Vento e Chuvia, mellor libro educativo de 2013

Hoxe estou especialmente alegre. A Asociación Galega de Editores outorgou onte en Betanzos, na súa gala anual de homenaxe ao libro en galego, a Vento e Chuvia o premio Xosefa Iglesias Vilarelle a mellor libro educativo de 2013. Síntome especialmente honrado polas múltiples lecturas que está a xenerar o libro, unha das cales pode ser a súa capacidade de alentar nos rapaces a imaxinación e a procura dese marabilloso mundo que os rodea que é o pasado e do que moitas veces non son conscientes. O libro está a funcionar moi ben nos institutos, pero o interesante é como á súa vez funciona moi ben con adultos. Entre as moitas cousas boas que me están pasando ao redor de Vento e Chuvia, e tede en conta que eu non era un escritor de literatura, é descubrir os lazos sociais ao redor dun libro. Na última semana, coincidín con varios grupos de xente nos que Vento e Chuvia funcionaba a xeito de clube de lectura, e era usado de maneiras moi diversas: desde o puro entretemento, ata a súa adaptación a xogo de rol, pasando por guía de viaxes ou vehículo de discusión ao redor do pasado, o celtismo, etc. “Pero sodes un clube de lectura?”, preguntaba eu en todos os casos. “Non, non, simplemente uns nolo fumos comentando a outros”.

Así que vivan as múltiples lecturas de Vento e Chuvia: desde a súa interpretación en clave máis histórica ata a máis imaxinativa, ficcional e literaria. Máis de quince colexios do país, por exemplo, vivirán nos vindeiros meses a narración oral dramatizada de Vento e Chuvia, que é unha experiencia fantástica: todos os que participamos na edición do proxecto alucinamos como o texto voa cando é recitado oralmente, cumprindo parte da idea orixinal de “recollida oral” que está detrás del. En fin, non teño máis que agradecementos ante o funcionamento deste proxecto transmedia no que as pezas comezan todas a coordinarse e encaixar. Agradecementos ao equipo editorial de Xerais e agradecementos ao equipo de desenvolvemento de Vento e Chuvia. E, por suposto, a todas vós, lectoras e lectores! Moitas grazas!

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará