Un novo proxecto de arqueoloxía social: o Castro de Mallou

Last updated on 31 / Xullo/ 2013

Estes días continuamos o noso proxecto de arqueoloxía social e pública en Carnota, promovido polo concello. Os voluntarios puxemos en valor na campaña 2012 a fascinante e enigmática fortificación da Torre dos Mouros, a máis de trescentos metros sobre Lira. Entrementes, o concello de Carnota preparaba un plan para recuperar o acceso e musealizar sete petróglifos relevantes do conxunto de máis de 70 estacións rupestres do arco de Carnota. Todos os petróglifos estaban ben comunicados desde a pista da Senda Verde de Carnota coa Torre dos Mouros, e decatámonos de que había un terceiro eixo: o castro de Mallou. Aos pés do monte da Torre dos Mouros e dos petróglifos que se van recuperar, inmediatamente vimos que se trataba dun fascinante conxunto arqueolóxico.

O Museo Aberto de Carnota

A nosa idea e a do concello é crear no sur de Carnota un espazo singular que conecte, inicialmente, nove sitios arqueolóxicos de relevancia que permiten ao visitante un impresionante paseo -acompañado das mellores vistas da Costa da Morte- por tres mil anos de historia de Galicia, desde a Idade do Bronce, pasando pola Idade do Ferro ata o mundo tardoantigo e altomedieval. Todo ao carón de pistas de doado acceso para todos os públicos, e susceptible de ser percorrido nunha mañá, mentres se disfruta deste magnífico territorio que é Carnota.

O Castro do Mallou, fogar dos Celtas do norte do Tambre

O castro de Mallou, abandonado tras dúas intervencións arqueolóxicas levadas a cabo en 2007 e 2008 pola empresa Anthropos, revelara naquelas intervencións o seu sumo interese. É un dos castros mellor conservados, ao meu ver, da costa galega. Como vedes, o logo -deseñado por Mario Maceiras- marca unha continuidade co previo da Torre dos Mouros: a escolla dun animal con forte carga simbólica e recoñecible xa desde o primeiro momento pola comunidade local. Se o cabalo da Torre dos Mouros aludía a unha lenda sobre un cabalo de ouro soterrado aló, o porco de Mallou fai referencia a unha escultura colocada nun muro da aldea durante moitos anos: un porco que os veciños aseguraban ter baixado do Castro de Mallou e que foi roubada hai non moito. Este tipo de esculturas de porcos son frecuentes nas culturas do Ferro atlánticas: se cadra algún día estivo na porta do castro, como un animal mítico, protexendo aos seus habitantes de perigos máxicos e reais. Ao colocala no logo, queremos reivindicar o patrimonio roubado e violentado.

Para que vos fagades unha idea, os primeiros planos do castro, que revelan moitas das unidades domésticas do asentamento, foron feitas sen escavar. É dicir, as casas están a flor de pel, un caso non excepcional, pero si moi relevante nos castros da costa. Mallou revelou durante as intervencións anteriores unha gran potencia monumental. Os escavadores de Anthropos revelaron unha gran porta de acceso, corpos de garda e mesmo un alxibe -unha estrutura pública relativamente escasa en Galicia. Tamén nos deron datos inquedantes dos que xa falamos en Capítulo Cero, neste post. Cito as memorias presentadas a Patrimonio:

Temos un dato estrutural moi importante, na muralla do sector intermedio apréciase claramente unha muralla orixinal de apenas 1 m de ancho, moi ben feita con cachotes de tamaño medio/pequeno e ben asentados; esta primeira muralla vese cortada no seu tramo final cara á porta e cuberta por un recheo de grandes pedras e material de desfeito (mans rotas de muíños naviculares, pesas…) e cun alzado moito máis basto, co fin, cremos, de cuadriplicar o ancho da muralla cara á porta e estreitar a zona de entrada. Estas reformas poliercéticas, feitas claramente con présa, parece que nos falan dun momento de medo e cambio, o que nos casa moi ben coa chegada dos romanos.

Vostedes mesmos. Con todo a intervención, dirixida por Antón Malde, centrarase este ano, aparte na limpeza da xungla que é hoxe o castro de Mallou, en coñecer a vida cotiá dos galaicos que habitaron aquí ata a época da invasión romana. Queremos coñecer a arquitectura doméstica e o que nos conta sobre a vida social, o aproveitamento económico do contorno ou mesmo do posible comercio con outros territorios e mesmo culturas. Desde o punto de vista da divulgación, queremos contar como era a vida hai dous mil anos a partir das evidencias que nos subministre o castro. Temos a sorte de saber con precisión que pobo vivía aquí: Plinio o Vello chamounos os Célticos Supertamáricos, os Celtas do norte do río Tambre. Trátase dun dos pobos con máis identidade étnica da Gallaecia xa romana. Alomenos atopáronse cinco lápidas de galaicos que afirmaban pertencer a esta etnia, pero o curioso é que todas foron localizadas fóra do posible territorio da etnia.

Voluntarios en acción

Este ano, en Mallou, diversifícase o traballo dos voluntarios, desde tarefas de limpeza, recollida de tradición oral, figuración e actores… Xa te podes inscribir para a campaña, que durará 10 días, do 17 ao 21 e do 24 ao 28 de xullo. Aquí tes máis información sobre o programa de voluntariado do Castro de Mallou. Tamén podes visitarnos, e aproveitar as visitas guiadas, ou mesmo participar en novos tipos de actividades.

Un obradoiro literario diferente!

Unha das actividades máis interesantes deste ano é “pensar” o castro. Poucas veces se pode ter un obradoiro literario de tanto luxo coma este. O escritor Francisco X. Fernández Naval impartirá un obradoiro literario de relato histórico no que podes participar para mellorar as túas habilidades narrativas. Pero é un obradoiro singular. Inclúe unha xornada de voluntariado no castro e a convivencia co equipo arqueolóxico, que actúa tamén como asesores científicos para axudarte a fundamentar mellor o teu relato. Todos os relatos escritos conformarán un libro impreso e electrónico que recibirán os participantes no obradoiro. Aquí tes toda a información.

E moitísimas máis actividades, como visitas guiadas.Como en Torre dos Mouros, cando veñas a Mallou recibirémoste cun sorriso e agarimo para contarche o que é o castro e o que estamos aprendendo del. Pero, a maiores, queremos comezar a poñer en valor o concepto de Visita Guiada ao Museo Aberto de Carnota. Cool Touring vai ofrecer visitas guiadas os sábados e domingos ás 11:30 a tres xacementos arqueolóxicos do Museo Aberto, de tres horas de duración. Son 7,50 euros por persoa con opción a picnic en Mallou, e os beneficios van destinados ao proxecto. Aquí tes máis información para reservar.

Pero recoméndoche que visites o web oficial da intervención, te conectes ás nosas redes sociais e te achegues a visitarnos a Carnota!

3 Comments

  1. Julio Asier
    9 / Xullo/ 2013

    Lástima! Justo esses dias estarei fora do país.Castro Malhou é um grande amigo meu que vissito todos os anos. Seguirei com interese a intervençom.

  2. Elisardo
    18 / Xullo/ 2013

    Ó mellor paso por aí esta finde a votar unha man. Saúdos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará