O Celler de Can Roca, o premio a unha idea integral da gastronomía

Un dos aspectos positivos de que o Celler de Can Roca leve o premio ao mellor restaurante do mundo que concede anualmente a revista Restaurant e San Pellegrino é que é o recoñecemento a unha idea total da gastronomía. No Celler de Can Roca o traballo dos tres irmáns, os Roca Brothers, está perfectamente complementado pero sobrancea -polo pouco frecuente que é- o seu excepcional servizo de viño. Aquí podes ver a crónica que fixen no seu momento da nosa visita ao Celler de Can Roca.

Como saben, a clave deste excepcional menú -para os amantes do viño- é a harmonización e maridaxe dunha espectacular colección de viños. Sírvente tantos viños que é imposible non rematar prexudicado despois dunha comida de case tres horas e non sei se quince caldos. Non podo menos que recordar a anécdota que me contaron uns hosteleiros compostelanos, de viaxe por esas terras. Como son quince viñazos, os camareiros sírvenche dous dediños de cada un deles, e a verdade é que vas cuberto e sobrado, pero depende de que…apetitos. Os nosos hosteleiros, horrorizados, dixéronlle ao camareiro ao terceiro viño, cando aquelo pintaba trazas de seguir así:

-Rapaz, fai o favor de deixar as botellas aquí!

E doulles a razón. :-)

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará