Avenue de la Champagne é como un espazo fastuoso onde as grandes compiten (mesmo cos sindicatos agrarios) en amosar o luxo fastuoso das súas mansións. Hai que visitalas.

Non deixa de ser marabilloso o poder da marca-país, ou da marca-territorio, ao redor deste viño máxico, que alegra e propicia noites consumatorias. O mínimo de 20 euros por botella parece ser un estándar, case ata para os máis pequenos viticultores. Son viños de calidade, con elaboracións moi coidadas, pero cun sobrecuste no que se incorporan a sensación de “estarmos aquí”.

A rexión é moi fermosa. Coma todas as rexións vitivinícolas, as aldeas, impecables, residencia dos viticultores, serían o paraíso de calquera agricultor galego, pero hai sempre certa sensación de silencio, languidecemento, a sensación de que non acontece nada nin nada acontecerá, agás sacudidas enormes como esas guerras mundiais que aquí se sufriron especialmente pola súa proximidade á fronteira.

Fotos: Sole Felloza

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará