As obras da autovía Santiago-Lugo desvelan unha singular estrutura arqueolóxica


Foto: Xesús Ponche / El Progreso

Publicado orixinalmente en culturagalega.org o 7 de febreiro de 2013

A arqueoloxía en Galicia sempre achega sorpresas. Durante as tarefas de control previas á construción da autovía Santiago-Lugo, localizouse no lugar de Coeses (lugar pertencente á capital lucense) un castro sen inventariar. Aínda que se modificou o trazado da autovía porque afectaba ao monumento do trazado, o paso da autovía producíase na zona de protección do sitio arqueolóxico da Idade do Ferro, a uns 200 metros do castro. Foi alí onde a empresa arqueolóxica localizou unha estrutura novidosa na historia de Galicia.

“Aínda que pode haber algúns paralelos, o lugar é moi novidoso no contexto galego e peninsular”, sinala Gonzalo Meijide, arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio en Lugo. Trátase dunha estrutura tumular cun foxo ao redor e protexida por unha sorte de “coiraza”. No seu interior e exterior apareceron foxas que contiñan cerámica, “presumiblemente depositada enteira in situ”, aínda que moi fragmentada polo paso do tempo. A datación do xacemento podería estar entre o Bronce Final e a primeira Idade do Ferro, “pero podería ter sido utilizado durante moito máis tempo”.

Aínda que o sitio arqueolóxico está moi afectado polas tarefas agrícolas, entre as pezas localizadas apareceu unha conta de colar de pasta vítrea, de procedencia púnica. Aínda que Meijide remitiu ás interpretacións e análises que poida levar a cabo o equipo arqueolóxico, sinalou unha “posible funcion ritual” para este singular sitio arqueolóxico. Comparouno, a modo hipotético, co xacemento da Roda de Barreiros, outro círculo escavado na súa totalidade neste concello da Mariña lucense, que a penas ofreceu material que permitira a súa datación segura.

Segundo o arqueólogo, o avanzado estado das obras da autovía farán que parte do xacemento se vexa afectado pola estrada.

13 Comments

  1. Pancho Lapatianco (Eixil Cedeira)
    7 / Febreiro/ 2013

    Lino nalgún xornal hoxe. Tamén é coincidencia que aparezan estas estructuras xusto en lugares onde vai pasar unha estrada nova. ¿Coindicen xeofisicamente os dous lugares? Sería un sinal para aprender a “ver” estos espacios con outros ollos e estarmos máis atentos … É unha dúbida simplemente.
    A diferencia entre un e outro é que aquí se fala de “túmulo” con coiraza e foxo. No “circulo” de Barreiros non había tal túmulo que eu lembre.
    Outra posible coincidencia, ¿aseméllase á estructura ó “castriño” de Adai?, inda que este novo estea máis arrasado.

  2. 7 / Febreiro/ 2013

    Efectivamente, en Barreiros non había túmulo (creo) e paréceme que tampouco foxas, pero non estou seguro e o informe desapareceu da rede da Xunta. A conexión con Adai é tremendamente suxestiva, compañeiro, eu tamén o pensei. Pero fáltannos unha chea de datos.

    Felicitar ao redactor/a do Progreso que sacou a nova e rachou o secretismo habitual. Se non fose por esa nova, este xacemento iría directamente para un armario da Dirección Xeral, -agás que a empresa quixese publicar algo nalgures.

  3. Cossue
    7 / Febreiro/ 2013

    Nom sei eu… “Fomento non prevé conservar o xacemento arqueolóxico de Coeses” http://elprogreso.galiciae.com/nova/229071-fomento-preve-conservar-yacimiento-arqueologico-coeses

    Cada vez que atopamos algo “único” -castro do por exterior da Corunha- seica temos que meter-lhe a retro-escavadora. E olho, que o outro dia alguém me comentava no meu choio que o trabalho para os palistas está agora no monte… Nom seja que o de destruir castros seja nom acidente, mais umha nova estratégia bem meditada e medida da industria da pasta de celulose…

  4. magago
    7 / Febreiro/ 2013

    Ei, eu non digo que non o rebenten. A miña cita é a seguinte: “Segundo o arqueólogo, o avanzado estado das obras da autovía farán que parte do xacemento se vexa afectado pola estrada”.

    Eu non estiven alí, así que non me podo facer unha idea de que é o que se van pinzar. Sospeito que moito, polo que se ve nas fotos de El Progreso.

    Outra volta, aquí hai dúas cuestións: a) é lexítimo destruír o xacemento; b) debe ser comunicado o achado á cidadanía por obriga, debe ter acceso o cidadán á información ao respecto nun medio accesible con independencia de onde viva? En que momento, durante o proceso ou só ao final?.

    Con respecto a a), a cuestión é discutible, neste caso. O que se ven son esencialmente negativos de foxas, etc. Habería que ver que queda exactamente da estrutura tumular, que parece estar tapada por toldos. Non teño un criterio formado ao respecto. Debe pasar unha autoestrada por un xacemento que só consiste en negativos? Podería ser. Pero debe ser o criterio determinante de preservación a existencia de arquitecturas físicas visibles? É un bo debate. Certamente, ao non ver o lugar, estou bastante cego nese sentido.

    Con respecto a b), si que o teño claro. Esa información non se fai pública porque non interesa. A nosa sociedade debe ser moi consciente diso, porque se está a xogar, se leva décadas xogando, cos seus cartos. Unha reforma da Lei de Transparencia debera contemplar o libre acceso á información en todo momento, en relación a un xacemento arqueolóxico, respectando sempre, iso si, o ritmo dos profesionais (non se poden facer interpretacións mentres, por exemplo, pero si se pode describir as estruturas exhumadas).

  5. solpor
    7 / Febreiro/ 2013

    canto ás últimas preguntas,e tamén é curioso que o trataramos nun grupo do facebook antonte 5/2/13, por un nutrido grupo de arqueólog@s e xente chegada ó Patrimonio, que vimos de dicir que tooodooo o procedemento debera ser accesible, é dicir, proxectos, permisos concedidos, obras en curso, con datas finais e se ten ou non ampliación… e informe valorativo así mesmo si se entrega memo e se hai materiais se están xa no museo… en fin, se non o fai a administración é porque non lle sae dos pés. Porque nin ten a disposición de profesionais nin de xente interesada o catálogo concho! e sabemos por patrimoniogalego.net que con vontade e sen pastuqui pode facerse unha morea de cousas.

  6. 8 / Febreiro/ 2013

    Solpor, totalmente de acordo.

  7. Pancho Lapatianco (Eixil Cedeira)
    8 / Febreiro/ 2013

    En comparación con este achado de Coeses, vendo outra vez as fotos do de Barreiros, semella que no do norte SI hai unha gabia ou foxo perimetral entullado, un anel pétreo (máis que coiraza) cun pequeno “corte” a modo de entrada ¿que orientación tiña este “corte?. Faltarianos o túmulo, pero, tanto predregullo que se ve ¿poderianche ser restos do tal, ou da coiraza?.
    Unhas moi boas notas para a súa interpretación, aquí, no blog de Rafa Quintiá: http://asombradebouzapanda.wordpress.com/2013/02/07/fomento-quere-destruir-un-posible-tumulo-inedito-en-galicia/

  8. Anónimo
    10 / Febreiro/ 2013

    Sabedes en que quedou esto? .O unico que entendín e que efectivamente eran “Restos Arqueolóxicos” e “asentamentos” . O resto informes e silencio. Da gusto aprender

    http://www.elmundo.es/elmundo/2011/01/17/galicia/1295294006.html (17- 01-2011)

    Sin embargo, parece que no se conocía la existencia de los vestigios encontrados en esta ocasión, de modo que el descubrimiento puede tener un valor mayor que el del monte de Moreira, según información de los encargados de la obra.
    En Fomento esperan que los trabajos se hagan “con la mayor brevedad” posible, de forma que no se paralice la actuación durante demasiado tiempo. Operarios de la empresa adjudicataria creen haber detectado piezas cerámicas en el terreno, aunque a simple vista y tras las primeras excavaciones, apenas puede percibirse el origen del hallazgo.
    Dentro da mesma notica:
    Una necrópolis ya frenó la autovía Lugo-Santiago (31- 07-2010)

    …. “Tras investigar la zona e incluirla en el Inventariado del Patrimonio gallego, la empresa encargada de acometer los trabajos pudo continuar la obra, quedando los restos bajo el asfalto.”…

    …”técnicos de la empresa compostelana Zeta Arqueología que realizan las labores de búsqueda, catalogación e inventariado y los responsables de la UTE Palas, encargada de la obra, declinan explicar lo que encontraron en el monte “por carecer de autorización”. Si bien, ambas fuentes indican que las excavaciones se corresponden con un “área de cautela” recogida en el propio proyecto de obra”…

  9. Elixio Vieites
    10 / Febreiro/ 2013

    O anónimo era eu. Disculpen a incognita

  10. magago
    10 / Febreiro/ 2013

    A verdade é que eu xa estou perdido cos achados de Palas de Rei. Neste concello houbo unha escavación enorme, dunha serie de poboados do Calcolítico e do Bronce, sucedéndose no tempo e no espazo durante centros de metros. Pero o secretismo con este outro achado é absolutamente tremendo. Parece que atoparan uranio enriquecido ou así.

  11. solpor
    11 / Febreiro/ 2013

    Co tema da confidencialidade topamos… en fin, dicir que Zeta que é unha das poucas empresas que traballan nas infraestruturas deste país (por certo a endogamia xa cheira. Todo o exposto nesta entrada e noutras vén a amosar que o tempo está poñendo en evidencia á arqueoloxía profesional, e, ou somos capaces de facer unha renovación completa ou, está condeada mesmo a desaparecer. Que unha empresa do sector non explique os achados, non os divulgue (xa pasou máis veces) por cláusulas absurdas, atenta contra a liberdade de expresión, pero tamén vai contra do regulamento da propia actividade arqueolóxica, contra a lei de Patrimonio… Conste que ó parecer a lei de propiedade intelectual protexe máis a quen paga que a quen estuda un xacemento, algo que preguntamos no seu momento porque queriamos divulgar unha intervención, e pois non, non podiamos sen o consentemento da promotora, que ten narices non?

    Que teñamos que saber do que se saca á luz polos xornais, co pouco que din, ten tela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará