As fervenzas de Roxos: unha miniexcursión para a resaca


Fotos: Sole

Teño por costume celebrar o primeiro de ano visitando algún espazo natural que me inspire. Hoxe, que ben sei que o corpo non está para moitas ledicias, recoméndovos un lugar precioso a 10 minutos de Santiago e moi descoñecido, agás para os rapaces da aldea de Quistiláns, en Ames. É o río Roxos, no seu tramo final antes de confluír co río Sar. Aquí, o río colle unha enorme velocidade e vai chimpando en pequenas fervenzas e rápidos, nunha natureza privilexiada. Un non se agarda unha paraxe tan fermosa tan preto da cidade.

Para chegardes, deixade o coche máis ou menos onde vos indico aquí (mellor no depósito de augas) e seguide camiño ata baixardes ao río. O acceso é doado. Ides ver enfronte as ruínas dunha antiga fábrica (creo que non se vai por aquí) e tamén ao carón o impresionante castro de Quistiláns. Para ir con nenos está moi ben (coidado con non esvarar).

Como chegar:


Ver Roteiros de Capítulo 0 en un mapa más grande

11 Comments

  1. 1 / Xaneiro/ 2013

    No no digha moi alto que o sitio xa ten unha absurda pista de cemento cara ás silvas… Cando non hai moita auga pódese cruzar fácil o Roxos e procurar a súa fin no Sar. Aló o Sar fede mal e baixa cheo de escuma e merdallada entre penedos. É o sistema defensivo do Castro e castelo de Mirás, infestado de eucalitos, xunto co seu alto parapeto. Moi recomendable.

    As ruinas da fábrica, estaban bastante limpiñas cando as visitei, tamén se chega, e desde elas parte un caminño que creo, cruza pola Devesa Real por Silvouta cara a Villastrexe.
    Saúdos.
    http://www.flickr.com/photos/lansbricae/4017830246/

  2. 2 / Xaneiro/ 2013

    Sempre que paso pola autovia de noia chamamme a atención as ruinas esas, perdidas no medio da fraga, pero non deben ter moito interés cando non dis nada delas……joooo. Falando de fervenzas recoméndoche unha moi interesante que tamén está perto de santiago, no concello de boqueixón, a de Codeso, deixo a entrada do blog se sé pode para así ver as fotos,
    http://www.poligonodevite.blogspot.com.es/2012/11/a-fervenza-de-codeso.html

  3. 2 / Xaneiro/ 2013

    Xose, as ruínas non as visitei. O río estaba moi crecido e non se podía pasar para o outro lado. Volverei dentro de pouco, porque me interesan moito en plan patrimonio industrial, e así fágolles a ficha en patrimoniogalego.net.

  4. Antón
    3 / Xaneiro/ 2013

    Gago, á fabrica podes ir por unha pista de terra que sae da antiga estrada de noia.
    Á altura dunha farmacia pegada a un garaxe de Autobuses, pouco despois de entrar en Roxos e pasando a igrexa que che queda a man dereita (indo dirección Bertamiráns) está a entrada da pista.
    Vaiche resultar interesante a saída da auga dos muíños ao río Sar (leva mascarilla)
    Un pouco máis para arriba do río está a antiga Ponte Cabirta, moi digna de ver, que foi derruida por unha riada.
    Ti se vas investiga un pouco esa zona porque hai un monte de mimoseiras e tras del uns outeiro de pedras que nunca cheguei a mirar ben

    Parabéns!

  5. Elixio Vieites
    3 / Xaneiro/ 2013

    Por esa zona hai un petróglifo case irrecoñecible no outerio de Pedra Estivada (mirar no sigpac, por enriba do cemiterio), a vista sobre o val é moi boa. Está a beira do camiño antes de comezar a baixada as fervenzas. Aínda no atopei, pero de seguro que pasei ao seu carón. Toda a zona é moi interesante.

    http://petroglifosdegalicia.blogspot.com.es/2008/10/petroglifo-de-pedra-estivada.html

    O Castro de Mirás
    http://patrimoniogalego.net/index.php/14619/2012/03/castro-de-miras-de-arriba/e
    Si un día te animas a vir pola zona temos que ir a un castro (ou dous) que prometen (e moito), moi pouco visitados e que se vai á hora do café.

  6. 3 / Xaneiro/ 2013

    O petróglifo queda na rocha que se ve no google maps: 42.866053,-8.623083

    É doada de atopar. Sae un camiño á esquerda da estrada. Subes os 20 ou 30 metros de costiña e xa se ve o afloramento á dereita, a outros 5 ou 10 metros. Eu na rocha só teño visto pías naturais e algúns posibles sucos moi erosionados. Xa van varios anos no que nesa rocha xogan no verán un grupo de bolboretas… http://www.flickr.com/photos/lansbricae/7426481758/
    Saúdos

  7. Antón
    3 / Xaneiro/ 2013

    Prácticamente non se distingue nada na ”Pedra Estivada” agás as pías naturais que comenta Lansbricae.
    Mais si que é unha zona moi interesante.
    A carón da Pedra Estivada, pasa o muro que separa a parroquia de Bugallido da parroquia de Ortonho.Ese muro morre no río de Roxos, e ten varias ”pedrafitas” (non sei se ese é o nome) curiosas.
    Pero o que máis me chamou a atención son uns muros dunha construcción na beira do río, que non lles atopo explicación, porque sei que de muíños non son, por tanto deben ser un pouco máis antigos. E parece algo bastante máis grande ca un muíño.
    Gago se voltas pola zona, na vez de ir pola pista de terra que te leva ás fervenzas ”a parte d’abaixo”, sobe pola pista que vai cara o cemiterio (de asfalto) e continuas pola pista de terra ata a última curva.Ahí está a que nós chamamos ”parte d’arriba” do río e esa pista de cemento que di Lansbricae (á man dereita)
    O sitio sigue sendo precioso só que Espiña e Delfín fixo unha presa no río pra captar auga pra Bertamiráns…
    Pero un pouco máis abaixo da presa nas pociñas que fai o río, á dereita baixando podes ver eses muros baixo das silveiras.Cando os vin veume á cabeza o das ”repúblicas dos homes libres”.
    Pois iso, un día que queiras dar un paseo xa sabes.

    P.D. Se realmente voltas algún día, no momento en que sobes esa costa de asfalto paralela á autovía, direción cemiterio, para na metade e sobe a ese outeiriño de pedras que parece cheo de dolmens pequenos.

    Saúde!

  8. magago
    3 / Xaneiro/ 2013

    Moitas grazas, Antón!

    Señores, a verdade é que cos datos tan chulos que destes neste fío non hei tardar moito en volver. Viva a internete!! :-)

  9. 15 / Xullo/ 2017

    Grazas pola información!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará