Comeza a conta atrás para o Festival Atlántica: a festa da narración oral en Compostela


Deseño: Equinocio

Comezou a conta atrás para Atlántica, o Festival internacional de Narración Oral, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 5 e o 16 de marzo. Trátase de máis de cincuenta eventos centrados na narración oral como forma literaria: espectáculos para nenos e adultos, obradoiros, seminarios, conferencias…O festival nace como un conxunto de moitas apreciacións. Por unha banda, cúmprense 25 anos do nacemento do pub Atlántico, que sería un espazo importantísimo para construír a narración oral moderna galega, aquela que saía das lareiras, pero también dos barrios urbanos vigueses, e que daría unha xeración tan importante como Kiko Cadaval, Cándido Pazó, Avelino González, Paula Carballeira…pero tamén por unha percepción. A directora, Sole Felloza, decatouse un día de que en case todos os festivais importantes de narración oral no Estado español ou en Latinoamérica nos que participaba sempre había un galego. E decatouse de que a “forma de contar” e a calidade da narración oral galega era, posiblemente, a máis valorada no conxunto do Estado. Así que, por que non reivindicala como idea e como marca? Por que non crear un festival da palabra, da palabra tradicional e contemporánea, centrada no Atlántico como espazo que une culturas e transporta ideas e historias?

Atlántica, como digo, terá conferencias literarias, obradoiros para aprender a contar, mesas redondas sectoriais sobre a lectura, as bibliotecas e o imaxinario atlántico, así como unha estensa e orixinal programación de contacontos para nenos, e para adultos, que ocuparán múltiples espazos en Compostela. Serán máis de cincuenta eventos. Contadores de historias de Galicia, Portugal, Inglaterra, Arxentina, Brasil, Uruguai…co Atlántico de fondo e de trasfondo e coa narración oral, o vello oficio de contar historias, convertido en protagonista. Todo a prezos moi populares e sen un peso de axuda pública! (aínda que a organización agradece a cesión de espazos por parte das entidades públicas colaboradoras). Todo isto é posible grazas a unha estensísima rede de profesionais e amadores da cultura que se uniu para crear un espazo cultural con vocación de permanencia e de influencia.

A semana que vén poderase consultar o programa completo de eventos. Entrementres, podes ir descubrindo Atlántica no seu Facebook, para ir coñecendo as novidades, e no seu web (aínda en obras).

2 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará