Gastromanía Casa de Xantares: restauración heroica

Last updated on 2 / Xaneiro/ 2013


Fotos: Sole

Souben de Gastromanía Casa de Xantares, o proxecto do mozo cociñeiro Nacho Rodríguez, cando se abriu, na localidade ribeirense de Palmeira. A axenda e as liadas nas que ando metido impedíronme ir probar unha novidade gastronómica tan suxestiva na miña vila de nacemento. Nacho Rodríguez pertence a unha importante xeración de cociñeiros que beirean, nestes momentos, a trintena. Son xente con moitas gañas e ilusión que segue, moitas veces, camiños ben distintos e que na súa maior parte está a emprender proxectos modestos pero cheos de ilusión; a súa xeración non está tan definida coma o grupo Nove, pero están aí, e nestes momentos están curtíndose na dura trincheira da crise, pero tamén dunha gastronomía contemporánea que se está redefinindo pero non sabe moi ben cara onde.

Por iso é louvable a iniciativa de atreverse a abrir un local de cociña con toques creativos nunha vila tan conservadora gastronomicamente falando como Palmeira. Palmeira ficou a medio camiño entre a Pobra do Caramiñal e Ribeira no ámbito dos servizos, pero tamén da restauración. Nacho abriu no barrio máis “distante” desta vila, o Norte, e desde alí, coa axuda dun camareiro, bátese con imaxinación contra un destino no que moitos non se atreverían nin a comezar.

Non coñecía a súa comida e a verdade é que fiquei máis que satisfeito. Fiquei tan ben que se produciu iso que pasa en moitos sitios: tes gañas de volver rápido para probar máis cousas, outras habilidades do cociñeiro. Nacho ten unha carta pequeniña, moi baseada no mercado e na tempada. Se lle pides menú degustación (35€), elabórao basicamente a partir de racións pequenas desa carta. Digamos que case te comes a carta enteira a bocados. Economía de guerra, si, pero tamén sentidiño. O día que comimos en Gastromanía Casa de Xantares viña nostálxico do Barbanza, viña nostálxico do pasado. De algún xeito, a baixa deume tempo e espazo para pensar nas orixes. Quería que a cociña tamén o fixese. E fíxoo, abofé.

Comezamos cun caldiño de peixe sapo, ben concentrado, para temperar o bandullo nos días de invernía coma estes. De seguido, un langostino con orellóns, berberechos con wakame e unhas boas ameixas metéronme de cheo na ría de Arousa. O complemento dun choco asado (eu non sei, pero para min a ría é esencialmente o sabor, tostadiño, do choco e da lura) alegroume de vez.

Os pratos maiores, unha pescada fritida cun pisto, era digno de aplauso. Mira que é un prato sinxelo, pero todo, desde o empanado ata a cocción uniforme e no seu punto do interior, co sabor tenue da carne da pescada constrastado alegremente pola cama de pisto, facíao un prato absolutamente delicioso. E despois, un prato sinxelo que emocinou. Un polo guisado con chícharos que, asegúrovolo, era tal cal o facía a miña avoa. Comida de domingo oficial nas casas do Barbanza!

O capítulo de postres foi o máis frouxo do xantar. Unha piña con xeado e unha sopa de chocolate que ao meu ver non estiveron á altura do resto do menú. Acompañámolo, por certo, cun excelente Ribeiro tinto, o Tarabalo en barrica de carballo galego. Relación calidade/prezo insuperable.

En resumo, Gastromanía Casa de Xantares é un proxecto bonito, modesto e persoal; un exemplo da supervivencia e da ilusión por facer unha gastronomía distinta e conseguir racionalizada para soster o proxecto, a prezos moi asumibles. Pero ademáis, o talento de Nacho Domínguez para crear un moi bo menú a partir de produtos sinxelos e aparentemente modestos é notable. Desde aquí todo o noso apoio pero, ademáis, volveremos con moito gusto. É unha alegría que no Barbanza comecen a nacer sitios que manteñen a esencia e os sabores locais con toques actualizados.

2 Comments

  1. Lois
    30 / Decembro/ 2012

    Eu son da Coruña, pero paso os veráns en Palmeira. Encántame a proposta, así que no próximo toca

  2. Andrea
    21 / Xaneiro/ 2013

    Probamos o sitio esta fin de semana e a verdade e que quedamos moi satisfeitos, un sitio con “sentidiño”,como di alguén por ahí. Entre a cociña, estupenda, e a agradable atención, pasamos un rato féliz, que é do que se trata, e con moi boa relación calidade prezo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará