O segredo do merenzao: este xoves 30 ás 20:30 en Vide Vide

A revista Benbo e a dinámica tenda de viños compostelá Vide Vide (especializada en viños galegos) organizan este xoves 30 de xaneiro ás 20:30 h. unha cata de viños merenzao que terei o pracer e honra de conducir. Son estes caldos auténticos príncipes dos viños de Galicia. Empregados tradicionalmente como achegas complementarias ao coupage dos viños tintos da Ribeira Sacra ou outras áreas, o cambio de mentalidade canda os cambios na viticultura e na enoloxía facultaron que descubriramos, nestes merenzaos, un auténtico tesouro enolóxico.

Estes viños, dunha delicada viticultura, ofrecen unha das catas máis sofisticadas, elegantes e complexas que pode dar un viño en Galicia. Pensados para perdurar, as escasas adegas que están a comercializar monovarietais de merenzao considérano un tesouro que hai que preservar. No número 3 da revista Benbo publiquei unha reportaxe sobre estes pioneiros da elaboración de monovarietais de Merenzao.

A entrada na cata é libre e gratuíta. Recoméndovos moito que pasedes a probar uns viños que son autenticamente únicos.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará