Estoupa Atlántica 2014: o festival da palabra

Entre o 11 e o 22 de marzo, Compostela, Vigo e Teo énchense dunha nutrida representación de narradores e narradoras do Atlántico

Hoxe á mañá presentouse o Festival Internacional de Narración Oral 2014 Atlántica. É unha fermosa e incrible creación de Sole Felloza, a directora do evento, e un entusiasta equipo de amigos que apostamos por celebrar a palabra, a imaxinación e o potencial da cultura vista en clave atlántica. Sen diñeiro institucional (aínda que si co xentil apoio loxístico dalgunhas entidades), Atlántica é unha aposta integral pola imaxinación e as historias para todos os públicos. Hai tantas, pero que tantas cousas, que case prefiro mellor transcribirvos a nota de prensa. E aquí tedes o sitio web e non vos esquenzades da nosa páxina de Facebook, clave para coñecer as novidades, os espectáculos do día…

Este Festival Internacional de Narración Oral naceu o ano pasado en Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlántico. Se daquela se realizaran, entre o 5 e o 16 de marzo, 60 representacións dirixidas a público infantil, bebés e adulto, desta vez serán de novo 11 días os que permitirán ao público de todas as idades gozar dos mellores contadores e contadoras de historias.

Irlanda, Bretaña, África, Latinoamérica e Galicia dan a man neste encontro

Os participantes proveñen nesta ocasión da Arxentina, o Brasil, Portugal, Irlanda, Camerún, a Bretaña Francesa, e Galicia. A música Mercedes Peón será quen abra, cunha conferencia no Consello da Cultura Galega, o 11 ás 19 horas, o Festival Atlántica 2014, e o debate teórico chegará da man de investigadores de Galicia, baixo a coordinación de Manuel Gago. Entre as novidades, o Festival conta cunha velada de contos eróticos da man de Victoria Sliedlecki, e tamén Boni Ofogo traerá contos da África Erótica. Tamén teñen interese os contos do irlandés Barry Manley, seanachai (contacontos tradicional en gaélico) que vén contar os contos da súa vila Droichead Na Bandon. E desde outra rexión atlántica, a Bretaña francesa, vén Nicolás Mezzalira, do Centro Artúrico de Broceliande, contador, conferenciante e grande valedor das lendas artúricas. Ambas as dúas sesións, a do irlandés e a do bretón, serán en castelán, aínda que o domingo poderase escoitar a Barry en inglés.

Este ano, o Festival quere estar presente en máis barrios de Compostela, con presenza en Fontiñas, Conxo e Santa Marta, grazas ao apoio da Rede de Centros Socioculturais. Os contos na rúa, este ano ocuparán os soportais da Zona Vella, a través de Farruco un día e de Quico Cadaval outro. As sedes do Festival serán, como non, o Pub Atlántico, e tamén o Modus Vivendi, A Borriquita de Belem, a Casa das Crechas e a Nave de Vidán, pero tamén a Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Aula de Cultura da Praza de Abastos, o Auditorio do CSC da Ramallosa, en Teo, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Granell, e a Rede de Centros Socioculturais.

Polo demais, os contadores e contadoras participantes son María da Pontragha, Clara Haddad, Cándido Pazó, Barry Manley, Boni Ofogo, Sofía Maul, Claudia Fonseca, Raquel Queizás, Quico Cadaval, Nicolás Mezzalira, Xosé Luís Bernal “Farruco”, cos seus contos sobre personaxes míticos da Compostela dos 60, Celso Fernández Sanmartín, Xurxo Souto e Victoria Sliedecki, ademais da sesión especial co nome de Obrigado! entre Quico Cadaval e o músico Fran Pérez, Narf, no Teatro Principal o 21 de marzo.

Ante o éxito rotundo das sesións de contos para bebés, este ano ábrese un espazo exclusivo para eles, o Lucernario da Fundación Granell, con duas funcións ao longo do Festival. Amais, os narradores convidados desprazaranse aos colexios e institutos da cidade polas mañás. Afondarase nos obradoiros de formación para docentes e aprendices de narradores, éste ano da man da Directora da Escola Intinerante de Narración de Portugal-Brasil, Clara Haddad.

O Encontro de profesionais do Sector, este ano estará liderado por Marina Navarro, directora da Rede de Bibliotecas de Madrid e directora de “Madrid de cuentos”, e que actualmente coordina coa Biblioteca Municipal de Washington, un proxecto de contos. Xa están confirmados, Gaspar Matos do Festival de Sines (Portugal) Claudia Fonseca de Terra Incognita (Festival de Lisboa) Maisa Marban e Héctor Urien de Avila Cuenta, Doris Agurto do Festival Palabra de Lima (Perú), ou Nicolas Mezzalira do Centro Artúrico de Broceliande.

Outra novidade é que varios establecementos hostaleiros acompañarán ao Festival cunha tapa Atlántica: La casa de la marquesa, o Restaurante Acio, A Curtidoría, Café Altamira, A Tafona, Abastos 2.0, A Bodeguilla de San Roque e Garum Bistró.

O Festival Atlántica 2014 esta patrocinado por Gadis, e colaboran nel o Instituto Cultural Peruano Norteamericano, o Concello de Teo, a Rede de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Eugenio Granell, a asociación Hostelería de Compostela, o Mercado de Abastos, a Nave de Vidán, o Consello da Cultura Galega, Casa das Crechas, o pub Modus Vivendi, o pub Atlántico, a Borriquita de Belem, e Cool Touring .

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará