Camiñando no lenzo: o sobreiral do Arnego

Last updated on 7 / Abril/ 2013


Fotos: Sole

O día é festivo para case todo o mundo, a chuvia ofreceu unha tregua avisada polos medios; aínda que o sol xogaba ás agachadas entre os andazos dun firmamento de chumbo, o tempo baixaba fresco e lavado como a roupa tendida no río. Pero nos días festivos e sen chuvia, no corazón de Galicia, no sobreiral do Arnego, en Agolada, só camiñabamos nós e algún pescador dezano. Nos días festivos e libres, os máis fermosos territorios do vello reino de Galicia durmen a súa soedade de séculos, sabedores do seu abandono polo seu propio país.

Camiñabamos no medio da beleza. É certo que a beleza é algo que se constrúe na cabeza de cada quen, e eu penso que o feito de que sexa unha virtude subxectiva é máis ben unha beizón. Se fose obxectiva, o mundo dividiríase aínda en máis clases que na actualidade.

Pero camiñando polo interior do sobreiral do Arnego, aló cando os pasos, continuos e monótonos, van abandonando os camiños grandes, os muíños e as canles -sobre todo, un abandono máis mental, cando a cabeza se acomoda á esta nova realidade do caudal, do cauce, do rápido, da raiceira-, sentinme no interior dun lenzo. O lenzo, escuro e brillante, circulante e pardo, sen visos de primavera nin de vida que nace; un lenzo empastado, no que as formas, de pouca luz, coma nun lusco-fusco, defínense só de xeito pastoso, con trazo groso.

O río, por riba de si mesmo, é coma unha serpe parda, caudalosa e algo irada. As árbores, de raíces mergulladas, están fóra do seu propio tempo. As sobreiras, cruzadas sobre os aires de enriba, baixando nas devesas, exercen unha curiosa propiedade liminal, como se aquí mesmo, polo medio do cadro, atravesase a fronteira dos climas de Europa e sentísemos algunha sorte de privilexio por iso.

Un privilexio que só adoptamos uns poucos.

Os que camiñamos sós polos antigos, remotos e misteriosos bosques do Reino de Galicia.

Aló enriba no canón, do outro lado da fronteira invisible, o breixo nace fermoso e as flores adiantan o que a metereoloxía non nos permite.

O roteiro en Wikiloc

2 Comments

  1. Elixio Vieites
    4 / Abril/ 2013

    Pois na Terra Chá atopei esta sobreira, que seica veu de por aí. Está esplendorosa cerca da igrexa de San Xoán de Sistallo, en Cospeito. Totalmente de acordo co que dis. Os vellos camiños queren ser andados. Se ninguén vai por eles entrálles a saudade, enfurrúñanse, péchanse e non volven falar.
    http://iglesiasvaldodubra-patinho.blogspot.com.es/

  2. Elixio Vieites
    4 / Abril/ 2013

    Pois metín o blog de Patihno, que tampouco está mal. De paso, o que queira, que mire a igrexa de Portomeiro despois de caerlle un raio na espadana, é impresionante.(non hai erro que non se aproveite)
    A sobreira é esta
    http://t.co/wsUq0NwEyA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará