A videoconferencia como novo hábito cultural

Se cadra para moita xente isto xa lle soa ben a vello, pero o propósito deste post nin deste blog non é descubrir a pólvora, senón compartir as cousas que me parecen interesantes, e no caso das tecnoloxías da información, as tendencias máis interesantes. Creo que estamos a ver un xurdir real da videoconferencia como hábito real, que cada vez se vai incorporando máis e máis ás nosas prácticas laborais ou de activismo cultural.

Bendita videoconferencia, morra a mala cultura das xuntanzas. En Galicia temos unha cultura nefasta da xuntanza de traballo ou de organización: xente que se reune para debatir puntos pouco decisivos malgastando tempo e diñeiro para cuestións que poden ser acordadas de xeito moito máis doado. Eu sempre digo que os proxectos deben ter tres xuntanzas, nada máis, e xa son moitas: a de inicio, a de avaliación intermedia e a de finalización e conclusións. O resto pode ser solventado con outras estratexias e métodos. Cando fai falta unha xuntanza? Cando as persoas precisan concederse tempo e xenerar unha dinámica creativa en común, ou abordar aspectos difíciles que poden dar lugar a equívocos se empregas as limitacións doutra canle: as xuntanzas son para as grandes visións e liñas. Cando hai que facer videoconferencias? Cando se poden solventar as cousas máis rápido que nun cruce de correos electrónicos ou cando un asunto concreto precisa ser debullado antes de tomar unha decisión efectiva sobre el.

O único bo do esforzo -case neurótico- de Google por tentar meternos o Google+ polos ollos pode estar en introducir e en xenerar un hábito de videoconferencias. En efecto, os seus Hangouts son unha tecnoloxía moito máis doada, estable e con posibilidades que as videoconferencias por Skype. Ao introducir a videoconferencia no universo de aplicacións da compañía, as posibilidades de teletraballo multiplícanse. Pero a videoconferencia ten algo aínda moito mellor: como non é unha tecnoloxía plenamente eficiente, como seguen a existir barreiras de visibilidade, de calidade de son e imaxe, cuelgues, etc, a videoconferencia anima a concretar, a ir ao gran, a abandonala en canto sexa posible. Polo tanto, a sintetizar e simplificar as reunións ao máximo.

Nos últimos meses, promovo moitísimas reunións de traballo e activismo cultural a través de videoconferencias, e multipliquei o tempo que podo empregar para moitas outras cousas. Co meu irmán no Instituto Max Planck de Postdam planificamos tranquilamente experiencias de bosques interactivos (xa veredes); con arqueólogos deseño a distancia proxectos concebidos noutros puntos do territorio e con ilustradores debatimos, facendo bocetos rápidos, como un mundo perdido toma forma. Probade a promover a videoconferencia para os vosos traballos ou proxectos persoais: veredes o cambio.

2 Comments

  1. Luis
    2 / Xuño/ 2013

    Interesantísimo post, Manuel. A pesar da súa brevidade, expresas moi ben os problemas das xuntanzas (que no seu momento, padecín nas miñas carnes) A todo o que dís, engadiría algo máis: cando te embarcas nun proxecto no que hai xuntanzas a esgalla, acabas acudindo a elas xa (mal) predisposto psicolóxicamente. O concepto mesmo de xuntanza perde o seu valor estratéxico e pasa a ser unha especie de rutina. Resultado: o “perder o tempo” xa non pasa só polo que ti expresas no post, senón porque unha parte se acaba perdendo en conversas irrelevantes sobre cousas que non teñen nada que ver con obxecto da xuntanza.
    Polo contrario, a reducción do número das mesmas ao mínimo indispensable xa fai que a xente vaia moito máis centrada ao que ten nas mans. Nese sentido, como ti dis, son de agradecer os problemas técnicos dunha videoconferencia que animan a ser o máis breves que se poida.

  2. 3 / Xuño/ 2013

    É que as tecnoloxías poden ser aproveitadas polas súas calidades positivas ou polos negativas. ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará