Arqueoloxía do pasado contemporáneo: unha ollada desde o 2535

Last updated on 19 / Febreiro/ 2013

Estamos no ano 2535. A Protocracia de Galiziania continúa sen facer público o catálogo de bens patrimoniais do territorio, así que aproveitamos este blog, Capítulo 12.347, para publicar unha memoria arqueolóxica dun sitio arqueolóxico excepcional: a coñecida como Urbanización de San Xián ou Miradoiro Maldito.

De acordo coas evidencias arqueolóxicas, estamos falando dun conxunto de 14 vivendas edificadas aproximadamente entre finais do século XX e a primeira década do XXI. O fenómeno de urbanizacións de vivendas unifamiliares -conxuntos de vivendas idénticas que amortizan as paredes laterais das casas para reducir custes e incrementar o espazo de edificación- foi unha truculenta práctica levada a cabo en Europa occidental trala II Guerra Mundial, pero que, por diversos factores, chegou de xeito moi tardío á Protocracia de Galiziania. A nova práctica de edificación deuse especialmente nas periferias da Coruña e Compostela, desde finais dos anos 80, coincidindo coa formación de novos conxuntos de clase media derivados do proceso de construción administrativa e outras variables. Algunhas cintas de VHS conservadas na Filmoteca Nacional permiten observar como a noción de urbanización e de vivenda unifamiliar triunfara no entretemento popular desde finais dos 80 con series norteamericanas coma Los problemas crecen, ou de xeito máis local, con Los Serrano.

No caso do Miradoiro Maldito, o sitio arqueolóxico, en excepcional estado de conservación, permite comprender a mentalidade da clase media, o seu imaxinario simbólico e a estrutura social dun xeito único, xa que o sitio arqueolóxico nunca chegou a ser habitado, e foi interrumpido na súa fase final de construción sen ser finalizado. Evidencias significativas habitualmente atopadas en escavacións de chalés e vivendas unifamiliares, como a existencia de plaquetas no chan, mobiliario de cociña ou de aseo confirman que o proceso construtivo foi interrumpido moi pouco antes de finalización. A ausencia de cultura material evidente máis alá da propia da estrutura das edificacións confirman tamén que o lugar non foi habitado por unha comunidade. Como sinala o eminente arqueólogo Giorgios Axán, “as ausencias ás veces son máis significativas que as presencias”.

A concepción cultural que dá orixe á urbanización parece evidente a través dunha análise da topografía. A súa ubicación en encosa, en terreos que nunca estiveron dedicados en cultivo na sociedade agraria, e a proxección da vista cara un amplo espazo presidido por San Xián, inducen a pensar nunha elección consciente. A sociedade galega outorgou gran valor económico e de ubicación á paisaxe na medida en que esta foi desaparecendo a partir do consumo de recursos naturais, a industrialización dos territorios baldíos das serras e a desaparición do medio natural. Os ventanais, anchos, preocupados en captar o máximo deste territorio natural, son pura economía cultural en si mesmos. A urbanización, que ficaba a uns cinco ou sete minutos do casco urbano de Compostela nestes momentos, estaba concebida como a inmersión nun mundo radicalmente distinto á cidade que era o espazo do traballo. Esta noción escapista, xeórxica, e dual caracteriza á sociedade urbana galaica do século XX e algúns dos seus colectivos e elites de clase media-alta. Hoxendía, na área arqueolóxica, non é doado facerse unha idea, pero debemos imaxinarnos un espazo bucólico,con numerosos elementos da paisaxe tradicional do Antigo Réxime aínda preservados.

A disposición da estrutura en tres prantas dá conta da noción de vivenda que era concebida para a clase media: habitacións sumamente pequenas para as áreas privadas e un forte investimento en salóns concebidos como áreas públicas de recepción e estancia. Non debemos esquencer que as medias de consumo de cultura de entretemento estática (a través do dispositivo coñecido como TV) estaban en Galicia nesta época en máis de catro horas diarias por persoa.

Sen embargo, algúns intrigantes detalles permiten especular cunha reocupación coxuntural do sitio con carácter ritual. No exterior do xacemento apareceron numerosos muelles de acero inoxidable, pertencentes alomenos a tres tipos diferentes de colchóns que os colchonólogos sitúan aproximadamente en datas contemporáneas á interrupción do sitio arqueolóxico. A disposición “erregularizada” dos muelles encaixa coa tipoloxía que Maldinian ten definido para este periodo (2487:55 et al). Sen embargo, non se teñen atopado evidencias de hábitats coxunturais, como fogueiras ou a amortización de máis elementos estruturais con novos usos máis propios dunha arquitectura efímera e nomádica. Un escaso número de graffiti foron atopados: aqueles que parecen establecer operacións matemáticas simples poderían corresponder ás fases construtivas do xacemento; algúns outros pequenos símbolos de carácter abstracto, como unha estrela de David ou bandas zigzagueantes, poden ter que ver cunha demarcación simbólica, étnica o u grupa, desta fase de asentamento nomádico e esporádico.

A interpretación destes datos parece pensar que este grupo de nómadas itinerantes tiñan que ver coa venda de metal. Sabemos que a principios do século XXI producíronse unha serie de fenómenos económicos caracterizados por unha crise estrutural do sistema capitalista; a crise reconverteu e transformou de xeito activo as accións dalgúns colectivos afectados directamente por esta crise económica ou que a empregaban de xeito activo. Un elemento importante parécese dar na concentración e acumulación de mineral e metal polas industrias de Asia que provocou un incremento do prezo e do valor destes elementos que melloraron o seu custe en mercados alternativos. A significativa ausencia de metal -alcantarillas, pero tamén o cobre dos cabos de comunicacións- nas vivendas e nos espazos públicos de San Xulián podería ter que ver con esta ocupación coxuntural.

Sen embargo, o conxunto de indicios non achegan evidencias de abondo deste tipo de reocupacións, alomenos durante un certo tempo. Si se considera que existe un proceso de amortización do espazo moi habitual na sociedade rural galega, que estaba en vías de desaparición xa nos momentos nos que se estaba a construír esta urbanización. Observamos como na garaxe da primeira vivenda, a máis próxima á estrada de acceso, se produce un proceso de deposición de escombro que non pertence a esta urbanización, senón que polo tipo de materiais, está chegando desde outros puntos do territorio próximo. Unha vez abandonada a edificación, diferentes grupos de veciños deberon aproveitar estas ruínas alomenos en tres ocasións para depositar discretamente restos de obras e guiáronse pola deposición anterior.

Varias escavacións de urxencia en MarCangas, Ribeira234 e Carballo Vello permitiron documentar a práctica de deposicións de entullo de obra, combinado e mesturado con bens de prestixio (televisores, lavadoras)en espazos marxinais da comunidade. Neste sentido, coincidimos con McBurgo (2532: 14-15), estas deposicións de entullo na periferia das comunidades deberon funcionar como unha práctica popular de delimitación e definición do espazo simbólico das comunidades, do punto a partir do cal a comunidade deixaba de ser un espazo colectivo, suxeito a control por parte de todos os membros, e se convertía nun espazo abandonado e a penas ocupado, excepto para accións de captación de enerxía, auga ou materias primas como a pedra.

Sería interesante comprobar, xa que logo, como sería a relación entre a vella comunidade agraria establecida ao redor do vello núcleo parroquial de San Xián e esta neocomunidade que nunca chegou a ser habitada. Se as vellas aldeas están asentadas no val, próximas ás áreas de cultivo e das comunicacións, a urbanización adoptou como criterio económico o control visual de todo o val, marcando simbolicamente a diferente extracción dos membros, a súa falta de raíces e vínculos de terra co seu novo hábitat e a procura do territorio esencialmente como unha experiencia visual e de entretemento, máis que directamente económica: extractiva ou agraria. Sabemos que a sociedade galega rural do século XXI construiu todo un metadiscurso ao redor da desvertebración, o aillamento e o envellecemento, que pasaba pola imaxinación dun outro, fundalmentalmente estranxeiro e procedente de áreas descoñecidas e con moi pouco contacto directo con estas comunidades (Rumanía, Colombia, os xitanos) agresivo e depredador. A diferencia do mouro, personaxe perigosa pero vinculada estritamente ao espazo do labrego, e que rexiu o imaxinario simbólico da sociedade anterior, o Rumano dispón de atributos máis temibles na tradición oral recollida: está expresando unha sociedade que xa ten medo de si mesma e das súas capacidades de defensa.

A marxinalidade deste espazo neste contexto debeu ser moi elevada. A iso súmase un detalle importante dos procesos de abandono ausente nestas ruínas. Durante as últimas décadas do século XX, e especialmente nos 70 e 80, moitos espazos marxinais da comunidade, como xacementos arqueolóxicos da Idade do Ferro, da Idade Media ou casas abandonadas de diferentes épocas, rexistraron estratos últimos de deposición do que poderiamos definir como banquetes adolescentes: latas e cristais de botellas de refrescos, plásticos de golosinas ou de froitos secos, chapas, mecheiros; nalgúns casos, as deposicións dos anos 80 revelan a ocupación dalgúns espazos marxinais por drogodependentes da área, que guindaban as xeringas directamente nos espazos nos que eran empregadas. Algunhas destas prácticas están recollidas nun volume de ensaio costumista editado en 2012, Herdeiros pola Forza, onde dous autores da época lembran a calidade destas deposicións por parte de grupos adolescentes en espazos simbólicos.

A urbanización de San Xián, neste sentido, revela as profundas transformacións do medio rural; esta ruína atópase xa absolutamente marxinalizada do seu contorno inmediato. Non se aprecian restos de interacción adolescente, botellas de alcol ou elementos de consumo prohibido ou censurado nesa época. Os adolescentes de San Xián de Sales, seguramente moi poucos xa a esas alturas, preferirán realizar estas prácticas noutros espazos, se cadra igual de discretos, pero sen tanta carga de aparente inseguridade como debían representar estas ruínas a principios da década de 2010.

A Protocracia de Galiziania pretende construír un polideportivo sobre estes restos, pero diferentes colectivos están a mobilizarse para impedir esta construción. Manuel Ollanda, presidente de Galiziania Patrimonio, defendeu hai tres días nun comunicado a preservación deste singular conxunto arqueolóxico “porque aporta as evidencias arqueolóxicas máis claras en Galiziania dunha crise económica e social que colapsou o sistema capitalista, e porque hoxendía, que vivimos unha situación similar, estas ruínas son unha advertencia das consecuencias da continua especulación económica sen base real”. Un graffiti, distinto aos outros en técnica, materiais de emprego e ubicación (está situado nunha zona visible dun garaxe, parece remitir ao enfrontamento entre colectivos e á frustración dunha clase media que tiña soñado un futuro distinto.

21 Comments

  1. Pancho Lapatianco (Eixil Cedeira)
    11 / Febreiro/ 2013

    Simplemente maxistral. Como un bisturí na manteiga arrefriada-soporizada. Un novo capítulo para “Herdeiros pola forza 2” …

  2. Nemigo
    11 / Febreiro/ 2013

    é moita información xunta. Penso que non debe ser un achado importante se o foxe xa o terían tirado ou pasaría algunha autoestrada por riva. Lembrar tamén que cando os achados poden ser importantes primeiro hai que tirar con todo e despois dicir que é da idade media que como todo o mundo sabe vai dende o século VII ata ben entrado o século XXII.

    Engadir tamén que o nome primeiro da urbanización (o que puxeron nunha pedra xunto co nome do político cazo e o construtor pailán) era Zant Ghjaning. A terminación -ing demostra que empregouse algún programa informático ou debuxo (que non deseño) da urbanización. Polo tanto sería unha construcción intencionada, (mal) intencionada.

    O non atopar fogueiras proba o atrasado da época xa que o lume facíase entón nun bidón na porta. Tamén indicarían os escritos das paredes a falta dunha cultura de mesa, “culinaria” se chama.

    Ao estar asfaltado os arredores indica que non había animais de pasto, tamén chamados de paz. Ou tamén poidera ser que houbese moitas toupas e preferisen non ter fochancas.

    Hai que seguir investigando. Agardaremos pola subvención.

  3. 11 / Febreiro/ 2013

    ¡Excelente!
    Aunque creo que -como tanto hacen los arqueólogos- se está privilegiando en este análisis la cultura material por encima de los textos escritos, bien que sí que se valore como corresponde la cultura de los grafitti (cf. Pompeya, etc.).

  4. 11 / Febreiro/ 2013

    É que o gran problema do século XXI, Ángel, é que a mediados deste século descubriron que os discos duros se derretían por causa do gas radón; a iso do 2055 estaba case todos fundidos. Os únicos textos conservados en Galicia das últimas décadas do XX e principios do XXI foron as placas dos edificios inaugurados por Manuel Fraga e varios tomos de cancioneiros populares editados polas Deputacións de Lugo e Ourense. Só algúns textos conservados en Murcia, referentes a Galicia puideron preservarse, en gran medida grazas ao ácido dos cítricos.

  5. Elixio Vieites
    11 / Febreiro/ 2013

    O NO-Do pode aclararnos algunhas circunstancias sobre parte da segunda metade do século XX. Este non estaba en disco. Por certo pasoume a web
    J. A. Gavilanes. Nunca está demais volver a velo.
    http://www.rtve.es/filmoteca/no-do/

  6. Luis
    11 / Febreiro/ 2013

    Magnífico, Manuel. Pero boto en falta unha cousa: no teu estudo non hai ningunha referencia ao eterno debate sobre o autoctonismo ou orixe foránea deste fenómeno concreto. Algúns autores -como ben sabes- afirman que este tipo de asentamentos xurdiron por obra e gracia dunha elite autóctona, citada nas poucas fontes escritas que conservamos coma “señores del ladrillo”. Elite que intentaría chegar, a través do levantamento destes asentamentos, a unha acumulación de capital monetario semellante á dos “señores” de New Eurovegas (chamada por aquel entonces Madrid).
    Outros autores sosteñen que boa parte dos asentamentos foron, de feito, obra das elites asentadas en New Eurovegas, que tiñan poder dabondo como para levar a cabo as súas obras ao longo de toda a Península.

    Tamén boto en falta referencias ao enigma das “construccións-piloto”. Esas estrañas edificacións que se atopan perfectamente amuebladas e rematadas, incluso en urbanizacións que non chegaron a prosperar
    Eran unha ofrenda propiciatoria aos deuses, que se levaba a cabo ao comenzar as obras?

  7. Xosé
    11 / Febreiro/ 2013

    Boísimo!

  8. o brasas
    12 / Febreiro/ 2013

    se dentro de 500 anos hai unha sociedade intelixente ,que non soubese a historia actual por algún motivo,e tivese que facer excavacións arqueoloxias chegaria a conclusión que nas cidades estaban habitadas nun 90% por escravos ,engaiolados en edificacións verticais,sen razón aparente porque nas zonas rurais darianse as condicións basicas para subsistir,e nunca chegarian a entender porque tanta xente se deixaria dominar por 4 pailáns,dando por feito que o 90% da poboación seria moito menos intelixente ca on 10%,e o erro deles basariase na falta de prexuizos por tanto seriamos un misterio pra eles,iso,ou que estabamos tolos ou eramos imbecís.

  9. Mario
    12 / Febreiro/ 2013

    Moi boas, sr. Gago XVII. De interese para as sùas investigacións será a lenda que oín contar no poboado tardomoderno do Sar, sobre un antigo mausoleo que un labrego asegura ter visto no monte da zona de neno, durante unha expedición co seu bisavó. Trataríanse dunhas estrañas ringleiras curvas de pedras, con aspecto de seren carrexadas doutro lugar. Unhas notas de prensa da época falan dunha especie de complexo cultural monumental feito co gallo de chamar a atención do mundo, pero como bm saberá a única información conservada é de “La VoZ de Galicia

  10. karl
    12 / Febreiro/ 2013

    A estrela de David indica claramente un asentamento xudeo, ao igual que os nomes célticos en gravuras prerromanas indican a presenza de grupos celtas en Galicia

  11. 12 / Febreiro/ 2013

    Luis, moi interesante o da procedencia das elites. Creo lembrar que no Caderno de Estudos Galizianios, se cadra no volume 3.524, xa sabes, aquel que foi a despedida dos clásicos e a irrupción rebelde da nova Latorefrescoloxía postestruturalista, distinguía entre as urbanizacións en horizontal, propias dos 90, dos procesos urbanizativos autóctonos da segunda metade do XX, baseados esencialmente na altura. A hipótese, non demasiado demostrada, é que entre os 60 e os 80 unha corrente cultural transformou e derrubou os antigos cascos vellos vilegos por edificios en altura, que exemplificaban na altura o poder simbólico de novos colectivos de poder ata agora non presentes no territorio. O cambio foi tan rupturista que ben sabes ti o polémico que é nos congresos.

    Por unha banda, están os continuacionistas, que afirman que o que se produciu foi unha reurbanización, que primeiro destruiu o tecido urbano previo antes de construír os edificios de ladrillo en altura. Argumentan que nalgúns edificios dos 70, antes de que se comezaran a construír garaxes subterráneas, queda rexistro de casas do século XVI ao XIX. Tamén argumentan que conforme nos anos 80 se fixeron escavacións subterráneas para albergar o parque de vehículos unifamiliares, desapareceu o rexistro arqueolóxico previo, pero que antes estaba aí. A súa teoría é que por algún motivo non ben documentado, a mediados do franquismo antigas familias propietarias mudaron completamente o seu hábitat de casas de poucos metros cadrados pro grandes edificios en altura.

    Os invasionistas argumentan, pola contra, que nos anos 60 se produciu a penetración dun novo colectivo en Galicia, se cadra alentado polo contrabando, que se asentou nas rías e expandiu os pequenos núcleos de poboación ata o momento. O que eles afirman é que os núcleos tradicionais galegos debían ser moi reducidos, e moi próximos ás igrexas, e que o resto da sociedade estaba ubicada no rural. A súa explicación é que a nova técnica edificatoria, con materiais pobres e carentes de sentido estético claro, debe ser por forza dun colectivo distinto ao asentado ata o momento no territorio, se cadra murcianos. A súa argumentación é estremadamente positivista: “non hai trazas de residencias anteriores baixo eses edificios”, pero tamén outra baseada noutros momentos culturais. “Se ben é certo que pode haber un rupturismo arquitectónico total en moi poucos anos, isto acontece cando é promovido por unha conxunción das elites artísticas e do poder. Neste caso, un fenómeno de ruptura tan global e tan rápido non se pode explicar como promovido polo mesmo colectivo que, poucos anos antes, facía casas pequenas, proporcionadas e con maior sentido estético”.

  12. 12 / Febreiro/ 2013

    Mario, efectivamente, son as coñecidas como a Cidade Maldita. Aínda que o terreo está nestes momentos acoutado pola creación da central de fisión, o LIDAR amosa que baixo a maleza se atopa un gran complexo de funcionalidade, posiblemente, cultual, como atestigua a reprodución simbólica do trazado da cidade vella de Compostela no perfil dos novos edificios. Seica hai unha galería subterránea que foi xa explorada hai cen anos por McTato, pero as súas entradas foron tapiadas durante os disturbios que precederon á proclamación da Protocracia.

    Karl, o que non se atreve vostede a explicar é a gravura zigzagueante, que xa existe nalgunhas antas calcolíticas galegas. Sería posible que unha tribo conservara durante varios miles de anos esta referencia artística e o simbolismo que está detrás dela?

  13. gog
    12 / Febreiro/ 2013

    Pásome á revista dixital Materia

  14. karl
    12 / Febreiro/ 2013

    Sospeito que podería tratarse dun asentamento monástico portugués (ou membros do Opus Dei lusistas?), pois as gravuras zigzagueantes son moi similares ás atopadas no Pórtico da igrexa do mosteiro de Sanfins. Hai un problema de datación xa o sei, pero falta moito por escavar ainda, non se pode descartar. Ou se cadra o de Sanfins é simplemente unha mostra mais da Teoría da Continuidade Paleolítica-Cibernética de MacTutti. Non sei eu deixo teoría toca a outros comprobala, que os científicos temos moito traballo e pouco salario, 350 Novoeuros, despois da reforma laboral do 2169

  15. karl
    12 / Febreiro/ 2013

    Queremos mais post arqueolóxicoa desta época Sr Grago. Moitas grazas polo esmerado traballo e excelente presentación

  16. karl
    12 / Febreiro/ 2013

    O que si parece claro é que se falaba aínda unha lingua románica na época, probablemente español, como noutros lugares de Iberia Ching Chua como testemuñan as duas palabras “Moroso” e “Cabrón”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará