A cociña dos Cunqueiro

Last updated on 4 / Xuño/ 2013

A cociña dos Cunqueiro é a nova proposta de edición gastronómica da editorial Galaxia, un libro atípico nun panorama editorial da gastronomía no Estado, na actualidade, caracterizado pola insipidez de ideas. O que se nos propón neste libro é algo distinto: unha viaxe á gastronomía burguesa galega dos 60, 70 e mesmo dos 80, a través dunha coidada selección de receitas editadas por Miguel Vila que Elvira González-Seco, esposa de Álvaro Cunqueiro, iría colleitando ao longo da súa vida. As libretas en si mesmas non son un feito extraordinario: eses cadernos, cheos de recortes, pero tamén de anotacións manuscritas, complementados e enriquecidos ao longo de décadas, eran habituais nas familias burguesas e da clase media e pasaban de nais a fillas. En si mesmos eran un retrato das preferencias gastronómicas familiares, pero tamén das lecturas, das revistas e libros que chegaban á casa. O excepcional é que os Cunqueiro mantiveron e preservaron estes documentos coma ouro en pano; noutras familias estes auténticos dietarios da vida cotiá, mantidos por mulleres, perdéronse ou tiráronse porque se consideraron sen valor. Que mágoa!


Fotos: Sole

Elvira González-Seco recompilou en dez cadernos os seus intereses culinarios: eclécticos e diversos, elegantes, con receitas que hoxe considerariamos vintage pero que paga a pena revisitar, porque en realidade só é vintage aquelo do que nos acordamos. Un sabor esquencido, un prato antigo volto a facer é tan novo como cada día que amanece. Como tiven a sorte de ter á fotógrafa na casa, puiden revisitar algúns destes pratos que están aquí. Moitos deles pertencen a un acervo cincuenteiro, sesenteiro, pero son magníficos para recuperar e mesmo actualizar. Elvira González-Seco encheu os cadernos de receitas en castelán, inglés e francés: a súa gama de lecturas era tan ampla como a súa cultura. Como di César Cunqueiro no prólogo: “non sentía simpatía ningunha por Nietzche, pero si por Kierkegaard e por Unamuno”. Esta escolma de receitas testemuña os gustos dunha casa especialmente culta e duns tempos nos que os convites non se solucionaban se non había, alomenos, dous pratos principais. Receitas saborosas, para confortar a veciños e fillos chegados dunha longa viaxe.

A cociña dos Cunqueiro está prologado por César Cunqueiro. A edición das receitas é de Miguel Vila. A elaboración dos pratos é do cociñeiro Iago Castrillón (Acio Restaurante). As fotografías son de Sole Felloza.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará