patrimoniogalego.net na exposición ‘Patrimonio documentado’

Este estupendo vídeo realizado por Eladio Rial é a achega de patrimoniogalego.net que remitimos tralo convite que nos fixo o Arquivo de Galicia para incluír material do noso proxecto na exposición ‘Patrimonio documentado‘ que se inaugura hoxe na Cidade da Cultura. A exposición, aberta ata o 7 de outubro, explícase así no seu web:

Patrimonio documentado: a protección e intervención nos bens culturais a través dos documentos dos arquivos busca contrubír á visibilidade e coñecemento do patrimonio documental que se custodia nos arquivos. Un patrimonio oculto e pouco coñecido, en contraposición á parte máis visible do patrimonio: o patrimonio monumental.

No entanto, a información que estes documentos nos proporcionan non só é moi valiosa para coñecer o que foi a intervención dos poderes públicos para a salvagarda e protección dos bens culturais durante máis de 150 anos, senón tamén para comprender a formación e a evolución da sensibilidade social cara eles. Preténdese, desta forma, amosar a utilidade práctica, non só estética ou puramente contemplativa, que se deriva da súa conservación, tratamento e difusión.

patrimoniogalego.net non recibiu ningún tipo de contraprestación -nin económica nin doutro tipo- por figurar na exposición. Agradecemos moito que se contase co noso proxecto para figurar nela, xa que nos pareceu moi interesante e cremos que estas novas formas de organización social do contido e do patrimonio cultural deben ter o seu espazo aí tamén.

One Comment

  1. isaac
    12 / Xuño/ 2013

    Noraboa aos catalogadores sen dúbida algunha.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará