Mr. Gwyn, metaliteratura de Baricco

Last updated on 23 / Agosto/ 2013

As narrativas de Alessandro Baricco son de cristal. Dun cristal artesanal, como manufacturado nunha illa veneciana; esa pureza, esa limpeza da escrita, nos desconfiados ou nos revirados, pode inducirlles xustamente a pensar na súa artificialidade. Outra xente pode deixarse caer irreflexivamente no engado. Mr. Gwyn, unha novela breve e concentrada, como toda a obra do italiano, collina nunha etapa desconfiada. Eu fun dos que primeiro me entreguei arroubado ás obras de Baricco, sen dubidar un segundo. Así foi Seda, por exemplo. Despois de ler dúas longas entrevistas ao escritor e deixar pasar uns cantos anos, agora tomo os seus libros un pouco de esguello, como queréndolles mirar o envés. Mr. Gwyn é unha boa novela. Conta a crise creativa dun escritor galés de éxito e a súa redención, a través da busca e engado dun xénero novo: o retrato escrito. É dicir, como un retrato pintado pero escrito. Non sei se me explico. Seguramente non, Baricco tampouco moito. Pero o resultado, que apaixona a todo o que o le -menos a vostede, lector, ao que lle privan de tal privilexio- é como un considerable mcguffin, ou un recurso deus ex machina. Vou escribir algo radicalmente novo. Vou abraiar a todo o meu círculo. Pero o lector non poderá acadar nin a primeira páxina destes retratos, e aínda así, tamén debera ser contaxiado pola fascinación.

Por suposto, a fin última da novela non é o achado do xénero literario novo, senón a traxectoria dun home complexo, solitario, pero que xenera nos seus próximos cousas emocionalmente incribles. Un bo libro para o verán, malia o seu macguffin, ou iso me parece a min.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará