A Tixola: nostalxia do camping na Pobra do Caramiñal

Last updated on 26 / Agosto/ 2013

Na Ría de Arousa, un novo movemento informal busca cambiar a idea de sinxeleza gastronómica.

Antes de marchar de vacacións tivemos a oportunidade de coñecer o proxecto A Tixola, unha divertida iniciativa gastronómica de Nacho Rodríguez, cociñeiro do restaurante palmeirán Gastromanía Casa de Xcantares e o inquedo Lucas Requejo, coñecido polo seu proxecto Prato DO, de recuperación de sabores tradicionais e menús saudables. Logo andivemos ben liados, así que recupero agora esta historia.

O tema é tan simple como curioso: unha caravana montada a pé de praia -neste caso no piñeiral que está entre as praias de Cabío e a Illa- e unha estética de camping que se aplica a todo o menaxe, as cadeiras e o propio acto de comer. Pratos sinxelos, produto de mercado e do día cun clarísimo acento na ría de Arousa e nas prazas de abastos. Nacho Rodríguez controla un forno de brasa ubicado dentro do carromato co que consigue dar un punto tamén moi “praieiro” aos pratos, con notas de fume e brasa.

O proxecto baséase, como nos podemos imaxinar, na mobilidade. O obxectivo é desprazarse coa caravana a eventos ou baixo demanda, ofrecendo menús sorpresa ou de calidade en espazos especiais (mosteiro de Carboeiro, por exemplo) e eventos (Festival da Luz).

Aínda que Loxe Mareiro e Tixola son dous proxectos notablemente distintos en concepto e en resultados, non deixa de ser curioso como a ría de Arousa está a concentrar iniciativas creativas en relación á gastronomía galega, revelándose coma un interesante campo de experimentación gastronómico.

Fotos: Sole Felloza

One Comment

  1. oLO
    25 / Agosto/ 2013

    Quero probar este aftersun.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará