Potes, un atractivo destino de montaña

Pasamos uns días en Potes, en Cantabria, descansando. Había tempo que tiña gañas de visitar os Picos de Europa e xuntar uns cantos días pareceunos un momento ideal para coñecer estes lendarios montes. Potes é unha pequena vila comarcal, a cabeza administrativa da Tierra de Liébana, un fermosísimo conxunto de vales ao redor do macizo dos Picos de Europa. Isto é interesante, porque o clima de Potes non é especialmente invernal: hai un gran cambio entre o que son as montañas do Macizo e esta zona inferior, protexida dos ventos do norte. Só así se explica a vexetación mediterránea que se pode atopar e mesmo o viño de Liébana, de calidade en aumento.

Potes dá moi ben para unha escapada de catro ou cinco días, mesmo se non se quere facer alpinismo. É unha zona preparadísima para o turismo. Estes días irei contando algúns lugares especiais, pero antes quería deixar constancia de catro ou cinco recomendacións prácticas interesantes.

1.Para durmir. Nós fixémolo na Posada San Pelayo. Está a cinco quilómetros de Potes en dirección Fuente Dé. Se hai que describila dun xeito, a palabra é confort. Xusto todo o contrario do que criticabamos neste post. Lume prendido desde as oito da mañá, calefacción agradable todo o día, wifi con routers espello por toda a casa (aínda que vai máis rápido nas salas comúns), posibilidade de bebidas quentes (ou frías) todo o día e frixuelos recén feitos para almorzar.

2. Para comer. Quedamos francamente satisfeitos con todos os sitios nos que comimos, aínda que a abundancia proverbial dos platos chega un momento que te fai pedir unha tregua e pasarte a ceas lixeiras a base de froita se queres sobrevivir sen enferar (rescato aquí esta misteriosa palabra da miña avoa). Vou poñer algúns sitios interesantes:

a) Asador Llorente. En termos globais, posiblemente o mellor restaurante da zona. Sala perfecta, carnes vermellas excelentes da cornisa cantábrica, boa selección de viños.

b) El cenador del capitán. Ubicado nunha mansión histórica ao lado do famoso torreón do Infantado, o comedor da pranta superior é moi bonito. Pidan que lles poñan na galería, para admirar o tipismo na vila. Na foto de arriba, é o edificio do medio, e xa ven que cuca é a galería. Teñen un menú do día a 15 euros que inclúe as especialidades da zona: sopa de cocido, cocido lebaniego, e canónigos, un doce feito de merengue. Teñen o bo gusto de servir o menú con viño de Liébana, un mencía chamado Picos coa acidez esperada pero tamén unha estrutura non tan agardada.

c) O Urogallo. Está en Cosgaya, subindo de Potes para Fuente Dé. Sitio ben peculiar, especializado en caza. O comedor está ateigado de trofeos, cunha estraña sensación de ducias de bichos montañeses e africanos que te miran desde as concas baleiras dos seus cráneos. Pero a cociña é orixinal e distinta, baseada nestas carnes bravas de caza.

d) Venta Pepín.. Deste sitio non se podería aplicar o dito de “onde Cristo perdeu a navalla”, porque nos quedariamos curtos. A Venta Pepín queda aínda máis alá diso. Está no concello de Cuevas, indo para o porto de Pedraluenga, no camiño que leva de Cantabria a Cervera de Pisuerga, xa en Palencia. O camiño percorre unha montaña e bosques dunha beleza absolutamente marabillosa, exhuberante, que obriga a conducir con moito tino porque á mínima vas polo precipicio abaixo. Alí, case na fronteira con Palencia, está a Venta Pepín, que é como un oasis de cocidos e carnes da zona, frecuentado por cazadores e profesionais do monte.

Foto: Sole

3 Comments

  1. Nico
    22 / Xaneiro/ 2014

    Fermosa vila, paisaxe brutal e punto de partida para facer mil e unha visitas e subir por as montañas mais verticais da península ,iso sí usando o teleférico de Fuentedé :-)
    Tamén ´é a terra na que naceu miña bisavoa, María Koehler,filla dun matrimonio alemán ,meu tataravó veu de enxeñeiro para facer o ferrocarril das minas e so unha dos seus cinco fillos naceu alí . Logo ela casaría con Julio Casares, Sº Xeral perpetuo da RAE e autor dun famoso diccionario,etc,etc
    Teño que visitar mais esa zona,pois é un dos meus lugares favoritos por moitos motivos.

  2. estrelaselimons
    2 / Febreiro/ 2014

    Meu Deus… De la Cueva moito fala dese Val de Liébana

  3. 2 / Febreiro/ 2014

    Lembro ademáis unha cea contigo e máis el no que nos estivo falando deste lugar e do restaurante El Oso, que era duns familiares…El Oso estaba pechado pero tentei ir. ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará