A divinidade calza un 46

Durante o mes pasado percorrín algúns concellos do norte da Ribeira Sacra con Sole, axudando a tirar as fotos do calendario anual románico de O Sorriso de Daniel (que está a piques de saír). A abundancia de frescos en igrexas de concellos coma o de Pantón son unha marabilla, especialmente esa eclosión magnífica que se dá no século XVI; temos aí un retrato notable de parte da Galicia do Renacemento no interior do país. No post de arriba que vou publicar en breve veredes un dos mellores exemplos, pero antes quería poñer esa chiscadela. Teño a manía de fixarme en detalles aparentemente accesorios das pinturas e de todo, e encantoume esta representación do que estaba por abaixo da mesa do banquete da Última Cea en Marrube. Unha curiosa colección de calzas renacentistas -puntiagudas, última moda en Europa- e un señor que debe calzar un 46, descalzo, que xa se imaxinan quen é. Vese que un dos atributos da divinidade é ter os pés grandes. ;-)

One Comment

  1. 22 / Decembro/ 2013

    Melhor não incido no que o senhor Freud diria disso … mas não dito queda ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará