Un novo proxecto de recuperación para 2014: a limpeza da Croa do Castro de Cerqueda

Promovido polos veciños de Cerqueda e o Concello de Malpica, a gran Croa do Castro recuperará a súa monumentalidade e gañará novos usos para a comunidade local

Os proxectos, as ideas e as filosofías deben navegar. Moitas veces comparamos o noso traballo por Galicia adiante como actividades de demostración. Demostración de que é posible outro xeito de relacionar e preservar o patrimonio cultural, reintegralo ás comunidades e convertilos en espazos activos, con novos valores que responden ás necesidades de sociedades do século XXI. A semente vaise espallando, cada vez máis, e o esforzo en comunicación que facemos crea, axuda a visualizar novos futuros en lugares que aínda non coñecemos.


A Croa do Castro (toda a zona cuberta por vexetación). Fotos: Sole


Acceso actual necesitado dun bo roce ;-)

A moi pouca distancia do castro de Niñóns, en decembro tiven a oportunidade de participar nunha xuntanza convocada directamente na croa dun castro. Trátase dun singular sitio arqueolóxico en Cerqueda (Malpica), moi pretiño da estrada xeral que leva á vila mariñeira. Pero se desde a estrada xeral unhas prantacións de eucaliptos camuflan a vista do castro, non hai máis que meterse pola parte de atrás e acceder a un pequeno val agrario, un conxunto de finquiñas que te fan retroceder case ata os tempos do castro. E velaí está a Croa do Castro de Cerqueda. Hoxe cuberta de vexetación, pero conformando unha acrópole de dimensións relativamente grandes para a zona (157×100 metros) na zona da croa, aínda que ao meu ver, toda a área que rodea a muralla pode ter significativos traballos de defensa, adaptación ou conformación do recinto prehistórico. Iso aínda haberá que velo. O recinto, unha ampla croa cha, está protexido por un único parapeto. Acostumados ao abrupto de moitos interiores de castros, é espectacular a regularización do terreo no interior da acrópole.

Pois ben, neste monte, coordinados polo incansable Xosé Manuel Varela, estaban a Asociación de Veciños Monte d’Arxa, a Asociación Cultural Raigaña, a asociación cabalar Os Veteranos, o Clube de Fútbol Unión Deportiva Cerqueda, a Comisión de Festas de Cerqueda e o clube ciclista Croa do Castro! Seis asociacións veciñais da parroquia de Cerceda, ademáis do alcalde coas súas carpetas de terreos, que querían recuperar e poñer en valor o castro aproveitando os cambios de propiedade derivados da concentración parcelaria. O importante sentido comunal galego (ese do que interesadamente nunca se fala, curiosamente só se fala do noso “individualismo”) estaba escenificando o interese dunha parroquia enteira non só por recuperar un importante monumento, senón en como convertilo nun espazo para o futuro e o desenvolvemento da súa comunidade. Eu coido que nunca participei nunha xuntanza con tantos representantes veciñais distintos ao redor do patrimonio cultural: xa volo digo, foi emocionante. E escoitar deles unha cheas de ideas vinculadas ao sitio arqueolóxico.


Os ‘papeis’, a constante na delimitación de todo terreo galego. Foto: Xosé Manuel Varela

O proceso xa está en marcha, baixo a dirección técnica do arqueólogo Alejandro Laíño e a produción de Xosé Gago. Nós participaremos, coma sempre, nos traballos de divulgación e difusión e das iniciativas (moitas) que van xurdir ao redor da posta en valor do xacemento, do cal a súa primeira fase técnica, en 2014, será a limpeza. Como podedes ver nesta foto, simplemente limpando imos adquirir un frontal espectacular do sitio arqueolóxico. Sen dúbida ningunha, os construtores da fortaleza buscaban iso mesmo: de feito, eu arriscaríame a dicir que o castro está moi levantado con respecto á cota natural do outeiro, buscando o realce

Un castro singular para a investigación e a difusión e divulgación


O castro como modelo arquetípico da II Idade do Ferro: control dos recursos agrarios e da rede viaria


LIDAR do castro no que, ademáis da Croa, aprécianse unha serie de estruturas, aterrazamentos… Serán parte do castro ou unicamente resultado da explotación agraria posterior?

Os traballos que con diferentes grupos arqueolóxicos estamos a levar a cabo en castros da Costa da Morte están a confirmar esa perspectiva interesantísima: a enorme diversidade da cultura ou culturas da Idade do Ferro en Galicia, apreciable a simple vista: desde Mallou en Carnota, Niñóns en Ponteceso, Borneiro como único castro escavado na área… Cada un dos castros é un modelo distinto e, polo tanto, con preguntas específicas. Os propios veciños de Cerqueda decatábanse das diferencias arquitectónicas entre Borneiro, Niñóns e o seu castro, e eran quen de describilas perfectamente. Fronte a esa visión estática e arquetípica, hoxe vemos que os poboados son distintos por múltiples motivos, igual que as nosas vilas. Outra cousa é que sigan, ao final, lóxicas semellantes. Pero en escasos quilómetros, estas sociedades son capaces de pensar en termos de arquitectura, urbanismo e adaptación ao medio de forma moi sofisticada, practicamente contemporánea na súa flexibilidade.


Zona de barro de excelente calidade que nace aos pés do castro e discorre ata Buño.

Un dos retos máis fermosos do castro de Cerqueda, ao meu ver, vai ser a relación coas fontes de recursos. Este sempre é un asunto ben controvertido no ámbito dos castros: en que medida os factores de decisión do emprazamento corresponden a que intereses? Agrarios, mineiros, comerciais, defensivos…? Cal é a proporción de cada un deles? En Cerqueda hai varios aspectos interesantes sobre estas cuestións: en primeiro lugar, a ausencia total de cachote na croa ou nas murallas. Está unicamente tapado, ou hai algo máis. Foi fascinante o que nos revelou in situ un dos veciños: o nacemento exactamente aos pés do castro da lingua de barro de calidade que vai levar ata Buño (que está ao carón). Un barro excepcional para a cerámica, que é a explicación natural ao xurdimento da alfareiría tradicional de Buño e de toda esta zona. Se vedes esta imaxe, a fábrica de cerámica está aproveitando a mesma veta do castro. Poderemos estar vendo como a alfarería prehistórica e a industria cerámica contemporánea “compiten” en tempos distintos polo mesmo recurso? Non o sabemos, pero a arqueoloxía se cadra desvele esta cuestión.

3 Comments

  1. Xosé Manuel Varela
    8 / Xaneiro/ 2014

    Excelente descrición deste xacemento castrexo. A ver o que depararán as futuras actuacións no mesmo.

  2. David Martín Freire Lista
    30 / Marzo/ 2015

    Oín agora na radio do voso proxecto, e gostaríame contactar. Estou buscando o voso enderezo electrónico e polo momento non o atopei.

    Eu trabalho en investigación do patrimonio, dende o punto de vista xeóloxico e paréceme moi boa idea esta iniciativa, e seguro que podo axudar e aportar algunha cousa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará