Sobre ‘castros contemporáneos’

A herdanza da Idade do Ferro está ben presente na arquitectura institucional contemporánea de Galicia

A algúns se cadra lles sorprenderon as miñas declaracións na entrevista de Praza, nas que falaba de que Feijóo vivía nun castro. Pois non era nada metafórico, referíame a un feito bastante próximo á realidade. Observade a foto de enriba, no que se ve o complexo institucional do Presidente da Xunta en Monte Pío. A ubicación está nun espazo privilexiado, dominando un amplo territorio que no seu tempo foi un vasto espazo produtivo, controlando o importante camiño que desde o norte, cruzando o Tambre en Portomouro, traía as mercadorías da Costa da Morte a Compostela. Se o emprazamento da Casa do Presidente da Xunta puidera ter sido un espazo ideal para un castro da segunda Idade do Ferro, para máis a súa definición arquitectónica, planificada polo prestixioso arquitecto Manuel Gallego, foi conscientemente dun castro. A faciana castrexa da Casa do Presidente da Xunta apréciase especialmente ben desde o aparcadoiro público de Xoán XXIII.

O Complexo Institucional de Galicia foi deseñado desde finais dos 90 e inicios da primeira década do XXI. O seu primeiro habitante -e cónstame que con certas renuencias- foi Manuel Fraga. Touriño si que o empregou con carácter máis institucional e Feijóo manifestou o seu recelo inicial a vivir aí ata que rematou por asumilo e mesmo realizar actos de especial carácter simbólico nese espazo. En xeral, os Presidentes teñen esa relación ambivalente co seu espazo doméstico que o poder e as clases altas na sociedade galega contemporánea tamén teñen: é mellor que a escenificación do poder se faga fóra do sitio onde vives, porque o fogar é un espazo discreto, íntimo e pouco accesible. Creo que no deseño do edificio hai moito do postmodernismo, de aquela moi imperante, isto é da relación entre o edificio e o seu pasado, a herdanza cultural. Aínda que o fino talento de Gallego protexeu o edificio de falsos e kitsch remedos, a noción da conexión entre un importante espazo simbólico da autonomía galega coa herdanza cultural antollábase como necesaria. O depósito da soberanía nacional é o Parlamento, pero indubidablemente a casa presidencial, nas democracias europeas, ten un valor simbólico tamén relevante. De aí que Gallego Jorreto explorase a arquitectura da Idade do Ferro como fonte de inspiración para a casa do Presidente, establecendo así un diálogo co territorio e co que el comprendía como un importante acervo cultural. Moi posiblemente -por favor corríxanme se me equivoco- esta debe ser a casa presidencial europea que procura as súas raíces tan atrás, na Idade do Ferro. Sen embargo, é interesante saber por que isto non nos soa estraño.

De feito, sería interesantísimo explorar as conexións -máis ou menos conscientes- entre a arquitectura da Idade do Ferro e o deseño arquitectónico de Gallego Jorreto. O papel da seguridade, do acceso, da monumentalidade e visibilidade, da ubicación dos elementos de valor simbólico e dos aterrazamentos. Sería posible (e moi divertido) establecer un discurso das diverxencias e das proximidades entre un castro e a residencia presidencial de Galicia.

A prehistoria é fundamental para comprender a construción da identidade visual contemporánea de Galicia. O caso máis interesante, sen dúbida, é a asociación entre petróglifos e a identidade corporativa de marcas comerciais, asociacións, entidades e partidos políticos. Só en Irlanda e en Escocia atopamos algo similar, pero sen tanta intensidade como aquí. Se isto foi así no deseño gráfico, a arquitectura tivera as cousas algo máis complexas. Creo que é sintomático que, conforme imos sabendo máis sobre a Idade do Ferro, a súa presenza arquitectónica vai ser maior, especialmente na escenificación do poder institucional e público. O caso máis interesante é o do novo concello de Lalín, un proxecto deseñado por Tuñón e Mansilla que se coñece coma o “castro tecnolóxico”, e que sen dúbida é outro dos castros contemporáneos de Galicia. Creo que non é casual que este “castro tecnolóxico” se proxecte nunha vila en expansión, Lalín, que aspira a converterse na capital dunha Galicia central na que cada vez van desaparecendo máis os pequenos núcleos vilegos, de feiras e arciprestados, que antes estruturaban as comarcas.

8 Comments

  1. Fernando
    27 / Outubro/ 2013

    Hola Manuel,
    Sólo un apunte, y es que el arquitecto de la residencia del Presidente de la Xunta en Monte Pío no es César Portela sino Manolo Gallego, que en este caso, como ha desarrollado a lo largo de toda su obra, conjuga una arquitectura sensible con la riqueza de espacios públicos a medio camino de privados que caracteriza a la arquitectura y urbanismo popular gallegas, y una especial interés en la forma en la que está construída su obra, la expresión de los materiales y sus despieces y encuentros.
    Todo esto se aprecia en el caso de esta obra por ejemplo en toda la secuencia de espacios exteriores hacia el Obradoiro, con sus emparrados, que van recogiendo el paso de espacios más expuestos hacia los más íntimos, las escaleras que salen de los muros como en los castros, la colocación de los edificios de adaptándose a la topografía, como si fuesen varios en una aldea a pesar de ser uno sólo, una forma de construcción en seco entre distintos materiales, colocando unos junto a otros sin morteros, dejando que sean esas uniones las que expresen la forma de construcción…

  2. AVCompostelaVella
    27 / Outubro/ 2013

    Interesante o artigo. Precisamos sobre a referencia acerca do edificio de Monte Pío “…a súa definición arquitectónica, planificada polo prestixioso arquitecto César Portela”. A realidade é que o denominado “complejo presidencial de Monte Pío” é unha obra do arquitecto Manuel Gallego Jorreto: http://www.ardan.es/ctgcos/pdf/30.pdf

  3. Pedro
    27 / Outubro/ 2013

    arquitecto Manuelo Gallego Jorreto

  4. 27 / Outubro/ 2013

    Ei, grazas a todos pola rectificación do nome! Días complicados…

  5. 27 / Outubro/ 2013

    aquí está o vídeo da conferencia sobre un parque que ía incluír o Castro de Elviña, http://vimeo.com/21181025, ata mércores!!!

  6. Marco
    31 / Outubro/ 2013

    A razón de ser da tan grande presencia dos castros no imaginario galego precisa estudio.
    Eu penso que unha liña de investigación sería situarse nos tempos da xeneración Nos cando, por mecanismos que precisan estudio, produxose unha curiosa fusión entre arqueoloxía erudita e saber popular.
    O feito de partida e que os castros máis ou menos arruinados sempre estiveron alí. Sempre foron bos para pensar pra os campesiños que vivían nas súas abas, que os utilizaban e reutilizaban dun xeito ou outro, como monte, reserva de pedra ou para colocar as mouras da parroquia.
    A novidade que producen os da xeneración Nos e que co seu traballo os castros adquiriron, tamén, un cuño intelectual, erudito, sabio, conectado coa arqueoloxía europea da época.
    Desde entón prodúcese unha sorte de fusión entre o saber campesiño, de sempre, e a nova erudicción urbanita, consolidando unha forte alianza que termina configurando os castros como totems, como alma externa, como simbolo, do ser galego. E iso está moi profundamente enracinado tanto na cultura popular actual como noutras formas de cultura.
    Penso que o “castro de Feijoo” e unha entre tantas mostras de esta realidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará