XX Xantanza: O mar que estaba aí, no Loxe Mareiro


Fotos: Sole Felloza

Un bo grupo de amigos celebramos a XX Xantanza de Blogastrónomos galegos no Loxe Mareiro, o novo proxecto dos mozos do Abastos 2.0, de Santiago de Compostela. Diría que todo o que fan esta curiosa parella (empresarial), Iago Pazos e Marcos Cerqueiro, está tocado pola sorte, pero estaría faltando á verdade e téndoos a eles en ben pouco. Porque hai que ser uns excelentes profesionais para poñer en marcha, nun local tan querido como denostado como era o vello Loxe Mareiro, un novo concepto tan potente e, á vez, tan sinxelo como é esta nova proposta de restauración. O novo Loxe Mareiro representa un novo estilo que está a xerminar na ría de Arousa: a novasinxeleza.

A auga chega ata o borde desta antiga casa, da cal as propietarias parecen dúas mestras galesas retiradas dunha vila de Gwynedd. O mar de Arousa lambe o estreito pantalán e Iago Pazos, o pobrense que está ao cargo da dirección do espazo, vai advertindo aos clientes da posición do sol, e orienta mesas e cadeiras en función do estado de ánimo do astro e as súas manobras lumínicas. No interior, dirixindo os fogóns, Iván Domínguez, segundo de Casa Marcelo, comanda un pequeno equipo de tres cociñeiros que se moven con rapidez nunha pequena cociña con pouco frío e un estanque no que aínda está vivo o marisco.

O Loxe Mareiro é un lugar de sinxelos e felices achados. A bicicleta desmontable coa que algún membro do equipo vai facer algunha compra ocupa escenario, montada casualmente case como nun local francés; os diferentes espazos, montados case como sen acabar, permiten fuxir do sol ou refuxiarse do día baixo unha música tranquila ben pinchada. E o Loxe aproveita de modo sinxelo, eficaz, e singular, outro espazo que parece mentira que ata agora non se tivera ben aproveitado nos restaurantes de Galicia: o propio mar, a propia praia. O aperitivo agarda, literalmente, refrescado baixo a area, como estas tónicas. E un pequeniño lume prendido entre as rochas prepárase para abrir rapidamente unhas excelentes navallas. A coctelería de benvida, preparada entre as rochas, o argazo, convirte este lugar nunha experiencia singular. Nada hai de sofisticado, pero é todo de orixinal, de novidoso e, sobre todo, de natural. Insisto: parece incrible que ninguén se dera conta ata agora de convertir ao propio mar no escenario da experiencia culinaria deste xeito.

A cociña é esencialmente de produto. Parece que dicir isto hoxendía é unha convención: pero hai xeitos de velo e comprendelo. A humildade de Iván Domínguez, un cociñeiro preocupado ao máximo polo respecto aos ingredientes, advírtese aquí. Este produto magnífico, maxestuoso -disfruten as ostras da Illa de Arousa, por exemplo- é alterado con gran sabiduría e precisión técnica. Velaí estan eses escabeches de xurelo idénticos aos preparados na miña casa. E velaí van eses peixes enteiros, servidos á peza enteira. como na mesa de mamá ou da avoa. Tivemos unha década de delicados filetedos e desespiñados, pero volvemos a estes peixes decimonónicos, brutáns coma pezas de caza, fastuosos e naturais. Aquí a peza volve, en bandexa, á mesa, para ser cortada e compartida.

Durante case tres horas disfrutei como poucas veces dun xantar que recuperaba todo o mellor que o noso mar nos dá, pero tamén nos trae ideas frescas, ensínanos que temos todo por inventar e crear na nosa relación co Atlántico, e que o peor que nos pode pasar é facela cansina e rutinaria. Imaxinación, humor, precisión técnica e ambición á beira da Illa de Cortegada, amosando un novo xeito de reacción ante a crise gastronómica que asola os restaurantes. O Loxe inaugura unha nova sinxeleza gastronómica arousá que non é doada de definir, pero que vén sendo como unha reivindicación do popular no sentido máis pop da palabra. A xente do Loxe non son os únicos, como veredes nos vindeiros días.

2 Comments

  1. susarins
    31 / Xullo/ 2013

    a comida nom sei, mas as imagens som brutalmente boas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará