5 series gastronómicas que amo

Last updated on 15 / Maio/ 2013

Que pouca televisión vexo, pero que boa televisión! Como explico no artigo de hoxe de Tinta de Calamar, son un gran amante das series gastronómicas tipo “un guiri na Costa Azul ou na Toscana”. Encántame o modo dos presentadores británicos -e algún norteamericano- de achegarse con sensibilidade e de xeito divertido á gastronomía; en plan groupie vou moitas veces despois a verificar o visto na televisión e acabo emulando parte das viaxes desta xente. Quero compartir convosco cinco pedazo series gastronómicas británicas e americanas que me teñen enganchado.

1. Italy unpacked.

É o meu último descubrimento. Italy unpacked, producida pola BBC, só ten tres episodios, pero son tres xoias. Dous profesionais maduros, o historiador da arte Andrew Graham-Dixon e o chef norteño Giorgio Locatelli percorren a Italia que lles apaixoa tanto no artístico coma no gastronómico. E van moito máis alá do convencional que un espera sobre Italia nunha mirada estranxeira. Miren o capítulo do norte de Italia para disfrutar coa aproximación á avangarda dos anos 20, a relación entre arte e fascismo e os recetarios dos colectivos avangardistas.

2. Rick Stein’s French Odyssey

O gran cociñeiro córnico Rick Stein (por certo, gran amigo de Galicia) presenta ao seu público británico a cociña do sur de Francia. Para conseguilo, vai percorrendo en canles o sur do país, por Burdeos, Agen, Moissac, Toulouse ata recabar en Marsella. Unha magnífica serie, de caracter máis técnico, no que Stein dá conta da súa vasta cultura e do seu interese pola cociña tradicional sinxela e plena de sabor.

Por certo, aquí ten todos os enderezos dos sitios que recomenda a viaxe. E aquí un fragmento de cando andivo por Santiago:

3. Oz and James’ Big Wine Adventure

Calquera amante do viño non pode deixar de ver esta serie marabillosa. Dous excelentes crápulas, cos que un se iría de cañas sen dubidar, o crítico de viños e actor Oz Clarke e o xornalista do motor James May, percorren as principais rexións vinícolas francesas para que Oz lle poida ensinar a James a catar e disfrutar do viño. É un auténtico exemplo de gran guión e produción ao redor da gastronomía. Ben pensado, ben filmado, desternillante e tenro. Fixeron outra despois en California, pero xa non foi o mesmo.

4. No reservations, de Anthony Bourdain

Os máis foodies coñecen ben ao mediático Anthony Bourdain, este neiorquino que é autenticamente xenio e figura (non é distinto na realidade a como se ve na TV), un tipo un tanto excesivo pero perspicaz, agudo, insólito e profundamente curioso. Este é o mítico capítulo dedicado a El Bulli. A min gústanme especialmente os capítulos dedicados á cociña que máis lle gusta a Bourdain, a asiática.

5. Jamie’s Great Italian Escape

“It is totally about me, and no one else”, di Jamie ao principio do primeiro capítulo desta excelente serie. Jamie Oliver cumpre 30 anos e xa é unha estrela no Reino Unido. Ten paparazzi na porta e varias secretarias. Precisa cambiar, precisa tomar un respiro. Pilla unha furgoneta, unha cociña ambulante e vaise cociñar por Italia. É un magnífico exemplo de algo inaudito: nesta serie vemos fracasar ao chef. En Italia rinse das súas versións das receitas italianas, pero a el dálle igual. El segue cociñando, aprendendo, disfrutando. “Aquí só lles gusta a comida que lles fai a mamma”, chega a dicir en público. Pero este aire fresco, esta sinceridade agradécese totalmente. Do mellor que ten feito Jamie Oliver.

2 Comments

  1. Juan
    15 / Xuño/ 2013

    Sabes si alguna cadena española va a difundir la serie Italy unpacked?
    Gracias!

  2. 16 / Xuño/ 2013

    Ola, Juan, non o sei, pero pódela atopar sen dificultades. Recomendadísima!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará