De caldeiro a tesouro

O achado dun caldeiro de bronce no castro de Besomaño confirma as hipóteses sobre as orixes estéticas da cerámica galaica

Publicado orixinalmente en culturagalega.org, o 19 de novembro de 2013

No alto do castro de Besomaño alguén soterrou, entre o século II a.C. e o I a.C., un gran caldeiro de bronce. Para reducir o seu tamaño, deliberadamente aplastárono. E así quedou ata estes días, onde restauradores e arqueólogos están a extraer da terra e a consolidar o único caldeiro de bronce de finais da Idade do Ferro localizado enteiro en Galicia. Unha peza monumental que se revela clave para comprender algúns aspectos da arqueoloxía da Idade do Ferro en Galicia.

Os caldeiros da Idade do Ferro aínda exercen unha poderosa fascinación no imaxinario contemporáneo. Desde marabillosas obras de arte, coma o caldeiro de Gundestrup de Dinamarca, ata elementos da narrativa popular, coma o caldeiro de Panoramix nos míticos álbumes de BD de Astérix e Obélix, esta peza superaba o uso culinario e convertíase nun símbolo máxico e mítico para as culturas do ferro.


Caldeiro tal e como foi localizado


Localización da foxa na que estaba agachado o caldeiro, cabo da muralla

O caldeiro de Besomaño apareceu na zona superior do castro, na croa, onde un equipo da Deputación de Pontevedra dirixido por Rafael Rodríguez leva escavando desde 2011. “Atopábase soterrado, nun espazo definido pola muralla do castro e un muro transversal que parte a croa en dous e do que non sabemos aínda a súa funcionalidade. Cavaron unha foxa a uns 30-40 centímetros de profundidade e deformárono adrede, con violencia”. As fotografías permiten ver que este antigo caldeiro apareceu aplanado, como unha torta, pero orixinalmente tería unhas medidas en torno aos 45 centímetros de alto por 60 de ancho. O caldeiro foi extraído con toda a súa terra e aínda se está limpando moi cautelosamente por parte do equipo de restauración. As evidencias do uso de caldeiros de bronce están por todo o país, e en numerosas escavacións se teñen atopado fragmentos destes caldeiros cos seus característicos remaches, pero nunca aparecera un obxecto completo.

Non é a única peza singular do castro de Besomaño, que está a achegar numerosos obxectos e estruturas que están a renovar a percepción do final da cultura da Idade do Ferro. Na terraza inferior que escavou o equipo, apareceron obxectos singulares , coma unha dolabra lexionaria romana e unha impresionante fíbula (un prendedor de capa) de procedencia itálica, canda estruturas únicas no seu contorno inmediato, como unha gran casa patio que Rodríguez interpreta como unha vivenda aristocrática ou un posible almacén de cereal construido con palla-barro e conservado grazas a un tremendo incendio que destruiu todas as vivendas da terraza a finais do século I a.C. ou principios do seguinte século. Ese espazo non volveu ser habitado. Sen embargo, a croa, a zona superior do castro, continuou a ser habitada ata case finais do I d.C.

Os acochos da riqueza
É nesa croa onde apareceu o caldeiro de bronce, un auténtico tesouro da época. “O caldeiro perderá a súa funcionalidade e convertírase en bronce”, sinala Rafael Rodríguez, “hai que escondelo porque é un importante activo económico”. Chama a atención que o caldeiro non se agachara no interior dunha casa, senón cabo da muralla, nun espazo aparentemente común. Os arqueólogos tamén localizaron noutra zona de derrubo da muralla un tesouriño de moedas do século I d.C., que van de Vespasiano ata dous denarios forrados de Claudio II Gótico, do 270 d.C. A ubicación deste tesouriño tamén é interesante, porque o agacharon no interior dun derrubo da muralla. O propietario escavou no medio do derrubo para gardar o tesouro naquel momento. A vella muralla galaica xa non era relevante nese momento, con case un século de dominio formal romano sobre os pobos da Gallaecia.


Tinaxa “tipo Vigo”, con decoración de remaches como a do caldeiro. Fonte: FERNÁNDEZ, A. “Cerámicas del mundo castrexo del NO Peninsular. Problemática y principales producciones” in Cerámicas hispanorromanas. Un estado de la cuestión. [ver en liña]

Os modelos ausentes
Pero para Rafael Rodríguez, o caldeiro está a ofrecer unha valiosísima información arqueolóxica. “A través deste caldeiro imos poder demostrar que a cerámica castrexa está a imitar modelos de metal que perdimos en gran medida”. Rodríguez pon como exemplo determinadas olas cerámicas do tipo coñecido como “Vigo”, que están cheas de remaches que están a imitar en gran medida os do caldeiro. E no obxecto de metal, estes remaches son os elementos máis visibles da decoración, canda unha pequena decoración do borde que está a saír nestes momentos. “O caldeiro estaba feito de láminas moi finiñas”, sinala Rodríguez, “así que o que fan os remaches é soster toda esa armazón de láminas”. Un pouco coma os remaches que unen as planchas de metal dun barco.

Polo de agora, o caldeiro non ten indicios de ter sido exposto ao lume ou ser usado, pero aínda se está retirando a terra da zona inferior.

Preservar ou retornar á forma orixinal
O destino desta marabillosa peza será a área dedicada ao castro de Besomaño no Museo de Pontevedra, pero o formato final de exposición segue a ser un reto. “O equipo de restauración prefire deixalo tal e como está, unha vez limpo, xa que o tentar devolverle a súa forma orixinal podería danalo moito, pero aínda se está a estudar”.


Pavimento de pedra vinculado a actividades metalúrxicas

Varias campañas despois, o castro de Besomaño, un sufridor dramático de afeccións de canteiras durante os 80, revélase como un dos sitios arqueolóxicos máis interesantes da Idade do Ferro en Galicia, pero antes de comezar, poucos daban un peso por el. A visión dos arqueólogos tamén cambiou radicalmente. Rafael Rodríguez conclúe: “pasou de ser un sinxelo castro agrícola no val do Umia a un poboado moito máis complexo, onde hai unha forte xerarquización social, unha explotación do medio moi intensa e un constante comercio exterior. Aquí podemos ver a evolución da arquitectura castrexa desde o século IV a.C. ao I d.C. E as defensas, que parecían inicialmente moi sinxelas, se están a revelar moi complexas. Dúas liñas de foxos e unha muralla de varios metros de alto que pouco a pouco foi perdendo entidade”. Un dos últimos achados é un pavimento de pedra na zona alta, que parece ter estado vinculado a unha ferreiría, pero ese é un capítulo que aínda se escribirá nos vindeiros días.

*Fotos: Equipo arqueolóxico da Deputación de Pontevedra

3 Comments

  1. Marco García
    22 / Novembro/ 2013

    Recipientes de este calibre, y de esta calidad, es probable que tuviesen un uso prioritario en la esfera religiosa. No hay más que recordar que los llamados bronces con motivos sacrificiales estudiados en los últimos años sobre todo por Lois Armada (sé que tiene algo nuevo en preparación sobre el tema), presentan de forma consistente calderos entre los objetos representados. En todos los sacrificios antiguos de los que tenemos más información el instrumental culinario, y de forma notable los calderos, tiene un relieve especial.
    La dificultad evidente, que abre el margen a todas las posibilidades de error interpretativo, es que las diferencias entre usos “profanos” y usos “rituales” de los objetos está en un punto, un grado, un matiz. Un libro clásico sobre el sacrificio en Grecia se titula “La cocina del sacrificio”, englobando en su enunciado la cotidianidad de la “cocina” para la supervivencia ordinaria y el “sacrificio”, no menos necesario para cierta supervivencia garantizada por unas buenas relaciones con los dioses.
    La precisión del contexto donde apareció es básica y, por lo que cuentas en la entrada, el hecho de la cuidada amortización del objeto. Pensemos que el uso ordinario y natural de cualquier pieza de metal inservible es la refundición para hacer cualquier otra cosa.
    Enhorabuena por el hallazgo a los excavadores y a Gago por la novedad

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará