Érase unha vez en Anatolia: un thriller da Turquía rural

Magnífico este filme de Nuri Bilge Ceylan. Érase unha vez en Anatolia é un thriller da Turquía rural que foi gañador do Gran Premio do Festival de Cannes 2011. Trátase dunha longametraxe que relata o proceso de investigación dun asasinato no rural, no que un grupo de policías, funcionarios de xustiza e sospeitosos percorren as hipnóticas e desoladas paisaxes de Anatolia (aínda que, ao velas, eu pensaba que podería estar perfectamente ambientada en Burgos ou nalgún punto orograficamente accidentado de Castela a Mancha). Empregando unha técnica similar á que emprega o galardoado documental Costa da Morte de Lois Patiño, a de crear un primeiro plano sonoro sobre un plano xeral fotográfico, o espectador pode deixar levarse por este extraordinario xogo de luces e sombras.

O Érase unha vez parece remitirnos á estrutura dun conto, pero moi rapidamente, máis alá de certa fascinación, veremos que a estrutura narrativa non funciona como a do relato oral marabilloso. É unha realidade cruel, descarnada ás veces, esmagadoramente cotiá, a que nos permite estar contemplando as tribulacións duns e doutros con certa fascinación distante. Unha película para saborear un par de veces, deixando atrás, tirado nalgún punto do sofá, a nosa noción da rápida montaxe americana para entrar noutro mundo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará