Carne á media hora e outras exquisiteces tradicionais en Casa Chelo (Arzúa)

Last updated on 31 / Marzo/ 2013


Carne á media hora en Casa Chelo. Fotos: Sole

Se hai casas e restaurantes nos que te metes ata a cociña, en Casa Chelo (Arzúa), entras ao restaurante desde a cociña. Para chegar ao comedor hai que atravesar unha bulliciosa cociña tradicional galega do interior, coa súa cociña de leña no centro co banquiño ao redor, e unha grei de nenos xogando, vellos acuartelados ao carón do lume de inverno, unha tele dando as noticias e as cociñeiras -todas a familia- afanadas nos pratos do día. A casa de comidas parece manter sempre o ambiente da feira de Arzúa, que se celebra na carballeira do carón, na Fraga do Rei.


Polo con prebe á cazadora

En Casa Chelo non hai unha fronteira estrita entre a carta cantada no comedor e o que se come ese día na mesa da familia, na cociña anexa. De feito, unha e outra podería ser intercambiable. Pero do que non cabe dúbida é que estamos ante unha auténtica referencia da cociña tradicional nas terras do interior. Fronte a falacia daqueles que pretenden limitar a cociña tradicional galega a un par de cortes de carne nunha grella -a cociña tradicional nunca foi iso- en Casa Chelo un atópase a ricura dunha cociña que podería ser a de calquera casa vilega galega na que houbese devoción pola cociña. Receitas de procedencia ecléctica que acaban sendo coherentes neste lugar. Un pódese atopar coulants alternando con tartas de queixo ou o moi tradicional queixo con marmelo. Aparecen variantes propias das milanesas canda receitas de claro acervo burgués coma os peixes con preve de améndoas, e por suposto moi correctas elaboracións dos pratos tradicionais, como uns impecables callos. É a cociña dunha vida, ou máis ben, de varias vidas que acaba reunida nun lugar para pracer dos comensais.

Hai que probarlles o surtido de croquetas, por suposto, pero eu non deixaría de atacarlle á carne á media hora, unha sorte de milanesa de ¿croca? que se desfai puramente na boca no momento de comela, ou uns moi ponderados callos, ou un polo caseiro feito con preve á cazadora. Se teñen sorte de que estea saíndo do forno a tarta de queixo, non o dubiden, e confíen en que algún dos seus compañeiros de mesa estea falador para que encha o silencio mentres vostedes dan conta do rica que está.

Aquí tes a localización de Casa Chelo. Teléfono: 981 50 82 48. Prezo medio (con cervexa): sobre 18 euros.

2 Comments

  1. Uxio
    30 / Marzo/ 2013

    Un dos sitios que moitos arzuáns recordamos de toda a vida e ó que seguimos indo con frecuencia. Moi recomendable.

  2. Anónimo
    31 / Marzo/ 2013

    Ola Manuel. Comín o mesmo día ca ti en casa Chelo e estaba agardando o teu comentario no blog. Eu, se tivese a túa habelencia lingüística, diría exactamente o mesmo ca ti desta Casa de Comidas arzuá.
    Un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará