Grandes sitios para xantar de outono en Galicia (cogumelos e caza)

Na foto, algúns dos pratos de cogumelos que elabora Pedro Roca. Foto: Sole

Que o outono é unha das estacións máis felices gastronomicamente falando (só comparable a eses meses de maio e xuño no que a horta volve ao seu esplendo) é algo no que coincidimos moita xente. E que tanto os cogumelos como a caza son dúas despensas outonais que en Galicia abundan de xeito privilexiado é máis que evidente. Así que van aquí algunhas recomendacións para disfrutar da comida de outono agora que a tempada de caza aínda está a comezar. É basicamente imposible reflectir todos os sitios interesantes para unha gastronomía de caza en Galicia, pero anímovos a deixar outras recomendacións nos comentarios.

Restaurante Pedro Roca. Santiago de Compostela. Xa dimos a primicia o outro día en Capítulo Cero e acertamos. A “taberna micolóxica” de Pedro Roca é un auténtico luxo asiático. Eu non dubidaría en situar esta cociña de cogumelos que ofrece estes meses Pedro Roca como unha das cinco mellores de todo o Estado, sen coña ningunha. A “taberna micolóxica” permite tomar tapas e racións, pero se teñen tempo e gañas, déixense levar por Pedro e que lles faga un menú (sobre uns 40€ por persoa). Verán pratazos como o deste collage. Se teñen pouco tempo ou non queren gastar moito, eu petiscaría o chourizo de cogumelos e esa impresionante pizza de cogumelos.

Mesón de Lázaro. Santiago. Un dos templos composteláns da caza, pero tamén dos cogumelos. Imprescindible para a cociña de tempada.

Chef Rivera. Padrón. O chef é un valor seguro na gastronomía da caza ullá. Próbenlle a perdiz ao espeto. Pero eu non desbotaría nada do seu menú específico de caza, que combina a boa tradición gastronómica padronesa cos toques franceses dun cociñeiro que admira o clasicismo galo.

Casa Ramallo. Rois. Máis de cen anos acreditan o saber facer desta casa, na que priman os estofados e cocidos de longa duración. Dominan moi ben a caza de pluma -faisán, perdiz-, pero eu sonlles do seu xabarín ou corzo. A clave son os pratos, elaborados de acordo con estas receitas pacegas de finais do XIX e do XX, usando confituras, torradas e deliciosos purés de patacas.

Cierto Blanco. Calo (Teo). Un clásico da guía da bata branca (restaurante de médicos). Cociña ben tradicional na que sobrancean os guisos de caza en tempada.

Restaurante Pandemonium. Cambados. O chef Antonio Botana ofrece un menú outonal, baseado nos cogumelos que recolle el mesmo nos montes do Salnés e comarcas próximas, a 36€. Aquí vos queda.

Casa Victoria. Forcarei. Esta excelente casa de comidas tradicionais prepara a caza por encargo. A súa especialidade son as fabas con lebre, que quitan o sentido. Lembren de reservar un par de días antes para as cousas de caza.

Casa Aurelio. Santa Comba. Guisos de caza que se poden maridar cunha excelente selección de viños -unha das fortalezas desta casa-. O de máis sona é a perdiz con verduras.

Restaurante España. Lugo. Héctor López elabora unha interesante proposta de caza, preparada desde conceptos contemporáneos, que actualiza a rica tradición da súa casa.

Casa Beba. O Incio. Esta marabillosa casa destaca pola súa caza nestas fermosas montañas orientais. Xa saben que é unha das nosas casas de comidas preferidas cando viaxamos cunqueirianamente no tempo polo vello Reino.

O Ateneo. Piñor. Erundina Vázquez, unha auténtica matriarca da cociña tradicional, ofrece tamén caza. Mellor chamar antes.

Casa Descalzo. Taboada. Este incrible sitio, nada fácil de atopar malia estar no centro da pequena vila de Taboada, é o epicentro dos xantares de celebración dos curas desta comarca, así que con iso xa lles digo todo. A caza fanna por encargo.

Casa Villar. Fonsagrada. Outra matriarca da gastronomía tradicional ofrece, por encargo, caza na súa casa de comidas de Parada Vella. E os GTs de despois son únicos en centos de quilómetros á redonda.

2 Comments

  1. Fernando
    5 / Novembro/ 2013

    Eses son moi bos sitios, pero hai algún máis, como casa Manco, en Ventosa – Agolada, tes unha entrada feita sobre a Igrexa de Ventosa, na que fan os mellores cocidos de Galicia, todo por encarga.

  2. 25 / Febreiro/ 2014

    Sempre que comín no Cantábrico, na Fonsagrada, pareceume excelente, tanto os pratos de caza como os cogumelos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará