Vento e Chuvia, unha mitoloxía da antiga Gallaecia

Last updated on 16 / Outubro/ 2013

Dous mil anos despois, imaxinamos e escribimos os antigos mitos dos deuses que poboaron os soños da Gallaecia do tempo dos castros

Pois xa podemos desvelar o segredo. O vídeo que vedes aquí arriba arriba é o primeiro teaser de Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia. Un proxecto que leva madurándose na miña cabeza vinte anos, dunha confección moi complexa, pero que xa está en imprenta, editado por Edicións Xerais [consulta a ficha]. Aquí vai a sinopse do libro;:

Vento e Chuvia introduce ao lector no fascinante mundo da Idade do Ferro. Dez prodixiosos deuses que poboaron os mitos da antiga Gallaecia cobran vida nun universo con alicerces nos últimos descubrimentos da arqueoloxía e das ciencias do pasado pero sobre o que voa ceibe a imaxinación e a fantasía, enchendo con soños os ocos baleiros da ciencia.

Manuel Gago, apoiado visualmente polas vibrantes ilustracións de Manel Cráneo, emula unha viaxe no tempo con gravadora para colleitar as vellas historias que se contaban na noite dos castros e fiar con elas a historia dos deuses galaicos, ou sexa, as orixes máis profundas do rico imaxinario da sociedade tradicional galega. Un libro apaixoante, distinto, que causará gran impresión e que trae a máis vella mitoloxía galega coñecida ao noso imaxinario do século XXI.

Velaí que este é un libro atípico, distinto. O que atoparás nel é un tesouro descoñecido para unha gran parte da poboación galega: a existencia dun gran número de deuses, con nomes e atributos, aos que se lles nomeaba en linguas xa desaparecidas, por parte de xentes ás que non somos quen de pór rostro. Deuses adorados nos castros, nos montes, nos camiños e ao longo do territorio do noso vello país. Deuses enigmáticos, que teñen consumido litros de tinta de investigadores que tentaron comprender as súas características, roles e sentidos na vida dos nosos devanceiros da Idade do Ferro. A miña é unha aproximación literaria a partir de moito do coñecemento e da discusión xenerada nos ámbitos da lingüística, da mitoloxía comparada e da arqueoloxía ao respecto destes deuses.

Así que tedes neste libro relatos sobre Reue, Bandua, Nauia, Cossue, Lugoue, Berobreos, Poemana, Bormanico, as Sulas Nantugaicas e o Vestio Alonieco. Unha complexa malla de historias entrelazadas, cosidas entre si, nun mundo cheo das palabras que nos chegaron desde alí. Aventuras, acción, amor, traizón, morte…todo reunido, todo contado, con moito traballo e esforzo, a partir dunha idea de como serían contadas estas historias na Idade do Ferro, pero escritas para o século XXI.

Creo que estamos nun momento en Galicia no que temos que comezar a ver máis alá das “casiñas redondas”. Durante os tres últimos anos, na miña participación en diferentes proxectos arqueolóxicos, a principal percepción, o que máis aprendín, foi a “procura do Outro”. E o Outro estaba en todas partes, en pequenos detalles. Con Vento e Chuvia quero buscar a eses homes e mulleres, a eses pais e fillos, a eses nenos que un día encheron o que hoxe son espazos baleiros sobre os que aboian turistas e curiosos. Quero enfialos na árbore universal das historias, quero conectalos coa nosa mocidade, coas novas xeracións. Quero amosar que “hai algo máis” que casas redondas baleiras de nada. Quero traer o fume das súas lareiras.


Portada do libro

As poderosas ilustracións de Manel Cráneo
O meu contacto con Manel Cráneo na Torre dos Mouros elaborando a banda deseñada deixoume impresionado da profesionalidade do ilustrador. Propúxenlle se lle apetecía entrar neste proxecto e lanzouse de cabeza. Ambos os dous estivemos metidos nunha espiral de documentación arqueolóxica, viaxes por todo o país -todas, ou case todas as localizacións son reais-, debates, interactuando e aprendendo o un do outro. O mundo turbio, dinámico, treboento de Vento e Chuvia agromou das súas mans coma se el mesmo fose un demiurgo, combinando a precisión coa fantasía e a estética pictórica. Quero agradecerlle a Manel Cráneo o seu inmenso traballo.

A análise de Marco García Quintela
Vento e Chuvia é como unha cebola, pode ser lido de diante para atrás ou viceversa. Pódeselle entrar por un deus ou outro. Infográficos, índices e materiais especiais complementan os relatos. Entre eles, está o xogo entre o que sabemos e o que non sabemos. Pedinlle a Marco García Quintela, catedrático de Historia Antiga, que pechara o libro analizando que é o que sabemos e non sabemos realmente sobre o mundo imaxinario dos nosos devanceiros, sobre o seu panteón de deuses e os seus mitos. Marco traslada a historia da ficción á investigación académica, creando un contrapunto incrible para todos aqueles que desexan profundizar nos debates académicos ao respecto dos nosos vellos deuses. Entrementres, tamén podes consultar un texto de divulgación meu que te axudará a comprender o que antes, nos relatos, se conta e se “dá por suposto”. Non te esquezas que está transcrito de declaracións e relatos contados no século II a.C.!! ;-)

Un libro aumentado
Como xa saberás, non creo nos libros nun único formato. Si creo nas experiencias, que van alén do propio libro. As experiencias son as historias. Vento e Chuvia vén acompañado dunha web que podes ver aquí: ventoechuvia.com. O web, ademáis de presentarche o libro e poder ver fragmentos e ilustracións, ten dúas áreas reservadas aos compradores da publicación. A primeira área é accesible a través dun código distribuído no volume. Nela poderás acceder a moitísima información: desde bocetos, making of, material adicional e orixinal, facsímiles dos orixinais manuscritos, ata roteiros e a xeolocalización exacta do 90% dos escenarios descritos en Vento e Chuvia. Non só iso, disporás de roteiros familiares para explorar, cos teus amigos ou fillos, os lugares precisos nos que se producen os mitos. A segunda área só poderás acceder se eu te escribo a man un código no teu exemplar de Vento e Chuvia. Alí poderás acceder a tres historias adicionais que complementan ponlas narrativas abertas na publicación. Entre elas, a da propia portada.

Unha presentación única e máxica

Que cando poderás velo, cando poderás mercalo e todo iso? A presentación inicial farémola na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. É un marco espectacular. Será o mércores 30 de outubro ás 20 h. Ademáis da presentación máis ou menos convencional, estamos preparando un auténtico espectáculo con cinco actores consagrados galegos: Quico Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González. Eles van dramatizar parte dos episodios narrados en Vento e Chuvia para ti, dun xeito moi especial.

Por certo, faláronche algunha vez na lingua dos galaicos? ;-)

E moitas máis cousas
Vento e chuvia é un concepto transmedia. É un libro, pero tamén son obradoiros sobre a Idade do Ferro en Galicia para ensino de primaria e secundaria, espectáculo teatral de pequeno formato, merchandising cos deuses…irás sabendo máis sobre todo iso conforme pasen os días. :-)

Quero agradecerlle a Xerais a confianza neste proxecto tan ambicioso e singular. É un proxecto para todos os públicos, para os preadolescentes, adolescentes, mozos e maiores; así foi escrito e concibido, sen fronteiras. Cadaquén atopará as súas propias lecturas nas andainas abraiantes dos deuses da Idade do Ferro de Galicia.

27 Comments

  1. Antón Malde
    15 / Outubro/ 2013

    How nice!

  2. R.
    15 / Outubro/ 2013

    Pagou a pena estar dende as tres e media dándolle ó F5, ;-)

    ¡Parabéns!

  3. 15 / Outubro/ 2013

    No meu nome e especialmente no de Fiz e Anxo, os mais sinceiros parabéns por ter tido os folgos de pilotar un proxecto tan apaixoante e “normalizador” da vida cultural galega coma este.
    Ben feito!

  4. elixio
    15 / Outubro/ 2013

    Haberá que repasar o vocabulario oestrimnio ou similar, para entender o tema? ….Parabéns e que sexa unha presentación e representación mítica

  5. 15 / Outubro/ 2013

    creo que certaches, Manuel

    estes días conto lendas aos meus alumnos de 12-13 anos: lendas gregas e lendas galegas, e así,
    sei que esquecerán a colocación dos pronomes átonos (é igual, falan todos, moi ben, en galego), pero non a Prometeo ou a Ulises, nin as mouras, nen os encantos; nen os aires…

    grazas e contade con nós cando avance o tema dos coles, e de paso facemos un vídeo para soncine http://vimeo.com/soncine/videos

  6. 16 / Outubro/ 2013

    Elixio, esta xente xa só gardaba palabras e algúns topónimos do vello oestrimnio. ;-) Pero garantízoche que haberá tradución simultánea.

    Miguel, saúdame ben a eses Fiz e Anxo. Por rapaces coma eles vai este libro, aínda que está pensado para ser lido tanto por mociños/as como por adultos. ;-)

  7. 16 / Outubro/ 2013

    David, unha idea fantástica o do cole e o de soncine…

    Cantos contos lles temos que contar aos nenos!

  8. 16 / Outubro/ 2013

    Heróes mitos e deuses da mitoloxía galega: Canto demorou o xénero en camiñar por Galicia.! Serán dados.

  9. Fins
    16 / Outubro/ 2013

    Este proxecto era un vello anceio de Manolo cando andabamos aos choutos polos castros do Barbanza. Feliz ti de velo realizado e felices nós de podérmolo partillar. Xenial a portada coa Pedra das Cabras de Palmeira!

  10. 16 / Outubro/ 2013

    Ti si que o pillaches, Fins! ;-)

  11. 16 / Outubro/ 2013

    Parabéns! Xa era hora de que alguén o fixera! A ver con que me sorprendes! Un Graves non será: tirará máis a Javier Negrete co seu Señores del Olimpo. Xa me tarda telo nas mans. E haberá que facerche outra entrevista!

    Apertas

  12. 16 / Outubro/ 2013

    Parabéns por este inmenso traballo.
    Esta iniciativa será sen dúbida un fito para reforzar o imaxinario galego, como todo o teu traballo no blog
    Xa me tarda ter o comic nas mans

    apertas grandes,
    Cástor

  13. 16 / Outubro/ 2013

    Grazas! Pablo, creo que nin Graves nin Negrete. Non teño nin idea do que son. ;-)
    Cástor, aclarar que non é unha banda deseñada, senón un libro de relatos con máis cousas ;-).

  14. ruth
    16 / Outubro/ 2013

    Para cando a película?
    ;)

  15. 16 / Outubro/ 2013

    Ten moi boa pinta, parabéns. Por certo de cantas páxinas falamos?

  16. 16 / Outubro/ 2013

    Non fai falla , 152

  17. 16 / Outubro/ 2013

    Pouquiño a pouco, Ruth! ;-)

  18. Miguel dos Castros
    17 / Outubro/ 2013

    Facía tempo que un libro non me facía tanta ilusión. Eu pensaba que a industria editorial galega desistira de competir e tíña pánico a innovación e ao risco pero ti e Manuel Craneo demostráchedesme que estaba enganado. É unha enorme satisfacción comprobar que en Galicia hai xente que leva a cabo proxectos que xa quixeran para si paises mais desenvolvidos, proxectos que ilusionan sobremaneira a un pais que parecía que non podía ou quería loitar por unha cultura que estaba viva debaixo das cinzas da crise e do abandono. Moitísimas grazas.

    P.S.: aquí tes un axente comercial na cidade da Coruña

  19. Félix Neira
    17 / Outubro/ 2013

    Parabéns, Manuel. Ten unha pinta estupenda, incluso para lectores adultos. Aos meus fillos, sobre todo ao maior, vaille encantar, porque xa é un experto en castroloxía. Por certo… esperemos que estes deuses coñezan as croas de Niñóns de primeira man e baixaran a elas de cando en vez como os Olímpicos da Ilíada! Un saúdo.

  20. 17 / Outubro/ 2013

    Moitas grazas, Miguel, polas túas palabras. Eu sempre digo que penso que debemos facer os proxectos e os traballos coma se estiveramos no país no que queremos estar. Agardo que te guste Vento e Chuvia cando saia.

    Félix, efectivamente, este é un libro para todos os públicos. E ademáis estou convencido de que cada público fará lecturas moi distintas. ;-)

  21. Roberto
    17 / Outubro/ 2013

    Moitos parabéns Manuel e demais implicados.

    Calquera proxecto educativo ten o meu apoio, pero que sexa incorporando as novas Tecnoloxías e contando o noso pasado, (¡e en galego!- seino, é triste mais é a dura realidade), goza do meu absoluto apoio e recoñecemento.

    Moita sorte coa andaina, e reitero a miña felicitación a todo o equipo.

    Pd: Por certo, ¿a presentación é aberta a todo o público en xeral?

  22. 17 / Outubro/ 2013

    Ola, Roberto, moitas grazas polas túas palabras. Claro que é aberta a todo o público, como non vai ser? ;-)

  23. Pancho-Lapatianco
    23 / Outubro/ 2013

    Agardando con impaciencia, logo deses faragullos que nos ías deixando, cheos de misterio, cando falabas “do novo proxecto” que á fin chega.
    Tentaremos achegarnos o 30 a Santiago.
    Por certo, o Manel Craneo semella que usou unha imaxe dos cervos dos Ballotes para ilustrar ese penedo sobre o que choutan esas guerreiras da antigo noroeste peninsular ¿non é?.
    Noraboa polo traballo que todos imos disfrutar.

  24. 3 / Outubro/ 2016

    Ola
    O Clube de Lectura do IES Cacheiras centra a súa proposta lectora na tradición oral e o seu emprego na Literatura, por iso os autores e obras escollidas serán: O xigante bonachón, de Roal Dahl, No corazón do bosque de A. Fernández Paz e Vento e Chuvia de Manuel Gago.
    Sería un luxo poder contar cunha visitiña a Cacheiras, do autor de Vento e Chuvia, se fora posible aló por o 3º trimestre -maio – xuño-.
    P.d. Desculpa por empregar este medio para contactar, intentámolo con @magago pero non foi posible.
    Un saúdo
    Darío Doval

  25. Lois
    25 / Decembro/ 2020

    https://www.academia.edu/29240518/Muchas_teor%C3%ADas_y_pocas_fuentes_religiones_castre%C3%B1as
    https://www.academia.edu/39727770/Religiones_castre%C3%B1as_contra_el_estado_Castre%C3%B1o_religions_against_the_State?email_work_card=view-paper
    Alberto Santos Cancela,
    en la Gallaecia y Lusitania Antiguas
    16
    .

    Esta pasa por: 1) establecer el carácter céltico de un teónimo – o fenómeno – atestiguado en el Noroeste; 2) interpretación libre del mismo, resaltando algún rasgo que permita su comparativa; 3) extrapolación de una mitología asociada tomada de las fuentes medievales insulares.

    Al margen de problemas concretos, como si los teónimos consignados en epígrafes galaico-romanos pueden o no remitirnos de forma directa a realidades religiosas prerromanas, se observa que estamos ante una falacia de circularidad que, en última instancia, depende y al mismo tiempo legitima el carácter céltico de la religión del Noroeste como clave interpretativa. Con sus trabajos, el celtismo deja de ser un mero “marco comparativo” para convertirse en un apriorismo conceptual en la comprensión de la religiosidad castreña. Con la apariencia de un trabajo científico, se vuelve a un enfoque paracientífico, que tiene como finalidad legitimar la celticidad del Noroeste y, como resultado no previsto, la perpetuación de tópicos sobre las religiones célticas más dependientes del “espejismo” decimonónico.
    que de la realidad de cualquier fuente histórica.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará