Sistemas defensivos e presións sobre o territorio: o Picadizo, Tremiñado, a Mourosa e o Pico do Porto

Creo que o miolo do propio post está na cantidade de microtopónimos que xa empreguei no mesmo título. Na conferencia do outro día no Casino de Padrón, presenteilles aos asistentes a posible colección de fortificacións altomedievais que temos nas proximidades da confluencia entre o río Ulla e a depresión Meridiana (dito doutro xeito, en Padrón e a súa contorna). Como vedes nesta imaxe de arriba, a cousa non está nada mal. Sobre todo porque de todas esas estreliñas marcadas sobre o territorio só temos realmente documentación de dúas delas, as Torres do Oeste e a Rocha Blanca (faltaría unha torre urbana en Padrón). E curiosamente, das dúas que conservamos información os seus patróns de ubicación correspóndense moito (fondo de val, proximidades a camiño, etc.). Son fortificacións, as Torres do Oeste ou a Rocha Blanca, que reflicten un interesante mundo feudal, coas súas particularidades (invasións externas, arquitecturas senlleiras), pero ao fin e ao cabo un mundo feudal.

A maior parte das outras fortificacións corresponden a fortificacións en altura sen dono coñecido, excéntricas con respecto ás fontes económicas directas feudais e, polo tanto, cunha lóxica tanto de ubicación como de existencia distinta á que rexen os castelos do fondo do val. Habendo tanta documentación sobre tantas fortalezas da Mitra compostelana, atribuírlle directamente este rosario de castelos ausentes da bibliografía é bastante temerario e imprudente. Pero as súas pequenas dimensións, na maior parte dos casos, fai que os teñamos que ver como vinculados a un poder concreto.

Sabemos pouco, certo, pero os estudos sobre territorio dánnos moitas claves. Unhas delas, ben interesantes, está nun interesantísimo conxunto arqueolóxico que amosa como diferentes culturas de algún xeito se establecen no territorio prestando atención ás mesmas variables con enfoques un pouco diferentes.

En Rois, na parroquia de Buxán, atopámonos estes tres sitios arqueolóxicos aos que me refería o outro día:


Conxunto arqueolóxico da Mouraza Grande.

O da esquerda é un castro que, a xulgar pola súa ubicación, con moitísima probabilidade é un Ferro II. Ten algunha característica curiosa, como unha especie de promontorio artificial moi elevado no interior que nos levou a supor un posible aproveitamento posterior do recinto a nivel militar, pero como hipótese é moi feble.

No centro vedes unha estrutura rectangular estrañísima. Trátase dunha elevación sobre o terreo, moi clara, rematada nun recanto do sur por muros algo grandes (aínda que impenetrables), e que falan de algún tipo de construción notable nese lugar definido como Mourosa. Ollo, porque en Rois Mourosa pode vir de mouros, pero tamén daquelas partes fincas que estaban cheas de pedras, ou nas que se botaban as pedras reunidas. Non teño nin idea de que pode ser esta Mourosa, pero si que todo ao seu redor está estrado de cerámicas do XVII ou XVIII, como se fora unha antiga pousada, ou similar.

E á dereita temos unha mota inédita, magnífica, que encaixa perfectamente dentro do concepto que estamos a definir de motas de fondo de val na Galiica occidental. Tratáse de sitios arqueolóxicos que aproveitan a pendente dun río para establecerse, creando unha elevación artifical de terra e un ou dous recintos defenvisos. Na nosa definición, estas motas non se caracterizan por ter un gran control do contorno. Como vedes, esta mota do Picadizo está moi ben definida na súa simplicidade, e mesmo no seu interese en non ter demasiadas vistas. Aló enriba, está o xacemento do Tremiñado, en teoría catalogado como castro pero que podería ser calquera cousa. Como nos dicían os vellos, alí “estaba a antiga igrexa”.

Estes tres elementos -a mota, a Mourosa e o castro de Picadizo- están apreixados no territorio, entre os límites impostos por dous ríos, o fondo dun territorio e a existencia dun importante camiño de comunicación que pasa ao seu carón. Ese camiño -fisicamente necesario- leva ao val de Laíño a partir dunha vía potencial de comunicación a través do Barbanza.

Como dicía, sabemos moi pouco sobre estas fortificacións medievais, aínda que cada vez imos coñecendo máis. Preparando a charla do venres pasado, grazas ao LIDAR puidemos localizar unha pequena fortificación moi relevante para o noso coñecemento porque axuda a entender as cousas.

É o castelo do Pico do Porto, entre Dodro e Rois, e estaba inédito: poden consultar a ficha en patrimoniogalego.net. Esta fortificación mínima axuda a comprender a presenza da mota do Picadizo que vedes aí antes. No alto do monte do Pico do Porto, os construtores do castelo podían ter escollido o pico máis alto, pero ao facelo, terían desbotado unha vista importante sobre o devalar do camiño que vén do Picadizo e discorre en dirección ao val de Iria. A nova fortificación localizada colocouse nun lugar ex novo, que permitía o contacto visual coa mota do fondo do val e unha espectacular conexión visual co resto das fortificacións do val de Iria (agás o castelo do monte do Vilar, que parece aínda máis antigo). É dicir, algunhas destas pequenas fortificacións parecen traballar e cooperar de forma nodal, conectándose entre si, vencendo a orografía, se ben descoñecemos canto e como se conectaban (non se fíen do mítico rollo da fogueira de torre en torre, en Galicia non está documentado e non tiña por que ser así).

2 Comments

  1. Elixio Vieites
    19 / Marzo/ 2014

    Uns topónimos que reforzarían a idea de ruta dende Padrón ata Lousame e Noia, sería a que dende Traxeito, ( do latín traiectus) e cerca de “Porto Ancho” en Dodro, pasaría polo monte onde esta o Castelo do Pico do Porto, divisoria entre os concellos de Rois e Dodro e despois de cruzar o río de Buxán , entre pendentes moi pronunciadas, chegaría ao val de Picadizo, onde tanta cousa arqueolóxica hai. Despois polo lugar de Faro atravesaría o Monte do Treito, (que viría sendo “paso estreito”) a pouca distancia do Pico Muralla, onde tamén se ven restos de muros ao lados das antenas de telefonía. Entre os dous montes estaría o “Miradoiro do Chenlo” Podedes ver este traballo de Eusebio Lorenzo Baleirón sobre a toponimia de Dodro que está moi interesante de ler: http://xurl.es/jh2wd Recoméndovos o topónimo ”Traxeito” ,vén na páxina 294, con outras informacións sobre a casa que o Arcebispo Rodrigo de Luna tiña nesa aldea e que creo que non era precisamente para rezar, paga a pena velo.

  2. 19 / Marzo/ 2014

    Elixio, sobre ese monte Faro temos que “reflexionar” máis. Chéirame a can ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará