Vento e Chuvia e os lectores máis novos


Foto: alumnos do IES de Porto do Son escoitando unha lectura de Vento e Chuvia a cargo de Xosé A. López Silva

Cando lanzas un libro novo entras sempre nunha zona de incerteza porque non sabes como o libro vai ser recibido, tanto polo público en xeral como polos tramos de idades. Un dos aspectos centrais da campaña de comunicación de Vento e Chuvia é enfatizar que o libro é para todos os públicos, malia a súa riqueza de ilustracións. Ese concepto de “para todos”, ao noso xuízo, iníciase nos 11-12 anos e a partir de aí ata o final. Vento e Chuvia está concebido para que cada idade faga a súa propia lectura do libro, como por outra parte, acontece con case todos. Por iso desde hoxe xa podes consultar información no web oficial sobre algúns dos obradoiros para IES que te propoñemos para Vento e Chuvia (haberá outra posibilidade tamén proposta en breve).

Xa con algúns días no mercado, esa neboenta incerteza da recepción comeza pouco a pouco a disiparse: vanme chegando os primeiros comentarios, positivos e cariñosos, por parte de xente que non coñezo, e que agradezo moito. Tiven a honra de que o profesor Xosé Antonio López Silva estea a traballar estas semanas no IES de Porto do Son con Vento e Chuvia en dous cursos distintos (con idades distintas). Aquí están as súas impresións para un primeiro público de 11 anos (a xentiña que vdes na foto). Fíxome moita ilusión que esta primeira experiencia de lectura nun IES sexa no Barbanza. Vento e Chuvia débese á miña comarca desde a súa raiceira.

Manuel Gago e as palabras do tempo

Vento e chuvia (Vigo, Xerais, 2013) é unha orixinal achega de Manuel Gago que mistura a ficción dos relatos de heroes e deuses baixo os ecos da reconstrucción do pasado prerromano -e polo tanto- prehistórico, de Gallaecia. Dialogan, pois, dous tipos de ficción acerca da Idade do Ferro no Atlántico e os seus mitos: a ficción do historiador que pescuda datos e entremistura tanto posibilidades coma hipóteses, e a do escritor, quen toma como base as escasas pegadas desta labor reconstructiva, da arqueoloxía e da lingüística, para elaborar de xeito libre pero tras un exhaustivo, longo e demorado traballo de documentación, este feixe de relatos baseados nos deuses e guerreiros dunha sociedade asolagada polo mar do tempo.

Manuel Gago escolle, así, dez deuses prerromanos do panteón galaico e os coloca como protagonistas de historias que buscan ser, conscientemente, míticas. Ese é o xermen, construción e destino do libro. Non esquezamos que a primeira acepción de mito é, precisamente, relato.

O mito transmítese, transmitiuse de xeración en xeración a través de historias como estas. Sorprende e engaiola a capacidade narrativa de Manuel Gago para capturar e achegar a esencia máxica e sagrada que subxace nestas narracións e en calquera mito. Son relatos para ler en voz alta, para recuperar o pracer non só da lectura mesma, senón da educación dos novos gromos, a semente viva do pobo que atopa sentido e identidade na palabra compartida e na tradición.

Probei a facer unha lectura con adolescentes. Disfrutaron tanto e percibiron relacións entre personaxes que a min se me pasaran desapercibidas. Mesmo ollaron conexións con outros relatos míticos que coñecían. Un texto como o de Manuel Gago amosa non só a pervivencia, senón a pertinencia destes relatos, do mito en xeral.

Platón, por boca de Sócrates, remataba a República diciíndolle a Glaucón que necesitabamos mitos. Que o mito pode salvarnos, se o salvamos do esquecemento.

One Comment

  1. Antón Malde
    27 / Novembro/ 2013

    Que nova tan estimulante!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará