O tesouro que agochan Locaia e Brais

Last updated on 28 / Xuño/ 2013

null
Fotos: Sole

Debería haber unha opción nos GPS que fose o modo “leirear”, é dicir, o modo de viaxar explorando en horizontal o territorio, deixándose caer por unhas palabras ou uns relatos, seguindo a intuición, penetrando na densa e espesa trama de relatos sucedidos no tempo neste vello Reino de Galicia. Só cando leireas a viaxe, aínda que sexa próxima, nunca vai rematar.

Estamos en Chacín, parroquia de Mazaricos na que hai moitas cousas ben interesantes; os que xa as sabedes, pídovos silencio, que outro día seguirei contando. Hoxe quero falarvos dun lugar público e do tesouro que agocha: a ermida de Santa Locaia e Brais, na p arroquia de Chacín (Mazaricos). Liliana Solís publicou a súa ficha en patrimoniogalego.net, e teño que dicir que non me chamou tanto a atención a arquitectura -que é a sobria estrutura de moitas ermidas rurais- senón o estenso bosque autóctono que estaba detrás. Unha revisión do lugar en Google Maps permitiume ver como a ermida se asentaba na base dunha estensa devesa autóctona, unha das poucas que quedan na costa galega.

Outro detalle interesante do lugar era a curiosa adscrición dupla: o feito de ser a ermida compartida por dous mártires, Santa Leocadia e San Brais, ambos os dous do primeiro cristianismo III-IV, parecía sinalar a enorme antigüidade do culto neste lugar. Pero é que había máis. A parroquia de Chacín, na que se adscribe esta ermida, está dedicada a outra mártir desa época, Santa Eulalia, e o lugar no que estaba a antiga igrexa parroquial (da que falaremos nos vindeiros días)chámase como unha das mártires galegas tamén do século IV, Santa Baia. Os investigadores consideran que a antigüidade dos cultos está relacionada, tamén, coa antigüidade das advocacións que os fieis colocan para as igrexas. Digamos que escollían aos santos ‘de moda’, e que, se cadra, empatasen ben cun culto anterior. E aquí parecemos estar nunha auténtica ‘zona cero’ do cristianismo na comarca de Xallas, así como da cultura galaicorromana.

Nas proximidades da capela apareceran interesantes restos romanos: a ara de Banzas, por exemplo, que ao mellor é un apelativo do primeiro cristianismo, a fascinante estela de Cando ou, moi pretiño da capela, unha lápida funeraria aparecida no contexto do enigmático xacemento da Pedra do Mouro, no que se soterrou a un tal Aureliano.

A capeliña, cun adro cheo de fieitos trala invernía, non ten un gran valor artístico e monumental. Pero hai detalles intrigantes dun culto moi vivo a estes mártires que, segundo nos contaban os veciños, eran moi avogosos e queridos na parroquia. Á entrada está esta intrigante pía:

null

Da que xa vos falarei un pouco máis dentro dun tempo. Paseamos ao carón, sentido o ruído do río amortiguado pola espesa vexetación. Dalgún xeito, sabiamos que había algo máis aí. Que unha capela dedicada a uns mártires do século IV non se construía neste lugar sen razón. “Ten que haber unha fonte santa ou algo así”, pensei. Comezamos a mirar ao noso carón e metímonos, por riba da capela, por un estreito sendeiro que a penas se percibe, e como atravesando, literalmente, unha cortina, aparecimos nun frondoso bosque de carballos cubertos de liques, cos couselos erguéndose sobre o carrizo e a luz do verán incipiente a penas filtrada e traspasada. E de súpeto, entendimos por que a capela destes mártires estaba exactamente neste lugar, se cadra suplantando as vellas lendas destas terras da Céltica do norte do Tambre.

O bosque ten un nome poético: Augabril. E o río que discorre por el, o Nosiño, convírtese aquí nun pequeno e fermoso espectáculo.

null

A fervenza, caendo en tres correntes, afúndese en augas azuis, que parecen fluorescer lixeiramente entre a espesura. O sol, a penas permitido o seu paso entre a espesura da bóveda vexetal, crea un aspecto irreal que podedes ver nestas fotos.

null

A sensación é a de cruzar un umbral que te separa do mundo que te levou ata alí. Sentado nas pedras, deixándome levar polo ritmo da fervenza, souben como tantas outras veces o próximo que estamos, os uns aos outros, os seres humanos ao longo dos tempos.

18 Comments

  1. Jose Luis Conde
    24 / Xuño/ 2013

    Precioso lugar Gago

  2. Gustavo Adolfo Garriido
    24 / Xuño/ 2013

    Magnífico post, pero as fotografías da fervenza, en concreto, son antolóxicas. Que oolo e que man ten Sole. Noraboa.

  3. Elixio Vieites
    24 / Xuño/ 2013

    O sitio é moi interesante, e máis a ruta río arriba. Onde se chega a unha piscina natural a modo de poza xigante, pero só se pode ir metidos na carballeira e camiñando polo leito do río e con bañador, se houbera. Nese lugar ao lado da fervenza aínda é posible atopar restos de ritos( non sei cales), pero un día atopei velas brancas, flores, puros e unha galiña branca viva. Hai outra capeliña en condicións moi parellas a esta, e tamén ao lado dun río, pero xa en Outes. http://patrimoniogalego.net/index.php/41829/2013/04/capela-de-san-paio/

  4. 25 / Xuño/ 2013

    Grazas! Hai que dicir que as fotos están sen retocar, aínda que pareza incrible. Así era a luz alí.

  5. 25 / Xuño/ 2013

    Un lugar moi bonito e suxerente, felicidades polo post e as fotografías

    Apertas,
    Cástor

  6. Liliana María Solís Pais
    26 / Xuño/ 2013

    Quedei impresionada polo artigo…Menuda sorpresa! Moitas grazas!. Para os que somos da parroquia leva carga emocional. A miña avoa é quen me falaba destes lugares e percibías que eran lugares “sagrados”.
    Os veciños levan tempo coa intención de restaurar a Igrexa de Santa Baia, mesmo cos seus cartos pero parece que a Igrexa non lle parecen suficientes e non colabora.
    Miña avoa contaba que na mesma aldea de Chacín había unha capela. Non sei se alguén máis ten constancia deso.
    Unha grande aperta e felicitarvos polo voso traballo.
    Liliana

  7. xalvaro
    26 / Xuño/ 2013

    Moi interesante, coma sempre o que escribes, pero penso que hai un erro… Santa Eulalia e Santa Baia son a mesma santa. Se non me equivoco Baia e o nome galego de Santa Eulalia (santa que se disputan Barcelona e Merida).
    Un saúdo e noraboa polo blog.

  8. isaac
    27 / Xuño/ 2013

    Pois xa estás tardando demais en falar da pía…!! Do mesmo xeito que en San Pedro de Rebón (Moraña),…a pía está no exterior da capela…..

  9. Venido Solís
    7 / Xullo/ 2013

    Bonito traballo.Parabens.Eu son da parroquia de Chacín,polo tanto veciño deste lugar.Esto seguro que co voso traballo nesta capela como no conxunto de Santa Baia,vaise abrir unha luz para apertura de actuacións que impidan a desaparación deste fermoso patrimonio.Pois moitas grazas e adiante!!!

  10. 30 / Xullo/ 2013

    A este sitio máxico,tan pouco promocionado turísticamente como case todo na nosa terra, enviei o outro día a dous turistas catalans que tiña aloxados na miña casa de turismo rural. Hai algúns lugares escollidos e segredos preto da casa que non lle conto a case ninguén, a xente ven con idea de ver o de sempre. A estes comenteillo porque me gustaba o seu xeito de ver o noso. Hai un tipo de turismo por cada turista e estes turisteaban ben. Esto foi o que me contaron, traducido: “Chegamos no lusco e fusco, había moita brétema, pero na notamos ata que comenzamos a entrar na carballeira, detras da ermida, de repente, atentos ao camiño para non caer, abreuse ante nos a fervenza, e nunha rocha dentro da auga,que se abría como en cortinas deixando un camiño cara o interior, un gran pato salvaxe ollabanos tranquilamente sentado e sen moverse. Sentímonos traspasados a un sitio máxico, apoderouse de nos unha sensación de entrar nun espazo privado. O pato parecía o guardian da fervenza, como se esta agochara a porta do camiño ao mais ala. Saímos dalí sobrecollidos, coñecedores de que foramos testigos dun momento excepcional nun lugar sobrenatural”.

  11. 31 / Xullo/ 2013

    Preciosa experiencia, esa que contas, Sol Agra.

  12. Pepe
    29 / Novembro/ 2016

    O nome debe ser Aguabril, xa que a solución popular nesa zona occidental non é AUGA, senón AGUA.

  13. Pepe
    29 / Novembro/ 2016

    Tamén teño dúbidas sobre o nome do outro rego, ás veces referido en mapas como Denosiño/a

  14. 30 / Novembro/ 2016

    Pode ser. Nos mapas aparece como Augabril. Cal pensas que pode ser a orixe deste topónimo?

  15. PEPE
    20 / Decembro/ 2016

    Pode ser que nalgún mapa actual veña AUGABRIL, eu sempre vin AGUABRIL. Como digo en todo o occidente coruñés, AGUA é a solución patrimonial. Ultimamente nalgúns mapas estase “regaleguizando” (estendendo solucións do galego centro-oriental e sureño, tipo AUGA, como AUGASANTAS, AUGALEVADA, etc., cando as orixinais e históricas son AGUASANTAS, AGUALEVADA. Porén as directrices da Comisión de Toponimia indican con clareza que se deben de respectar as formas locais en AGUA., xa que proceden do latín, non do castelán. Curiosamente en portugués deuse o caso inverso, onde o pobo dicía AUGA, a toponimia regularizou en ÁGUA. Sobre a orixe do nome é difícil saber sen un un estudo de documentación, pero para nada é un nome común. Un diría a primeira parte parece transparente (AGUA) e a segunda podería ser un nome de posesor ou nome local de lugar. Eso é o que nos di o topónimo nunha aproximación lóxica,xa que a auga é un elemento básico da zona. No nomenclátor de Galicia hai un Brille e un Nebril, e se cadra habería que buscar por aí

  16. PEPE
    21 / Decembro/ 2016

    Si, eses mapas son moi recentes, e lamentablemente (ou non, iso depende) é sistemática a adaptación das formas en Agua, desoíndo á Academia. Obsérvese Santa Leocadia (o local é Santa Locaia). Resulta de interese aínda máis a forma O AUGABRIL, xa que en galego auga é sempre feminino (en castelán tamén aínda que presenta o artigo EL). Véxase tamén Cotro de Eiras, canto noutros mapas teño visto COTO DE EIRAS topónimo moito máis transparente e presente en varias montañas galegas. Enfín

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará