Descubrir o Condado: o Teutixón, da Prehistoria á Historia natural

Ao carón do balneario de Mondariz, e na deliciosa ribeira do río Tea, hai un castro impoñente que chama a atención de inmediato. Chámase Teutixón e para facelo, os seus construtores remexeron toneladas e toneladas de terra dunha ladeira inmediata, guiado por un criterio ou patrón de ubicación que se nos escapa, pero que sen dúbida ten que ver coa propia presenza do río, se cadra unha auténtica fronteira prehistórica.

Teutixón ten unha notable croa que se eleva quince metros, hoxe, sobre un fermoso bosque de ribeira. Un dilatado foxo rodea a acrópole e nel embarra e para a auga. Un pouco ao oeste, outra megaestrutura de terra separada da croa parece tamén pertencer ao castro, pero está como esgazada. Unha das características “rexionais” destes castros do Condado son estas estruturas esgazadas, grandes traballos de remoción de terras fóra da propia croa. Teutixón configúrase como un auténtico espazo monumental, espectacular, que debeu existir como tal alomenos ata a segunda Idade do Ferro. Alí fixo escavacións no seu tempo Peinador e os seus amigos, durante a efervescencia da construción da propia memoria de Galicia. A crónica da época confirma que no castro, baixo a terra, hai vivendas, cerámica, e utensilios. Pero non faría falta acudir a Peinador.

Hoxendía, en Teutixón acontece unha auténtica marabilla natural. O castro, abandonado, carece de camiño de acceso para humanos. Pero, sen embargo, está cheo de camiños de entrada e saída, unha vasta e labiríntica rede de paso para unha chea de pequenos mamíferos que atoparon, no interior desta fortificación, a paz necesaria para asentar os seus tobos e madrigueiras e un excelente refuxio mentres non andan de saídas noturnas ata as aldeas do arredor. O máis salientable, espectacular e fermoso é unha gran colonia de teixugos. Persoalmente, fascínanme estas colonias de teixugos que supoñen un magnífico espoñente do “urbanismo” e da socialización animal. Os teixugos asentáronse na parte occidental da croa, e téñena toda perforada cun sistema de grandes galerías. Cando atopan cunha liña de mampostería dalgún edificio, vana beireano. A cerámica, as pedras que topan polo camiño sácanas metodicamente ao exterior, de tal xeito que na entrada das galerías aparecen cerámicas típicas do sur de Galicia, ao redor do século II a.C. As galerías teixugas levan a cámaras perfectamente separadas, desde dormitorios ata outras funcións especializadas, e agrupan a pequenas comunidades durante décadas, e hai quen fala de galerías de máis de cen anos. Pero do visible, se cadra o máis fermoso e fascinante son as redes de camiños.

En efecto, estes mamíferos, bastante aferrados, metódicos e teimudos na súa vida cotiá, tecen vastas redes de camiños dos que non se moven nin improvisan. Todas as noites empregan os mesmos camiños para ir nunha dirección, e toman outros para viren noutra. De tal xeito que no alto da croa de Teutixón non medran as matorrancas toxeiras, senón que todo o itinerario pódese facer tranquilamente seguindo os propios sendeiros destes mamíferos. Animais de costumes moi fixas, a súa “urbanización” e as súas saídas están perfectamente orientadas cara os lugares no que obteñen alimento. Podía imaxinar, desde o Teutixón, cal era o camiño que levaba ata Mondariz Balneario, cal cara Mondariz, e como se percorren eses camiños.


Nai e crías de teixugo nunha gran madrigueira en Rois (A Coruña). Imaxe obtida con técnicas de fototrampeo polo grupo GEAS.

Non deixa de ser unha curiosa paradoxa. Hai dous mil anos, os homes moveron inxentes toneladas de terra desde unha ladeira próxima para construír unha acrópole monumental ao carón do río. Dous mil anos despois do seu abandono, outros mamíferos máis pequenos empregan a mesma acrópole mesmo con algunhas funcións parecidas ás dos outros mamíferos: protección e seguridade, e aproveitan dela o feito de seren solos brandos para crear unha vasta e robusta vivenda para xeracións de porcoteixos. Unha historia magnífica aínda por contar ben.

Rafa Quintía, por certo, falou tamén do Teutixón.

4 Comments

  1. Moncho
    23 / Maio/ 2013

    O teu post recordoume á miña visita ó castro de Traxeito (Dodro). Tamén está cheo de tobos, pero neste caso semellan máis ser de raposos ca de porco teixos: en moitas delas había restos de plumas de paxaros na “porta”. Iso si, estes non sacaron a relucir cerámica ningunha…

  2. 23 / Maio/ 2013

    Ante todo darte as felicitacións polo post. A verdade que me ilusiaona moito que se fale destos animais….que tanto interese me despertan.

    Os teixugos, e os castros coexisten en numerosas ocasions, ademais do que comenta “Moncho”, teño coñecemento doutros 10 casos mais na zona central de Galicia.

    Pensamos que as estruturas castrexas facilitan a cosntrucción de tobeiras, pois a terra esta mais solta, teñen pendente (favorece a dreñaxe), e ademais as pedras lousas e toros que empregaban os castrexos para reforzar a estrutura das fortificacións, fan de sustrato e axudan a soster a os teitos e paredes dos tuneles e cámaras.

    Novamente un saudo, e noraboa polo post

    Xose

  3. 24 / Maio/ 2013

    Que interesante iso que comenta, Pardavila!

  4. 24 / Maio/ 2013

    Manuel el castro que mencionas en tu entrada es el típico castro minero, excavado en los depósitos del río Tea, el foso además de protección en este caso forma parte de la propia explotación aurífera, esos movimientos de tierra que comentas responden a la excavación y lavado de toneladas de arena para recoger el oro y estaño que hay en los depósitos fluviales,todo el río del Tea fue explotado para extraer las pepitas de oro que contienen sus arenas. Castros parecidos a ese están repartidos por el río Miño en la orilla portuguesa y española. Una de las próximas entradas que preparo será sobre esta cuestión dando continuidad a la de la minería, pero bueno vamos despacio que no tengo tiempo.Sobre esa zona tiene un interesante trabajo Brais Curras arqueólogo del CSIC, te dejo el enlace, junto al trabajo sobre minería realicé con el geólogo Oscar Pazos del blog aterrageo especilaizado en temas de minería antigua.

    http://www.academia.edu/1962775/Mineria_romana_y_poblamiento_en_la_cuenca_del_Baixo_Mino.

    http://masquepetroglifos.blogspot.com.es/2012_10_01_archive.html

    http://blog.aterrageo.com/?p=691

    Nota:Por lo que ví en tu blog tu zona tiene importantes restos de minería de estaño y oro. Saludos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará