Diario de Mallou: a volta da memoria

Last updated on 25 / Agosto/ 2013

A fin de campaña no castro de Mallou foi o momento máis emotivo que vivimos no equipo de traballo, un destes momentos que, francamente, quedará marcado para toda a nosa vida dun xeito moi especial. Un dos obxectivos da intervención era devolver o uso público a un espazo abandonado, periférico, con respecto á vida das persoas e da comunidade local. Pensar en como revincular á sociedade coa súa propia herdanza. Aínda que a afluencia de visitantes ao sitio arqueolóxico foi incrementándose, como xa é habitual, conforme pasaban os días da intervención, a data clave era o sábado 27 de xullo. E como é habitual, tiñamos as dúbidas sobre como funcionaría. Conseguiriamos que a aldea subira a ver o resultado do traballo? Durante os días previos, o equipo antropolóxico foi o noso embaixador, casa por casa da aldea. O proxecto foi explicado en podios, en mesas de cociña, en pombais.

Imprimimos no concello un convite para cada casa de Mallou. O convite, co programa de actos do día, foi entregado casa por casa da aldea, ao longo destes dous días. O sábado pola mañá tamén se conseguiu un obxectivo prioritario do noso traballo: facer visible desde o exterior o aparello defensivo do xacemento, moi espectacular.

A maleza devorara a doble liña defensiva, e algúns dos voluntarios fixeron un traballo titánico no vértice norte para conseguir limpar de xesta e toxo un lenzo de muralla exterior, que puidera ser visto desde a aldea e a estrada. Funcionou. “Cando saín da casa e vin as murallas de novo”, díxonos un veciño, “subín inmediatamente ao castro”.

Ese día pasaron polo castro centos de persoas. A primeira hora, o canteiro de Mos Marcos Escudero chegaba á aldea de Mallou e recibía as explicacións do Cañón, o veciño que mellor gardaba a memoria da cabeza de porco que fora levada do castro. Inmediatamente, Marcos púxose a traballar ao pé do castro recreando unha fermosa cabeza de porco. Os nenos de Mallou, que en todo o día non se marcharon do sitio arqueolóxico, tamén contribuíron a moldear a cabeza do porquiño máis famoso da aldea.

Entrementres, nenos de toda Galicia chegaban cos seus pais para a visita infantil a cargo da actriz Sole Felloza. Os nenos subiron pola Senda Verde de Carnota e encheron o castro de cores. Así coñeceron o traballo que facían os arqueólogos, que llo explicaron directamente, e despois descubriron os misterios da Raíña Lupa e da Rampoña, o mostro mitolóxico que en Mallou roubaba os nenos e que, coas súas gadoupas afiadas, mesmo deixou unha rabuñada nas pedras do castro. O traballo de recollida de tradición oral levado a cabo nos días anteriores polo equipo de antropoloxía comezaba a dar o seus froitos (coñecerédelo mellor nos vindeiros días). Os máis valentes achegáronse ata os Mouchos, unha mítica cova de mouros que está na vecindade do castro.

O vento ergueuse inclemente pola tarde, pero deunos unha tregua. A iso das sete da tarde, as veciñas e veciños de Mallou máis maiores comezaron a subir cara o castro. Protección Civil habilitara un 4×4 para subir aos máis maiores, pero en moitos casos non fixo falta. “Subimos ben de veces aló arriba, rapaces!”, advertíannos as señoras. Montamos como puidemos as carpas mentres un vento inclemente azoutaba a croa do castro, pero a metereoloxía respectounos. Carmen Gallego e César Loureiro, os músicos, sentáronse e o tempo amainou. Comezou a soar unha enmeigante música de violín e nyckelharpa. Unha das veciñas escoitábao emocionada. “Eles”, falaba dos habitantes do castro, “tamén habían tocar música coma nós aquí mesmo”. Estabamos ao pé do parapeto sur, na área máis despexada do sitio arqueolóxico.

A cabeza, xa rematada, do porco de Mallou agardaba ao carón para ser restituída. Marcos Escudero fixera un excelente traballo, e o propio Cañón deu a súa aprobación.

Os nenos de Mallou, que todo o día nos acompañaran e aos que involucraramos durante todo o día na gravación do documental, na procura de auga e en pequeniñas tarefas, convenceron aos seus pais para subir. Eles e elas, sorprendidos, comezaron a lembrar con sorpresa a súa infancia, todo o que tiñan soterrado na memoria desde hai décadas, toda a terra que a vida nos vai tapando. E apareceu a mitoloxía, os xogos, as aventuras no castro. A rapazada da aldea ficou connosco xa todo o día.

Algúns veciños da aldea, traballadores da construción, comezaron a examinar as estruturas exhumadas na área leste. Algún deles botou man do metro e comezou a medir os muros e a entender aquelas cabanas. Dous mil anos despois, os homes volvían a dialogar sobre a calidade das vivendas, a técnica de construción, a orientación. “Se fai falta subimos a facelas de novo”, dixo un deles cando lles colleu o xeito.

A paisaxe mítica de Mallou funcionaba de novo. Algúns sinalaban ao brillante outeiro do Filladoiro, onde está agachado un dos petróglifos máis singulares da costa galega. E lembraban como aínda hoxendía se usaba como pedra da fertilidade, lugar onde as parellas xacían. Dicíano as vellas da aldea, e os familiares máis novos mirábanas sorprendidas. O castro xeneraba memoria. A paisaxe que rodea este xacemento, unha paisaxe formada polos soños e os traballos dos homes, dúas caras da mesma moeda.

As señoras maiores, moi curiosas, exploraban todo o castro, chegaban ata a porta monumental sorprendidas, indagaban nas estruturas. Aquelas mulleres, que pasaran días e días como pastorelas naquel xacemento sobre a aldea, abraiábanse ante o que a terra tiña debaixo, e inmediatamente preocupábanse pola súa conservación no futuro. “A ver, repítemo outra vez”, dicía algunha ante as explicacións sobre o xacemento. Estaban memorizando conscientemente todo o novo coñecemento do lugar, preparándose para comunicarllo a outra xente. Ese repítemo é un dos mellores indicios do éxito.

A música soaba, o vento dábanos unha tregua, o castro aquela tardiña encheuse de xente, a maior parte dela da comunidade local. Procedimos á entrega do porco de pedra, a vella escultura galaica que os aldeáns incorporaran á aldea nos anos 50 e que desapareceu: será incorporada a un espazo público da aldea en breve. Cando os veciños marcharon, e só ficamos nós recollendo o equipamento, estabamos emocionados, pero dun xeito moi profundo. O vínculo entre o castro e a súa comunidade local comezaba a ser restituído e, en moitos casos, e como debe acontecer nestes proxectos de arqueoloxía pública, mesmo por camiños que o propio equipo non calculara.

Queremos agradecer especialmente á SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) a súa colaboración e xenerosidade para xenerar os dous eventos especiais deste día. O proxecto do Castro de Mallou é, sobre todo, xenerosidade e corazón, dun xeito inmenso e incrible. Grazas a todos e a todas os que o facedes posible, e os que soñades cunha Galicia na que isto é posible.

3 Comments

  1. marcos
    19 / Agosto/ 2013

    Grazas por estes momentos. Moitos parabéns a todos.

  2. Laura
    20 / Agosto/ 2013

    GRAZAS A TI GAGO, E A MANDE, E O EQUIPO TODO. QUE NOS FACEDES DESCUBRIR GALIZA BAIXO DOS PES.

  3. maria
    21 / Agosto/ 2013

    Gracias polo voso traballo. Por facernos partìcipes, aînda que estemos lonxe. Por descubrirnos, o que son simples pedras e silveiras para ignorantes coma min.Por manter vivo, a interese no noso patrimonio. Por achegalo aos mais novos. Por non permanecer parados, ante a desidia das administraciôns. Por emocionarme ao ver o voso traballo.Gracias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará