Unha ollada á vida cotiá dun castro: o noso obxectivo de divulgación en Mallou

Last updated on 15 / Xullo/ 2013

O Castro de Mallou é un sitio arqueolóxico excepcional, do que se dá unha memoria contraditoria: se ben os veciños defenden que de alí se sacou moitísima pedra (o cal é certo, e se pode comprobar hoxendía nos restos da acción dos canteiros) e dubidaban do que alí aínda seguira existindo, o certo é que o castro ten un estado de conservación envexable. As dúas accións (a extracción e a preservación) puideron ter sido compatibles: Carnota é terra de bos canteiros e a cachoteria da Idade do Ferro non lles había valer máis que para facer valados, pero non os recios bloques que conforman a maior parte das casas da aldea. En poucos castros se pode advertir de xeito tan nidio a existencia da trama urbana: moitas das edificacións interiores aínda son perfectamente recoñecibles hoxendía sen escavar.

Este é un lugar fascinante, porque é unha fortificación do final da Idade do Ferro que se atopa encravada no corazón do territorio dos Célticos Supertamáricos. A entrada na Historia deste pobo prodúcese a partir dos textos xeográficos de Plinio o Vello, quen ubica tres pobos “célticos” na costa galega: os Praestamarici, os Supertamarici, e os Nerii, sucedéndose estes tres pobos desde o Barbanza ata a área de Fisterra, posiblemente. Os Praestamarici e os Supertamarici entendeunos Plinio como divididos ou que tiñan por fronteira o Tamaris, ou sexa, o Tambre, dos que os praestamarici estarían ao sur (Barbanza) e Supertamarici ao norte (Muros, Outes, Mazaricos, Carnota, etc.). Pero o curioso é que de todos os pobos da antiga Galicia da Idade do Ferro dos que falou Plinio, foron os Supertamarici un dos máis preocupados en preservar e facer visible a súa identidade en época romana. Conservamos cinco inscricións feitas polos Célticos do norte do Tambre (unha das coleccións máis amplas en relación a un pobo prerromano da Gallaecia), e curiosamente as cinco fixéronse ben lonxe da súa terra orixinal, entre León, Astorga, e Lucus, quen sabe se desde a emigración ou o exilio. A máis coñecida, por espectacular da súa estela, é a de Apana, filla de Ambolo, que afirma proceder de Miobris, e de rango noble. Pero tamén hai unha Fusca Coedi, orixinaria de Blaniobris, e outra muller de nome tan fermoso como as anteriores: Eburia. Hoxendía non sabemos onde quedaba Miobris ou Blaniobris, pero si sabemos que imos recuperar un importante castro dun pobo orgulloso da súa identidade, dos máis da antiga Gallaecia.

Un retrato da vida cotiá

Agora ben, unha das premisas da arqueoloxía galega é que non é doado atopar diferencias entre populi galaicos a partir da súa cultura material. Máis ben é case imposible. Si existen diferencias rexionais importantes, pero non sabemos en que medida se corresponden a vellos pobos ou a áreas moito máis amplas, máis territoriais. O noso obxectivo de divulgación vai ser moito máis modesto. O equipo vai realizar unha sondaxe nunha estrutura do interior do castro, e contaremos o que alí atopemos, prestando unha especial atención a como a arqueoloxía detecta a vida cotiá, o día a día dun poboado habitado, posiblemente, durante centos de anos. Cremos que podemos crear un relato de divulgación científica apaixonante a partir das evidencias que nos xurdan na vida deste poboado. Aínda que para iso primeiro deberemos saber que é a estrutura á que nos imos a enfrontar. O gran desafío do equipo arqueolóxico será, á luz das evidencias, chegar ata onde sexa posible, e nós comunicalo de xeito ameno, levándovos ata hai dous mil anos, poucos momentos antes de que o castro de Mallou fose abandonado.

Queres colaborar co equipo arqueolóxico? Podes facelo participando como voluntario. Máis información no web do castro.

*Ilustración de Alfredo Erias.

4 Comments

  1. uobenado polo val soneira
    14 / Xullo/ 2013

    creo que o autor dese dibujo e alfredo erias

    http://www.alfredoerias.com/pintura/8XC.htm
    teño ese libro repetido por si quisieras o quisises descanbiarlo por un da torre de mouros jajaajajjaaj

  2. Magago
    15 / Xullo/ 2013

    Grazas pola info, soneira!

  3. susarins
    16 / Xullo/ 2013

    ainda hoje alguém falou desta estela no Curso de Toponímia que está a realizar-se na USC…

  4. 17 / Xullo/ 2013

    Non é de extrañar que andiveran alí os canteiros. Como apunta José Cernadas Sande no seu libro sobre os canteiros de Carnota, fronte aos distintos tipos de pedra predominantes no concello(xistos, granitos grosos e medios) en Mallou hai unha franxa de granito de gran fino moi apreciada polos canteiros para facer os traballos máis delicados.
    Habería que rebuscar nas construccións máis próximas. Seguro que aparece algo importante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará