#socialfoodin no Restaurante Calderón

Last updated on 19 / Setembro/ 2013

Nove descoñecidos, unha mesa redonda e un menú “gastronómico” a prezo asequible no restaurante Calderón de Santiago de Compostela

A proposta non pode ser máis atractiva: unha cea case a cegas. Nove persoas, que en teoría non se coñecen entre elas, quedan para cear xuntas no restaurante Calderón. Este restaurante segue a ser un dos grandes secretos a voces da cidade: posiblemente é o establecemento máis recoleto, máis íntimo dunha cidade, Compostela, á que lle gusta a discreción. O obxectivo: probar o menú do día do Calderón, un menú “gastronómico” de 15 euros (tres platos + postre, bebida aparte) que se suma aos outros menús espectaculares a baixo prezo que se poden atopar en Compostela.

A calidade do menú estaba asegurada, non só onte, senón as veces que o tiña probado antes. Elaboracións lixeiras para que non pesen pola tarde, uso feliz do peixe -a ensalada de robaliza do principio foi un dos grandes momentos- e por suposto, carnes como esa croca que vedes na foto, que no caso dun lalinense como Siro que, ademáis, é militante da comarca do Deza, atópase especialmente coidada. Absolutamente recomendable. Pero nesta actividade, organizada pola xente de Galantiqua e amantes da vida como Mario López Guerrero, vai máis alá.

A xente máis vinculada a temas de emprendemento e novas tecnoloxías todas estas técnicas sóanlles a vello, pero sei que tamén hai moita xente que le Capítulo Cero que provén doutras culturas profesionais nas que non é tan habitual. Eu, que son de natureza bastante tímida, raciono moito a miña presenza en eventos de networking, e iso que sempre que vou pásoo francamente ben e acabo volvendo a casa cun espíritu optimista renovado que se agradece como desconexión do por veces agoreiro, intrigante e pesimista mundo dos eventos da cultura máis convencional. Pero é así: axenda sempre repleta e timidez fréanme bastante.

Onte, abeirado nunha pequena e discreta habitación con outros oito descoñecidos e descoñecidas a cada quen máis interesante e agradable, decateime de como, moitas veces, entramos en círculos viciosos de persoas -e non me refiro tanto ás amizades máis íntimas, como a ese círculo un pouco máis amplo que nos define e que nos atopamos pola inercia das vidas- e o noso mundo faise pouco a pouco pequeno. Onte tiña o ánimo e o día turbado, pero cando o sol se puxo, a xornada volveuse luminosa. Déixense levar e proben a facelo: sentar con descoñecidos e compartir algo dun mesmo, só un pouquicho. O noso pequeno país de súpeto volverase un pouco máis grande e a gastronomía prestará como nunca.

2 Comments

  1. 20 / Setembro/ 2013

    Le tengo muchísimas ganas a este restaurante, pero no sabía que tenían un menú diario tan asequible, así que fichadísimo!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará