Sobre a (imperativa) necesidade de hibridar

O outro día tivemos a sorte de contar no traballo, durante a celebración da xornada A Mediación Cultural en Internet, con Diego Barcala, codirector da revista Libero. Libero é un experimento editorial interesantísimo: unha revista de gran formato, bos firmas e fino enfoque que combina fútbol, nostalxia e cultura. Quen me coñeza, sabe que eu sei tanto de fútbol como de dinastías reais do sudeste asiático, ou sexa, nada, pero valoro especialmente esa singular asociación. Acostumados como estamos a xornais deportivos light como As ou Marca, damos por suposto que nada complexo pode ser asociado co fútbol.

E a pregunta é: Como que non? Por que? O gran éxito de Líbero, á que pouco a pouco lle van saídno as contas e está facéndose o seu niño de mercado, é decatarse de que por suposto hai un público amante da cultura e do fútbol ao mesmo tempo, de que se pode entrevistar a Vicente del Bosque e preguntarlle pola memoria histórica ou calquera outra cousa. E que unha revista de fútbol pode aceptar textos que traten sobre política internacional ou literatura. A ruptura do público monolítico, clasificado de acorde coa industria editorial, empeza por aquí. Non é casual que o big bang provocado polo peche do diario público dese lugar a todas estas publicacións de nicho, desde a Jot Down, Mongolia, Líbero ou Materia. Ningunha delas encaixa nos nichos convencionais da cultura, da distribución, da clasificación en quiosco ou nos artigos especializados de investigadores en comunicación, pero non só son reais, senón que teñen un mercado, ergo, un público.

Precisamos que a nosa cultura hibride máis, crebe os xéneros clasificatorios e incite a xuntar contidos en novas mesturas híbridas, atractivas para un novo público que é renuente a participar dun consumo cultural minoritario e minorizado. A industria cultural, estruturada ao redor de vellas clasificacións, acabou por crear nichos moi ríxidos que, nun caso coma o galego, compartimentaron ao meu ver demasiado o mercado, o limitan e reducen a imaxinación. Cómpre crebar eses nichos e transformar os públicos, propiciando novas audiencias máis especializadas e poñendo en tensión os propios límites da industria cultural: só así se pode innovar e medrar. Eu sempre o digo: aínda que a exportación -sobre todo a visión de exportación- é necesaria para a cultura galega, temos unha base aínda tan grande para medrar dentro do propio país que sería unha mágoa non probar a crebar determinadas inercias e construír unha cultura moito máis aberta, capaz de chegar a públicos que non sabían nin que existía ou era posible.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará