As Croas de Niñóns, ou como volver a espir o noso patrimonio

O proxecto quere demostrar que con pouco esforzo podemos facer visibles neste país centos de monumentos.

Ollade primeiro neste vídeo, porque neste vídeo hai un mundo. É o alcalde de Ponteceso e os veciños de Brantuas e Niñóns, que vos convidan a todos a visitar o castro e explican por que o queren recuperar. Hai moitas cousas chulas no vídeo. Pero a máis notable é que, na vontade dos habitantes actuais de Niñóns, o seu vello castro quere ser non só a súa memoria senón a súa carta de presentación ao mundo. Hai unha curiosa sintonía entre eles e os vellos habitantes da acrópole galaica: aqueles empregaron as murallas de xeito escénico, como diálogo co outro. Dous mil anos despois, os habitantes destas aldeas empregan o castro exactamente para o mesmo.

O ano pasado visitei este lugar, porque mo recomendara moi vivamente Tono Formoso: chamábase As Croas de Niñóns, e estaba nun recanto da parroquia de Niñóns, en Ponteceso, sobre un contorno espectacular dunha praia fermosa e os accidentados cantís da Costa da Morte. Como podedes ver no post que escribín de aquela, fiquei abraiado co estupendo estado de conservación que mantiña o castro, sobre todo un impresionante sistema defensivo en tres niveis que parecía non só militar, senón orientado a fascinar ou sorprender a quen chegara desde o mar ata aquela fermosa praia que tiñan enfronte. Tamén ficara preocupado. Víase que os eucaliptos medraran sen prantación e estaban degradando con rapidez o poderoso sistema defensivo que levaba en pé, en boas condicións, máis de dous mil anos.

Grazas a Tono Formoso e á feliz coincidencia de todas as partes -a Asociación Cultural A Nosa Señora do Faro que motivou a intervención, o concello de Ponteceso que a promove e dispón os medios técnicos-, durante estes meses maduramos o proxecto As Croas de Niñóns. Un proxecto modesto polo momento pero ambicioso nas súas grandes medidas. A filosofía actual que queremos con el é demostrar que só limpando, só quitando a cuberta vexetal, transformamos o estatus de sitios arqueolóxicos desaparecidos a monumentos recoñecidos pola súa comunidade. Os proxectos de limpeza teñen un custe moi reducido e poden ser asumidos perfectamente, na súa loxística, polas cuadrillas municipais de limpeza de montes, pero o retorno que se obtén, se se deseña unha estratexia de divulgación, comunicación e participación cidadá, é moi elevado para as entidades que o promoven.

A dirección arqueolóxica do proxecto é de Xurxo Ayán, canda un equipo de arqueólogos do Incipit. A comunicación está coordinada por min. Dispoñedes do web oficial e dunha páxina de Facebook para poderdes seguir o proxecto, as novidades que vaian aparecendo e as actividades que vaiamos propoñendo.


Inicio da limpeza por parte da cuadrilla municipal de Ponteceso.

Así que o proxecto As Croas de Niñóns, na súa campaña 2013, vai disto. O que imos facer é unha limpeza branda na superficie do castro de Niñóns, traballando en tres eixos: visibilizar as estruturas arqueolóxicas -e insisto, o sistema defensivo é impresionante-, tentar recoñecer e valorar en que estado se atopan as estruturas domésticas do castro na medida en que se poida e reintegrando e restituíndo o valor simbólico do castro entre os veciños das comunidades próximas e os visitantes foráneos. Pero hai algunha cousa máis que quería resaltar. Traballaremos durante o mes de setembro. Ao final, haberá unha xornada de traballo aberta a voluntarios, na que poderá participar quen queira, un programa de visitas con veciños e escolares do concello e sinalética especializada.

Unha das máis interesantes premisas de traballo científico é a propia ubicación do castro. Estamos nunha relativa “terra incognita”, xa que non hai castros escavados nin estudados a fondo entre Borneiro (ao sur de Niñóns) e Elviña, na Coruña. Esta terra é de fronteira entre dous pobos ben coñecidos nas fontes clásicas, os Nerios e os Ártabros. Como sabedes, eu defendo que temos que comezar a ver a Idade do Ferro galega desde un punto de vista cultural. Non hai castrexos, hai “galaicos”, e cando temos a sorte de poder identificar o pobo en concreto, hai que facelo. Neste caso, As Croas é un castro ártabro. Que significa iso a nivel cultural? Como se pode recoñecer? A estes efectos, hoxe, no primeiro día de intervención, xa apareceron evidencias de certas características culturais “ártabras” na muralla, interesantísimas. Xa volas iremos contando.


Pactando a limpeza co señor Luis.

Os propietarios
Un dos aspectos que máis me interesou deste proxecto foi o feito de que, a diferencia doutros proxectos previos que temos levado a cabo -os últimos en Carnota, no Castro de Mallou ou Torre dos Mouros- neste caso, o monte non é comunal. A maior parte da arqueoloxía en Galicia lévase a cabo en terreos comunais ou públicos, e case nunca en privados. Non só iso: a moitos arqueólogos e xestores se lles poñen os pelos como escarpias ao pensar en tratar con propietarios, existe unha especie de medo ante o temor de sarillos, de pendencias e desa imaxe -falsa- do labrego galego coma un tipo testarudo e desconfiado. Nós non os consideramos así. Considerámolos cidadáns cos seus propios e lexítimos intereses, e buscamos converxer os intereses comúns cos intereses particulares. Tratando de ti a ti.

Considero que a propiedade en Galicia é moito máis que un título e un ben que se pode transaccionar. Na cultura deste país, a propiedade non é só (que tamén) fonte de conflitos, é dignidade, é independencia, é subsistencia, é a demostración do siso e da boa xestión, é aquelo que vai dos avós cara os netos mentres é preservado polos pais. En Niñóns vivín un dos momentos máis intensos dos últimos meses cando conseguimos convencer, nunha mañá, aos catro propietarios das dúas hectáreas que comprende o castro. Foi emocionante, foi unha lección de cultura deste país, da microfísica social dunha parroquia que representa a todas as parroquias. A cousa ía difícil ata que, nun momento, se falou de familia, cando eles aprenderon a recoñecer as casas ocultas do castro e pasoulles, estou seguro, o mesmo que a min me pasa ás veces: de súpeto atopáronse, nas súas cabezas, co Outro, o que está a miles de anos de distancia, e se sentiron, de algún xeito, solidarios con el: dous homes recoñecéronse no espello do tempo. Falouse de fillos e netos, escoitei a palabra lar, lémbroo ben. E alí produciuse o miragre. Houbo un silencio. Manolo, desde o fondo, mentres ollaba as trazas dunha cabana castrexa, dixo:

-Imos asinar. Pero como nos fagades algunha falcatruada non sei que vos fago. -e tiña toda a razón!

Nas Croas de Niñóns traballamos man a man cos propietarios buscando o beneficio para todas as partes, explorando esa relación común e necesaria, que afecta a unha significativa parte dos sitios arqueolóxicos deste país.

O Cartafol de Niñóns
Levamos uns días mergullados nese microuniverso que é Brantuas, Niñóns e Os Anxos, e en só neste tempo temos aprendido centos de cousas. Iremos contando todo en diferentes tempos: desde o tempo real da intervención, varias veces á semana, na que poderedes ver como vai avanzando a limpeza, ata unha das novidades coas que estamos experimentando, o Cartafol de Niñóns. Aínda estamos comezando con el, pero o obxectivo é “estender” o castro, conectar o castro coas numerosísimas outras historias da parroquia a través dunha malla narrativa hipertextual. Para comezar, estamos fascinados con esa santa que sempre está en sitios “especiais”: Santa Mariña. Témola moi pretiño do castro, xa saberedes. A cultura galega é hipertextual desde hai séculos!

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará