Bendoiro: unha secreta posta en valor

Last updated on 11 / Febreiro/ 2013


Foxo e parapeto do castro de Bendoiro (Lalín).

Despois que escribín o post sobre os mortos da Idade do Ferro, quedáronme gañas de volver polo Castriño de Bendoiro, onde no 2007 se anunciara oficialmente a aparición de alomenos dúas tumbas dese período. É dicir, eran as primeiras tumbas oficiais da Idade do Ferro en Galicia, recoñecidas oficialmente. De aquela publicara unha historia sobre o lugar. Daquel día en Bendoiro hai xa cinco anos, había tanta calor que lembro que a videocámara literalmente ardía.


LIDAR do conxunto arqueolóxico. Fixádevos a vía vella do tren (esquerda) e o túnel do AVE (dereita) por baixo dos parapetos do Castriño.

Bendoiro xenerara moitísima polémica, aínda que curiosamente, as hemerotecas que repasei para este post non conserven nada dela. Só observamos esa tensión nos comentarios daquel post en Capítulo Cero. O PXOM de Lalín ubicaba o Castriño de Bendoiro a moitísima distancia de onde está en realidade, e os enxeñeiros que planificaron o AVE trazaron o traxecto directamente polo medio e medio do xacemento arqueolóxico. Salvouse polos pelos. O castriño foi escavado durante un longo periodo por un enorme equipo de máis de 20 técnicos, que exhumaron non só o recinto amurallado, senón -e isto era o máis chamativo- numerosas estrutura en negativo: foxos que cinguían o recinto, gabias de edificios estraños e as famosas tumbas. O sitio arqueolóxico era ademáis especialmente intrigante, xa desde a época do Seminario de Estudos Galegos, pola suposta proximidade de dous recintos castrexos. Este fenómeno, que sempre é curioso, é máis habitual do que parece.

Como podedes ver no LIDAR, a solución que adoptou Adif para Bendoiro foi a dun túnel que circula por debaixo do xacemento arqueolóxico do Castriño. O castro de Bendoiro, unha masiva e potente estrutura defensiva ubicada a escasos metros, non foi intervido arqueoloxicamente xa que se atopaba fóra da área de impacto.

O outro día, como dicía, quixen achegarme por aló. Baixamos ata a aldea de Castro e cal foi a nosa sorpresa cando nos atopamos unha área posta en valor que ninguén se tomara o traballo de sinalizala previamente ou anunciala. Varios paneis ían explicando as características dun xacemento arqueolóxico con “estruturas singulares”. Que quere dicir isto?


Plano de Bendoiro (tirado do panel).


Foxos na área norte e estribo para a pasarela sobre o foxo (fotos tiradas do panel)

O Castriño de Bendoiro amosou unha curiosa e interesante estrutura. Efectivamente, ao carón dese castro convencional, había outra estrutura, o Castriño, con foxos, parapetos e un curioso sistema de ponte “levadiza” para pasar ao interior do castro -é posiblemente unha das primeiras que se documentan para un castro. Pero o equipo arqueolóxico descubriu que cinguindo o Castro e o Castriño había ata catro liñas de foxos que delimitaban os dous xacementos aparentemente distintos e, realmente unificando os dous xacementos nun único espazo singular. Algo estrañísimo e único: habería como dous “núcleos” de vivendas (do que alomenos no Castriño eran de madeira e palla barro, como en boa parte do interior de Galicia e nas Illas Británicas), canda un gran espazo de uso común con estruturas, hoxe en negativo, das que non se poden tirar conclusións sobre a súa función. As dúas tumbas apareceron ao oeste deste xacemento. O castro finaliza no cambio de era: un dos seus elementos singulares é a aparición dunha moeda da caetra (esas fascinantes primeiras moedas de Galicia das que xa temos falado).


Tumbas, representación idealizada e enxoval (os especialistas en ourivería podedes xulgar se este enxoval é II Idade do Ferro ou doutra época, eu non o sei).

O alucinante, a paradoxa, é que estes paneis -ben preservados porque por alí non vai nin o apuntador- son os únicos documentos feitos públicos sobre os achados de Bendoiro, cando menos que eu saiba. As memorias de intervención estarán depositadas en Patrimonio, pero estas estruturas “singulares”, e polo tanto, de enorme valor científico, figuran ausentes da difusión cara o público xeral e mesmo cara a propia comunidade científica, que debera desprazarse a Compostela se quixera lelas. Lembremos que son as primeiras tumbas da Idade do Ferro que un arqueólogo afirma en público ter localizado en Galicia (aínda que hai algunhas discusións sobre a súa cronoloxía).

A propia “posta en valor” evidencia o drama do investimento subsidiario das grandes compañías de obras públicas do Estado: son obras para salvar a cara. E vou xustificar o meu razoamento: consultando as notas de prensa de ADIF relativas a Bendoiro, as notas falan da preservación do xacemento e da construción do túnel, pero en ningún momento falan da súa musealización. A socialización do xacemento salvado, recuperado e sinalizado é totalmente accesorio, irrelevante, e unicamente unha operación para encher un informe de boas prácticas e actuacións que é inocuo e irrelevante desde o punto de vista do uso social do xacemento. En Bendoiro obsérvase perfectamente: hai catro paneis que van explicando diferentes partes deste singular xacemento galaico, pero a musealización “esquécese” de sinalizar, alomenos desde o exterior, o Castro de Bendoiro, con diferencia o elemento máis monumental (un gran foxo e parapeto) dun conxunto que hoxe está xa cheo de xestas. E non o sinalizan, xógome algo, pola simple razón de que xa está fóra dos terreos de ADIF, así que me lavo as mans aínda que iso impida a comprensión global do xacemento para o público xeral (e non era preciso adquirir eses terreos, un panel na zona que si pertence a ADIF, explicando o castro que está xusto enfrente, tería abondado). A rehabilitación de Bendoiro non estivo acompañada por unha posta en valor social deste novo recurso e activo económico e cultural no territorio. Pura manobra de lavar as mans.

Pero o despropósito faise aínda máis singular cando un se decata de que un conxunto arqueolóxico tan interesante non está sinalizado desde a estrada, é dicir, que é invisible para moitísimos visitantes potenciais. Estou convencido de que moitos amigos de Capítulo Cero que fan esa estrada descoñecen a existencia do recurso, por exemplo. Máxime nun concello, Lalín, que nos últimos meses anda pregoando o seu interese polo patrimonio arqueolóxico da Idade do Ferro, coa rehabilitación dun pazo que fará de centro de interpretación da cultura dos castros, e o estudo de varios xacementos. Pero se un mira as datas, se cadra se poida entender por que este xacemento é “invisible” para o concello de Lalín e non está sinalizado alén das competencias de ADIF: aínda que non teño todos os datos, é máis que posible que esta musealización se levara a cabo durante o goberno de Zapatero, por unha empresa dependente do goberno central, ADIF. Lalín é gobernada polo PP, e tamén o era naquel momento (2007-2008). Ou moito me trabuco, ou xogaríame algo a que os castros só molan cando os traballamos desde o mesmo partido.

Como visitar Bendoiro:


Ver Roteiros de Capítulo 0 nun mapa máis grande

4 Comments

  1. Ouhhh
    3 / Febreiro/ 2013

    A ver si algún día existe algo parecido á FOIA dos USA. Para ser xustos algo ten andado a Xunta no tema da difusión da información, pero Cultura non é precisamente un exemplo.
    Mentres non veña da UE un mandato creo que imos tardar moito en ver a difusión dos informes “privados” das Consellerías.

  2. Elixio Vieites
    4 / Febreiro/ 2013

    Esto recórdame un pouco aos petróglifos de debaixo da autovía AG 56 ao seu paseo por Bertamiráns. Ninguén se enterou que estaban alí con paneis explicativos e todo. A día de hoxe os carteis xa están sendo pintados con sprays e cousas así, e non hai tampouco nada de sinais dende o centro do pobo para visitalos. Un caso moi típico, coma sempre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará